A memoria asulagada

As escasas precipitacións dos últimos meses están deixando situacións atípicas no país. Entre elas, o baixo nivel das augas dos éncoros para esta época do ano, o que levou á Xunta de Galicia a activar recentemente a prealerta por risco de seca.

Un dos encoros máis grande de Galiza, o encoro de Belesar, inaugurado no 1963 polas autoridades franquistas como unha das mostras máis maxestuosas da súa política de “desarrollismo económico”, tamén está sufrindo esta situación de seca, e como consecuencia, moitas das construccións que no seu día foron asulagadas polas augas do río Miño saen de novo á superficie. A construcción do encoro de Belesar supuxo, como en moitas outras zonas do Estado español, o desprazamento forzoso dos veciños e veciñas dos pobos próximos ao río na zona na que se proxectara o encoro.

Pobos como Abideira, Santa Marta, Pincelo, Ponte Fortes, A Samugueira, San Paio, Mourulle, Portomeñe, A Hermida, Ribó, por exemplo, foron asulagados trala construcción da presa de formigón, e os seus veciños, ante o crecemento do nivel das augas do río Miño tiveron que fuxir deixando tras de sí todo canto tiñan para comezar de cero.

Hoxe, por mor da excepcional situación meteorolóxica que vimos sufrindo nos últimos meses, esas construccións emerxen como pantasmas de entre as augas. Emerxen como o recordo dunha inxustiza, como o recordo da morte de máis dunha ducia de pobos como consecuencia da política económica de “Paquito el de los Pantanos”, como o recordo dun espazo sepultado por unha fría lousa azul no que os veciños e veciñas de todos eses pobos vivian, e do que vivían.

Canda os restos das paredes das casas, os restos dos cortellos, os muros das hortas, a memoria dos veciños que as habitaron, que gargaron neles os seus animais, e que as traballaron, ficou sumerxida. Canda aos restos que agora emerxen das augas por unha cuestión climática, así tamén ten que emerxer a memoria deses que un día tiveron que marchar das súas casas para non morrer afogados, e ten que emerxer por unha cuestión de xustiza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.