Polo dereito a unha vida digna

O meu primeiro embarazo paseino dando clase de danza nun centro para “discapacitados físicos e psíquicos” -así se dicía daquela –no que traballei durante dous anos. Alí namoreime tolamente da creatividade sen límites dun rapaz pouco maior ca min que conseguía facer arte dos movementos espásticos que provocaba a súa parálise cerebral, da elegancia dun neno con síndrome de Down, embutido nunhas mallas negras, da coraxe de dúas irmás xemelgas, con grave discapacidade e trazos autistas, do seu esforzo e da súa beleza, dunha muller cega que facía flotar o seu tronco dende  unha cadeira de rodas... Pero, como digo, eu, estaba embarazada daquela do meu primeiro fillo e non podía evitar un pensamento constante: e cando falten as súas nais, e seus pais?”

Disto hai 23 anos e este domingo volvín namorar: Xabi é un neno miúdo, de enormes ollos negros, silencioso e inquieto, que permanece na cadeira mentres nos reunimos coa súa nai e algúns outros membros de Procapdourense, porque Xabi é un deses nenos que cando teñan a idade de meu fillo non terán un lugar adecuado onde residir. Porque que posibilidades se lle ofrecen a el, e a todas as persoas con diversidade funcional da provincia de Ourense, cando conclúan a súa etapa escolar? Son varias: Xabi, aos 21 anos, poderá ingresar nun xeriátrico; poderá tamén entrar nunha listaxe de espera e, unha vez que lle concedan a praza, residir en Lugo, en A Coruña ou en Pontevedra, lonxe da súa familia, da súa entorna, da súa vida; poderá residir no fogar familiar, independentemente das condicións económicas de que dispoñan e que lles permitan –ou non –darlles a mellor asistencia sanitaria e educativa e, a medida que vaian pasando os anos, atendidos por persoas maiores que tamén necesitan coidados.

Resulta que a provincia de Ourense é a única da nosa comunidade que non dispón dun centro para estas persoas onde tamén eles poidan levar unha vida digna unha vez alcanzada a maioría de idade.

A plataforma Procapdourense leva un ano reclamándolle á Xunta un Centro para Persoas con Diversidade Funcional (CAPD) coas mesmas condicións asistenciais e as mesmas prazas que o resto das provincias. Neste intre, se lles ofrece un servizo que proporcionaría 30 prazas de día e 18 prazas residenciais nunha primeira fase, ampliable a 50 aínda que se descoñece cando. Non parece que este sexa un número axeitado para atender, sequera, as actuais necesidades cando andan arredor de 100 prazas os demais CAPD da nosa comunidade autónoma.

Estes días estarán na rúa informando aos seus veciños e para o vindeiro día 2 de febreiro está convocada unha manifestación polas rúas da cidade á que agardamos acuda o maior número de xente porque esta é unha loita polo dereito de Xabi a vivir rodeado dos seus nas mellores condicións  posibles, por seus dereitos e polos de Nerea, Gabriel, Claudia, Daniel...unha loita pola igualdade de todas as persoas que é a NOSA LOITA.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.