O sendeiro de Wall

Até o 25 de febreiro pódese visitar no CGAC unha retrospectiva da obra de Jeff Wall. Cita á que paga a pena acudir tanto polo traballo deste fotógrafo como polo dos creadores cos que dialoga en cada espazo do museo ―dicir que na exposición hai obra da flor e a nata da historia da fotografía.  O nome da mostra é O sendeiro sinuoso, título, á súa vez, dunha das fotos incluídas na mesma. A imaxe mostra un deses farrapos verdes que quedan nas cidades entre predio e predio, entre estrada e estrada, un non-lugar de paso, unha paisaxe-cyborg (medio natural, medio artificial) na que o sentido práctico da xente e a erosión dun fluxo continuo de pisadas trazou, gastando a herba, un caminiño que nunca aparecerá nos mapas oficiais pero que, se cadra, une máis que moitas autoestradas. Nas palabras de Wall: "É un camiño feito polos seus usuarios, sen plan preestablecido, para facer algo que a administración habitual non puido ou non quixo facer, de modo que hai un indicio de desobediencia ou de independencia: a xente pode facer cousas que non podemos prever."

A metáfora do sendeiro de Wall está a falarnos moito do noso tempo. Nun momento en que o Estado está a desprenderse (ou está a ser obrigado a desprenderse) de todas aquelas facetas dedicadas ao servizo público que lle eran propias, cobra cada vez máis forza a necesidade de que sexa a propia sociedade civil a que leve a cabo aquilo que as administracións non fan. Por todas partes xorden iniciativas cidadás que, coma ese sendeiro de Wall, trazan camiños sinuosos e alternativos. Un deses camiños abertos colectivamente é, por certo, este medio que estás a ler.

Pero, é esta emerxencia da sociedade civil unha proba de que as teses neoliberais, coa súa fe no individuo emprendedor abafado polo burocratismo estatal, tiñan, finalmente, razón? Considero que non. En primeiro lugar porque a sociedade civil entendida ao modo da dereita (como a herdeira daqueles adiñeirados cidadáns activos do Antigo réxime que, a diferenza dos miserentos cidadáns pasivos, podían participar na res pública) lonxe de refugar do Estado sempre soubo facer moi bos negocios con e a costa del. En segundo lugar porque a emerxencia da parte máis consciente da sociedade civil (entendida ao xeito gramsciano como o lugar no que se producen as contradicións entre os distintos sectores sociais e onde se xoga a hexemonía que despois se traslada ás institucións) está a pór en evidencia que a vella gran separación entre o sector privado e o sector público xa non rexe (o cal é tanto como dicir que a hexemonía neoliberal é tan absoluta que o fagocitou todo). Así, esta emerxencia da sociedade é máis o síntoma da crise das institucións (e das organizacións mediadoras coma os partidos e sindicatos) que o trunfo do self made man individualista, autosuficiente e antiestatalista.

Marx coidaba que todo Estado é un Estado de clase. Isto era algo moi evidente no seu tempo. E se ben na Europa do Estado do benestar de despois da segunda guerra mundial as cousas xa non eran tan claramente así, neste século XXI que por veces tanto se nos asemella ao século XIX, xa non só percibimos con toda transparencia a falta de neutralidade mínima das institucións, o seu baleiramento e a súa colonización polos intereses privados senón que mesmo somos capaces de verlle as eivas á nostalxia keynesiana que continúa (se é que se detén a pensar nestas cousas) a crer ecoloxicamente sostible unha economía de sector público forte baseada en "contratar unha cuadrilla para facer buracos e outra para tapalos" aínda que esta operación se teña que repetir en Europa, nos EEUU, no Brasil, na India, na China..., até deixar o planeta, de tanto buraco feito, coma un auténtico queixo gruiere.

Así ―por pórmonos estupendamente dialécticos― das marxes da vella lóxica binaria entre o público e o privado estaríase a destilar un terceiro elemento diferente que os nega e os supera: o común. E que é o común? Común é todo o que necesitamos para podermos levar, colectivamente, unha vida digna para nós e para os que virán despois de nós. O común é tanto a base material do noso sustento (alimentación e ambiente sas) como aquilo que necesitamos en tanto que seres racionais e emocionais (afecto, estabilidade psicolóxica, información veraz, cultura...). O común sería un xeito de concibir a produción en tanto que produción do necesario. Equidistante da economía de consumo de masas e do modelo decimonónico baseado na exclusión das masas do acceso aos recursos.

Na lonxitude de onda do común é que está a traballar esa sociedade civil que decidiu activarse. Pouco que ver, logo, co que fan o grupo de empresarios de cada país que, con moita pompa, gustan de chamarse a si mesmos a Sociedade civil (e que tanto recorda á tríada cura, farmacéutico e garda civil doutros tempos históricos). E pouco que ver, tamén, con formulacións como a da Big Society ideada na Inglaterra do goberno Cameron (e emulada pola Ana Botella que solicitaba, recentemente, voluntarios para as bibliotecas municipais madrileñas) que co seu apelo ao traballo de balde nas comunidades non busca tanto empoderar a estas comunidades ―reforzándolles o espírito desobediente e independente do que falaba Jeff Wall― como poder suprimir alegremente, cos menores danos electorais posibles, todos os servizos sociais estatais que aínda sobreviven antes de entrar de cheo na fase do darwinismo social e do sálvese quen poida pola que devecen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.