Axentes da orde cultural, os 'Terracota Warriors' de Abel Caballero

Este ano cúmprese unha década de mandato de Abel Caballero como Alcalde de Vigo. Dez anos que en materia de política cultural e de cultura urbana nos sitúan no limiar dun preocupante abismo sideral en cuxo interior e ante o abraiante silencio da comunidade artística crítica e profesional crece un buraco negro de importantes dimensións. Toda canta potencia creativa é liberada na cidade de Vigo, fóra de pequena pero intensiva rede de poder que rodea na área de cultura á Alcaldía, é sistematicamente absorbida pola súa forza centrípeta. Ao igual que o resto do universo, a vida cultural en Vigo componse dunha elevada porcentaxe de materia escura conformada por esas prácticas en arte e investigación que a forza de ver interrompidas as súas normais conexións orzamentarias, técnicas e políticas vense impedidas para transmitir calquera tipo de radiación electromagnética, incluída a luz. É por iso que a claridade e a conexión da información resultan de vital importancia para poder comprender que é o que (non) está a suceder aquí, en Vigo.

Dez anos que en materia de política cultural e de cultura urbana nos sitúan no limiar dun preocupante abismo sideral en cuxo interior e ante o abraiante silencio da comunidade artística crítica e profesional crece un buraco negro de importantes dimensións

Semella que coa recente noticia da renuncia en diferido do director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, á renovación do seu contrato o próximo mes de novembro, abriuse certo debate en torno ás políticas culturais  municipais. Un debate en conexión directa con situacións como as que afrontan o Museo de Belas Artes de Bilbao, o Centro de Cultura Contemporánea de Córdoba ou o propio Museo do Prado en relación cos procesos de contratación pública para a provisión do seus postos de dirección. Custa crer que a estas alturas a esixencia dun concurso público para a selección dun proxecto reitor para os nosos equipamentos culturais siga a ser unha discusión aberta, máxime cando a súa convocatoria obedece ás obrigas e principios legais que rexen o funcionamento da Administración Pública. Pero alén disto e á marxe das manifestacións de apoio incondicional e constante indignación retórica que suscitan renuncias máis ou menos claras nos seus motivos como poden ser a do Director do MARCO, ou a do Director da Fundación Luis Seoane en Coruña, David Barro, trala declaración xudicial de nulidade do despido da súa antecesora, é momento xa de deixar de contribuír á proliferación de determinados modos de facer e dunha vez por todas comezar a compartir de xeito claro e directo toda a información. 

Custa crer que a estas alturas a esixencia dun concurso público para a selección dun proxecto reitor para os nosos equipamentos culturais siga a ser unha discusión aberta

Abonda xa de alimentar no interior dos pequenos círculos do mundo da arte contemporánea os rumores sobre cuestións de obrigada transparencia, relativas a agravios gobernamentais ou clarificadoras da preocupante situación técnica, laboral e orzamentaria das nosas institucións culturais. Basta xa, manter este silencio non é máis que contribuír ao baleirado funcional, orzamentario, profesional, e social do noso común cultural. Non podemos seguir consentindo que o medo ao rexeitamento de futuras colaboracións institucionais ou a enorme precariedade e intermitencia das nosas prácticas perpetúen formas de facer que se ben formalmente en moi contadas ocasións supoñen unha infracción legal, materialmente son, nunha ampla maioría, condutas que incorren na figura xurídica do ílicito administrativo da desviación de poder ou incluso nun enxuiciable fraude de lei.

É momento xa de deixar de contribuír á proliferación de determinados modos de facer e dunha vez por todas comezar a compartir de xeito claro e directo toda a información

A situación pola que atravesa agora o MARCO non é en absoluto unha novidade, hai tempo que os recortes orzamentarios e a falta de inversión privada impiden o normal funcionamento dos seus servizos. En realidade xa dende os seus inicios o proxecto museístico foi sempre acompañado dunha dubidosa autonomía económica e dunha importante falta de reciprocidade co tecido urbano profesional e cidadá, sen que o Museo chegase a ser quen de ir moito máis alá, a pesar da calidade das súas propostas expositivas, da elaboración dunha ou dúas nóminas xeracionais.

A situación pola que atravesa agora o MARCO non é en absoluto unha novidade, hai tempo que os recortes orzamentarios e a falta de inversión privada impiden o normal funcionamento dos seus servizos

