Cuspe

Navegando por internet atopei unhas fotos dun xogador Real Madrid, Sergio Ramos, onde aparentemente cospe a outro do Celta, Iago Aspas. Imaxino que a impotencia pola derrota nese partido, e a incapacidade de asumir que un modesto gañe ao que se considera máximo representante do fútbol español provocou esta ración.

Porén, non é só un acto de mala educación e chulería, que cualifica ao xogador millonario; representa algo máis. O poderoso cospe sobre o inferior. O señorito latifundista de misa, procesión e desfile militar non pode consentir que un esfarrapado lle falte ao respecto. A España de sempre arremete con furia contra os inferiores de provincias que se consideran con dereito a levantarlle a voz.

A España de Sergio Ramos e do Madrid cuspe sobre a Galiza de Iago Aspas. O Celta, como Galiza, non pode cuestionar a posición dunha equipa que é en si mesma España, como o é Isabel a Católica ou o Gran Capitán, como Xibraltar que sempre será español.

Galiza tenlle que estar agradecida a España e a súa á caridade. Galiza, no discurso oficial, é un país subsidiado que non pode pagar nin as pensións. España é todo, seu idioma e a súa cultura son internacionais, mentres nós só temos un “dialecto” para falarlle ás vacas e como moito temos unha poetisa choromiqueira. Esa é a idea que dan a entender os medios de comunicación, políticos e tertulianos nos xornais, na radio ou na TV. Esa é a imaxe que da o noso presidente cando di que “ningún español entendería” que tivésemos unha tarifa eléctrica propia.

Cóspen a Galiza. Cóspennos cando pagamos o recibo da electricidade, unha enerxía que producimos e exportamos e polo que padecemos asolagamentos, montes desfeitos e contaminación, cando Madrid non produce ren. Cando enchen Galiza de eucaliptos para lucrar a unha empresa “amiga” que seica non contamina pero tod@s vemos como está a ría e temos que soportar o seu fedor.

Cóspenos a Unión Europa cando manda despezar os nosos barcos e matar ás vacas, cando fai que apertemos o cinto con cada novo recorte nos orzamentos, e que nos botemos a tremer coas ameazas de multas multimillonarias.

Cóspenos o goberno de España e a o goberno da Xunta cando aplican as políticas xenocidas da UE. Cando non son máis papistas que o Papa e aplican a súa propia axenda privatizacións para beneficiar aos de sempre, os latifundistas de misa, procesión e desfile militar, os banqueiros desafiuzadores ou ás donos das eléctricas que rouban aos probes para darllo aos ricos.

Cóspenos o Tribunal Constitucional, garante da sagrada unidade da patria e adaliz contra as perversas intencións das autonomías por ter máis competencias, aínda que sexan legais.

Cóspenos a Audiencia Nacional, garante da “correcta liberdade de expresión”. Cóidate do que escrebes na Internet.

Cóspenos o Tribunal Supremo, garante da explotación da clase traballadora e encargado de que os empresarios sigan facendo o que lles pete.

Cóspenos o Congreso e o Senado, o Defensor del Pueblo e a Valedora do Pobo, tan preocupada pola imposición do galego nos centros de ensino.

Cando comezaremos a fartarnos? Vai sendo hora de levantármonos e mudar esta situación. Non chega con eliminar ao Madrid e cantar a Rianxeira no campo, temos que poñernos en movemento camiño da nosa liberdade como pobo, traballar para gobernarnos nós, os galegos e galegas sen medo ao señorito e ao cacique.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.