0 Gardados para despois

Pepe Arias e Luca Chao

Irmos máis alá!

Agora cómprevos dicir, mozos da nosa Terra, se pensades seguir indo costa abaixo polo tempo ou encarados co porvir.
Se queredes libertarvos do xerme da vellez e da morte. Se queredes adonarvos da vosa mocidade ou seguir sacrificándoa nun altar de Mitos e Fracasos.
Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: ¡Máis alá!
Manoel Antonio

Xusto despois das pasadas eleccións galegas do 25S reflexionabamos neste mesmo medio de comunicación sobre os desafíos que tiñamos que asumir os diferentes axentes e espazos cidadáns que conformamos En Marea para darlle corpo orgánico e dotar de iniciativa política á primeira forza de oposición do noso país. Daquela aínda non se abrira o proceso de debate e de deliberación no que estamos inmersos hoxe, para elixir o mellor proxecto e as mellores persoas para conseguir ese obxectivo. Un proceso que vai máis lento do que a nós nos gustaría, pero no que se foron dando pasos inequívocos nesa dirección.

Xa entón se anticipaban dous dos nosos retos fundamentais, que agroman neste intre, e que están no fondo da elección da dirección política de En Marea: dunha banda o de decantarse entre aqueles que ven En Marea como un mal menor necesario para sobrevivir, e os que defendemos que En Marea non naceu para ser unha opción electoral con data de caducidade, senón unha alternativa política de futuro; e, por outra, a proliferación de lecturas de parte que tratan de valorar o proceso en función de intereses concretos que pouco ou nada teñen que ver coa política. Unha visión miope que pode representar a derrota do proceso se non artellamos formas de cooperación sólidas e respectuosas coa pluralidade, así como o fornecemento dunha nova cultura política compartida, que infelizmente hoxe aínda goza dunha grande fraxilidade.

Nese contexto emerxe a candidatura Máis Alá para o Consello das Mareas: nela participan persoas de diferentes sensibilidades, tanto de organización políticas como de mareas e persoas sen adscrición, que veñen de sitios moi diferentes pero teñen en común a aposta firme e decidida pola confluencia, aquí e agora, con independencia absoluta do que se decida nas diferentes asembleas e congresos que terán lugar nos vindeiros meses – a ninguén se lle escapa a celebración da asemblea de Vista Alegre II, da III Asemblea Nacional de Anova e da XII Asemblea Nacional de EU -. En Máis Alá hai persoas comprometidas para que en Galicia a Unidade Popular sexa o espazo central da nosa acción política, recollendo o ADN da primavera municipalista de 2015, indo alén do mero márketing electoral, tecendo rede para unha auténtica revolución democrática neste país. Persoas decididas a construír en común, sen sectarismos, tanto o diverso espazo de ruptura que queremos que sexa En Marea como o país que precisamos.

Por iso, En Marea nunca será un partido vertical clásico, e o tempo da súa forma como coalición electoral tamén pasou, cuxas eivas padecemos até non fai moito. Esta afirmación non descansa en valoracións idealistas, se non no propio substrato material do que se dota este espazo. Non hai atallos: ou se entende a complexidade interna do espazo, ou se traballa non tanto na súa implosión, como no mantemento dunha carcasa electoral válida para navegar conxunturalmente, entrementres se favorece a consolidación das posicións de parte, xa sexa para a subordinación de En Marea ás dinámicas estatais de Unidos Podemos ou para unha eventual recomposición do nacionalismo galego. Impugnamos radicalmente estas dúas lecturas - máis ou menos explícitas, máis ou menos conscientes - porque entendemos que a aposta pola Unidade Popular parte dunha estratexia a medio e longo prazo para construírmos un suxeito político galego capaz de articular unha maioría social que sexa quen de frear nas rúas e nas institucións a ofensiva do neoliberalismo e o empobrecemento dunha democracia xa de por si precaria, como é a que emana do Réxime do 78. Somos optimistas porque entendemos que existen persoas nos diferentes espazos que veñen demostrando valía e capacidade para encamiñar En Marea nun vieiro que está aínda por construír, e para o que as cartografías que herdamos xa non serven: como sinalou Georg Lukács, a viaxe comeza cando remata o camiño. Toca saír da comodidade dun camiño que xa sabemos como remata e comezar a viaxar.

Temos a certeza de que cada vez que dedicamos tempo a falar do noso instrumento en vez das nosas propostas políticas perdemos capacidade de sedución, pero non é menos certo que para ir Máis Alá cómpre deliberar sobre as nosas inquedanzas. Que, como e con quen non son preguntas desligables, senón temas necesarios sobre os que reflexionar para de verdade ser útiles á sociedade. Temos que volver aos nosos mellores momentos: cando enchemos as rúas de dignidade, cando sacamos o zapato de novo, cando recuperamos Compostela, A Coruña e Ferrol para a xente, cando Mariano Rajoy e Núñez Feijóo pensaron en que terían que facer as maletas. E ao contrario do que acostuma a dicirse, as ideas e as persoas son a base de calquera proxecto político. As ideas, porque tras unha mala diagnose podemos apañar, sen querelo, derrotas que nos leven á irrelevancia política en pouco tempo. Torres máis altas caeron. E as persoas, porque neste ciclo tivemos tempo para todo: para discrepar, coincidir, caer, anoxarnos, celebrar… e fundamentalmente para entender que non temos nada que perder e só unha Galicia para gañar. Que para poder virar o rumbo das políticas austericidas e termos a capacidade de facer políticas para o 99% non serve refuxiarse nas identidades militantes, senón seguir tendendo a man para ter un nós máis amplo e inclusivo. Querémolo todo e imos traballar arreo para conseguilo.

Acerca de Pepe Arias e Luca Chao