Os despropósitos veñen acumulados. Dous nomeamentos de dirección por designación directa sen convocatoria pública nin sometemento aos principios de mérito e capacidade, tal e como esixe o redactado do artigo 81.1 da Lei 12/2006 de 1 de decembro de Fundacións de Interese Galego. A dubidosa regularidade do recurso á cesión de traballadorxs e estudantes, mediante convenios marco, para a cobertura dos servizos ao público do Museo. O peche do Anexo, único espazo público adicado á programación de xoves artistas na cidade, para substituílo pola instalo-decoración do artista Michael Lin, reconvertida en Hotel Marco aínda hoxe e a pesar do evidente estado de abandono do seu emprazamento, destinado á explotación hostaleira. O encadeamento continuado da contratación de servizos de formación sen convocatoria pública ou concorrencia de méritos para a dirección e docencia do  curso anual de arte contemporánea do Museo. O peche da Tenda do Museo e a súa reconversión nun espazo expositivo de innovación e novo comisariado máis ben pobre, por non dicir tecnicamente inadecuado. Todas estas cuestións aínda que puidesen parecer unha crítica a actual xestión son en realidade decisións que ao meu modo de ver non houbera sido posible non tomar. É dicir, o profundo asolagamento e falta de respecto ao que a Alcaldía somete o criterio artístico profesional e estético en Vigo é tal que a normalidade técnica e teórica na acción, creación e pensamento en arte contemporánea faise tecnicamente imposible. De feito, moitas das manifestacións e proxectos artísticos que logran salvar o fino peneirado institucional acaban, non podía ser doutro xeito, desactivando radicalmente as súas potencias e servindo únicamente de repositorios do que xa foi en arte en Londres, en Madrid, en ARCO en Brasil, en feminismo, en Bélxica, en 1990 ou en Bilbao sen que a produción e transmisión de coñecemento crítico e discurso colectivo chegue nunca a suceder.

Este forte control administrativo é posible, entre outras cousas, pola inxente acumulación de poder que o Alcalde de Vigo concentra na súa persoa

Este forte control administrativo é posible, entre outras cousas, pola inxente acumulación de poder que o Alcalde de Vigo concentra na súa persoa. Abel Caballero preside a Área Metropolitana de Vigo, a Federación Española de Municipios e Provincias, o Padroado da Fundación MARCO, o Padroado da Fundación Laxeiro, o Padroado da Fundación Vigo en Deporte, o Padroado da Fundación Axencia Intermunicipal de Enerxía de Vigo, é Vicepresidente da Fundación Liste e membro do Consorcio da Zona Franca, da Fundación Provigo e do Consello de Administración da Autoridade Portuaria. Xunto co Alcalde, os concelleiros de fomento e cultura, David Regades e Cayetano Rodríguez, compoñen un curioso triunvirato que concentra numerosos cargos e competencias dentro dunha ampla variedade de organismos representativos. É obvio que a concentración de poder, ademais dunha práctica contraria aos principios do ordenamento xurídico é unha potente marca de estilo na política cultural municipal. Tan só hai que lembrar as declaracións de Abel Caballero durante a rolda de prensa de presentación da programación do MARCO o pasado 2015. O Alcalde, ante a petición dunha xornalista de que o director do Museo referendase as súas declaracións sobre a redución orzamentaria da achega anual da Xunta de Galicia, respondía arrincando literalmente o micrófono e o turno de palabra a Iñaki Martínez: “O Alcalde de Vigo non necesita que ningúen refrende as súas palabras. As palabras do Alcalde refrendaas a cidade mediante o voto”. Esas son as maneiras ás que o Alcalde nos ten acostumadas. De aí a súa contundencia á hora de afirmar en entrevista do pasado 28 de decembro a Onda Cero, que “Non ten por que haber un Concurso Público. Ademáis imos cambiar o proxecto, imos facer un proxecto distinto ao Museo MARCO”. Pero, a quen corresponde esa decisión?

Na cidade de Vigo non existe (...) canle de acceso á participación na vida cultural municipal que non sexa a recomendación persoal doutra artista ou xestora coa que o Concello xa traballara

Na cidade de Vigo non existe plan reitor público algún en materia de política cultural. Tampouco existe canle de acceso á participación na vida cultural municipal que non sexa a recomendación persoal doutra artista ou xestora coa que o Concello xa traballara, norma interna da Concellería de Cultura. O acceso á vida cultural municipal, é dicir, á participación na distribución de recursos e nos espazos de visiblidade e representación é un dereito humano fundamental garantido, ademais de pola protección xudicial dos Tribunais, en concreto do TEDH (Tribunal Europeo de Dereitos Humanos), pola Carta de Dereitos Fundamentais da UE e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU (PIDESC). Pois ben este dereito, en Vigo, é sistematicamente vulnerado pola Administración Pública. Unha interesante vía para a imaxinación política e o activismo cultural ábrese no campo do Dereito Administrativo. Co gaio de facer dese campo, o campo da festa, levamos meses desbrozando.

Quen rende contas do baleirado de funcións da recentemente inaugurada Pinacoteca de Vigo ou do aínda por inaugurar Centro Fotográfico de Vigo?

