0 Gardados para despois

Manel Vilar

Frikis, Asperger, autismo e desequilibrio de xénero

Aproximadamente nestas datas, cada ano celébrase o FOSDEM, a xuntanza de desenvolvedores, ou programadores informáticos, de código aberto máis grande de Europa. A conferencia impresiona polas súas cifras e os seus contidos. Centos de palestras sobre multitude de temas e milleiros de participantes. É un evento que a xente do sector devece por asistir, polo menos en algunha edición. Nada máis entrar, os asistentes axiña perciben un detalle máis que habitual nestes eventos: a proporción de sexos é totalmente desproporcionada a favor do masculino.

Por desgraza, a realidade é que a proporción de mulleres nos eventos tecnolóxicos é baixa. E é especialmente baixa nos eventos adicados ao desenvolvemento de software. No sector dos programadores informáticos, a presenza da muller por desgraza é ínfima. E este é un tema do que se ten falado e escrito moito nos últimos tempos, desde dentro e fóra do sector, e incluso tomado medidas de certo éxito para contrarrestar ese desfase, como convidar con preferencia a mulleres conferenciantes. Os temas de xénero sempre son complexos de abordar e este non o é menos. Desde aquí non quero comezar outra polémica, pero si tentar aportar unha visión complementaria das que se teñen dado ata agora.

Unha das teorías para explicar este gender gap, ou desequilibrio de xénero, é que durante os anos 80 o ordenador converteuse nun xoguete de nenos, en masculino. Deste xeito, o ordenador sería o regalo “caro” que os pais fan aos cativos, deixando outros menos complexos para as nenas. Deste xeito, ese xoguete convértese en afección e máis tarde en profesión e os nenos, ao térense familiriarizado con el antes, terían vantaxe despois ao accederen á universidade e buscar despois un traballo.

Outra teoría, tamén con fundadas bases na realidade, é o desprezo masculino aos avances femininos nese campo. Sendo un coto fechado de homes, as mulleres séntense ademais intimidadas neses ambientes. E para mostra, a polémica do ano 2015 no mesmo FOSDEM. Dito isto, persoalmente eu nunca presenciei ningún trato desconsiderado a ningunha asistente nestas conferencias. De feito, moitas conferenciantes testemuñan tamén nunca teren sufrido faltas de respecto en toda a súa carreira, aínda que hai constancia de que eses feitos efectivamente existan moi puntualmente.

Moitas veces no mundo real, un problema non se debe a un só factor. A diversidade e a igualdade de xénero é un problema tamén no mundo da informática. Por ese motivo, a investigación científica desideoloxizada é un factor a ter en conta e un paso importante de cara a, polo menos, tentar entender ese problema.

 

A diferenza fundamental

Por ese motivo, eu quería falar doutro factor ao meu xuízo pouco comentado. No ano 1997, o psicólogo Simon Baron-Cohen, publicou os seus traballos, que o levarían a producir a teoría “sistematización-empatización”. Dita teoría postula a existencia de dous tipos de cerebros: un masculino, máis enfocado en sistematizar procesos e profundizar nos detalles e outro feminino, orientado a empatizar e comunicarse con outras persoas. Esta nomenclatura pode levar a engano, xa que non se trata de cualidades exclusivamente masculinas ou femininas, senón que homes e mulleres teríamos esas cualidades en diferentes proporción, e esa proporción sería variábel dependendo da persoa.

Simon Baron-Cohen é ademais un reputado investigador no ámbito do autismo e do síndrome de Asperger, dúas condicións que están moi relacionadas. Outro desenvolvemento dos seus traballos é tamén a teoría do cerebro hipermasculino. Esa teoría asocia o espectro autista a un cerebro coas características hipermasculinas comentadas anteriormente, e iso explicaría o baixo ratio de mulleres autistas con respecto aos homes. Non deixa de ser unha teoría, e aínda queda moito por explicar, mais na actualidade é a considerada como unha das máis próximas á realidade.

Esa capacidade para sistematizar do cerebro hipermasculino é tremendamente útil no mundo da informática. Ao ser máis abundante nos homes, explicaría tamén o gender gap no desequilibrio de homes e mulleres no sector. Tamén explicaría a baixa empatía de moitos programadores, máis preocupados de resolveren problemas técnicos que de resolveren problemas sociais. Persoalmente, non son especialista, mais na miña experiencia unha porcentaxe bastante considerábel de desenvolvedores e informáticos presenta síntomas evidentes no seu comportamento que encaixan no síndrome de Asperger. Tense escrito tamén moito sobre a abundancia de xente co síndrome en Silicon Valley. Para quen teña interese, existen abundantes materiais na rede ao respecto del, na súa maioría gratuítos. Tamén existe un número abundante de tests que se poden facer online. Recomendo facer máis dun e non tomar conclusións precipitadas sen antes consultar cun profesional.  

Agardo que este artigo poda servir de axuda ou polo menos convide a reflexionar sobre estes asuntos. Infelizmente, a maior parte das ligazóns deste artigo están en inglés, xa que é a lingua na que máis materiais existen sobre estes temas. Espero tamén que non sexa un impedimento para consultar os materiais a aqueles lectores aos que lles interese profundizar neles.

Acerca de Manel Vilar