Volvendo á pregunta que deixábamos no aire; Quen decide que en Vigo? Cales son os criterios técnicos mediante os que Ignacio Oliveira López, Xefe de Museos Municipais, decide o que se programa e que non se programa na Casa das Artes? É a súa competencia a dirección artística dos espazos Museísitcos da cidade? É a súa formación técnica adecuada e actualizada conforme as boas prácticas profesionais para o cumprimento das súas funcións? Quen rende contas do baleirado de funcións da recentemente inaugurada Pinacoteca de Vigo ou do aínda por inaugurar Centro Fotográfico de Vigo? Como é posible que se fagan exposicións de arte nunha sala fantasma –xa que tecnicamente é o hall do despacho do Alcalde–, chamada Alcaldía? Por que no ano 2016 é comisario de todas as exposicións que se fan nesa sala, baixo o título xenérico de Mostrarte, o artista Mingos Teixeira? Por que eses seis comisariados contrátanse mediante seis contratos menores de servizos sucesivos sen xustificación? Como é posible que sendo Mingos Teixeira Secretario de Cultura do PSOE en Vigo sexa contratado sistematicamente como comisario da Sala Alcaldía? Non supón falta de obxectividade que entre finais do 2015 e este mesmo ano el mesmo  expoña na Casa das Artes a súa obra persoal? Que a filla de Mingos Teixeira, Susana Teixeira, sea adxudicataria no 2016 dun contrato directo de servizos para prover ao Concello de Serigrafías como agasallo institucional por importe de 17.659,47 € e o seu irmán Juan Teixeira sexa o adxudicatario do contrato menor de servizos pola coordinación do proxecto artístico Urbanizarte por importe de 13.994,25 €, non son feitos que deberíamos analizar?

As preguntas son moitas e a información está a disposición da cidadanía no portal de transparencia do Concello, algunhas desas preguntas son realmente preocupantes

Podemos seguir, as preguntas son moitas e a información está a disposición da cidadanía no portal de transparencia do Concello, algunhas desas preguntas son realmente preocupantes: Como é posible que o socio único e administrador da empresa Organización de ideas de éxito, S.L. coa que a empresa adxudicataria da xestión do Auditorio do Mar de Vigo ten contratada en réxime de exclusividade a programación cultural, Jesús Ignacio Teixeira Rodríguez, teña os mesmos apelidos que o Secretario de Cultura e comisario da sala Alcaldía? Aínda máis, Por que o Concello ten asinado un convenio polo que aporta unha subvención directa xustificada no excepcional interese público das actividades programadas, por importe de 500.000€ anuais se a empresa adxudicataria do Auditorio está inmersa nun proceso de concurso de acreedores por unha débeda de a lo menos 2 millóns de euros anuais? De verdade imos permitir que a progresiva Disneyficación da cidade acabe por desprazar o foco crítico das cuestións fundamentais? Por se todo isto non fose suficiente e aínda sabendo que non é máis que o principio, estes días publicábase o resumo das achegas realizadas dende o Concello aos medios de comunicación empresariais, supostamente independentes.  Cantidades que no caso do Faro de Vigo ascenden a algo máis de 243.000€ repartidos en contratos menores sen necesidade de xustificación previstos para gastos non superiores a 18.000€ cuxo encadeamento dista moito da legalidade contractual prevista para o Sector Público.

Estes días publicábase o resumo das achegas realizadas dende o Concello aos medios de comunicación empresariais, supostamente independentes

A estas alturas o estilo de redacción, tédesme que perdoar, vólvese ingobernable. É o que ten introducirse no delirio urbano de Abel Caballero, o texto que o atenda será inevitablemente igualmente delirado; conto coa vosa comprensión, eu persoalmente estou bastante asustada. A desbrozadora precaria coa que traballamos xa non da para máis nesta primeira incursión. O buraco negro está comezando a absorber toda a enerxía liberada e aínda non pensamos o peor. A Área Metropolitana de Vigo está por vir e con ela o seu plan de inversión e as súas UTEs de empresas de xestión cultural. E as bases do concursos públicos por redactar. Quen vai garantir a súa legalidade, obxectividade e transparencia? Que ferramentas velarán polo noso dereito constitucional á participación directa nos asuntos públicos de ámbito local?

A Área Metropolitana de Vigo está por vir e con ela o seu plan de inversión e as súas UTEs de empresas de xestión cultural. E as bases do concursos públicos por redactar. Quen vai garantir a súa legalidade, obxectividade e transparencia?

E no medio de toda esta triste situación chega a Vigo a exposición Terracota Warriors. The army of the first emperor of China, organizada polo Faro de Vigo en colaboración co Concello de Vigo. Unha colección de copias homologadas” das estatuas de terracota dos guerreiros de Xi’an coas que o primeiro emperador chinés da Dinastía Qin foi enterrado no convencemento da eternidade do seu mando. Con esta exposición inaugúrase o novo espazo cedido pola Autoridade Portuaria de Vigo, en convenio co Concello, para as novas dependencias da Garda Civil, El Tinglado. E eu non podo deixar de pensar que, como dicía Marguerite Durás, a realidade escríbese a si mesma: Vigo, ese Tinglado portuario no que o primeiro emperador vigués da Dinastía Dino, ao mando das súas tropas de axentes da orde cultural, aplastando mareas cidadás e invadindo prazas, cabalgatas, reunións de padroados e museos partirá cara o máis alá co milleiro de estaturas de terracota nas que a forza de obedecer, axentes culturais e intelectuais remataron por se converter. Nós, en previsión de futuras transformacións, non imos deixar de non parar quietas.

Tayone: Abel veu do futuro e trouxo consigo o seu poder humanizador (2015)

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.