En que mans estamos?

Unha vez mais, a pasada fin de semana deixounos unha tráxica pegada tinguida co sangue de dúas mulleres asasinadas polas suas parellas. Eu, persoalmente, como muller, e como parte dun colectivo que tenta loitar contra esta lacra letal que é a violencia de xénero, non podo por menos que sentirme frustrada, totalmente impotente.

Semella que todo canto tentamos e inútil. As mulleres seguimos sendo asasinadas e  a solución para que isto remate segue a ser algo que, polo momento, nin sequera se albisca. No medio da carraxe, da dor, non puiden evitar que me viñese a memoria algo que vivín hai algúns días e que me puxo os pelos de punta pensando que, visto o visto, non é de estrañar que a violencia machista non soamente non cese, senon que medre cada día.

No transcurso dunha conferencia a que asistín, e que trataba sobre o acoso moral a nivel xurídico e psicolóxico, unha das relatoras, que exerce como avogada e mediadora, dixo que para que unha denuncia por violencia de xénero prosperase, tiña que darse a circunstancia de habitualidade no maltrato. Eu non daba crédito, e pensei, ou quixen pensar, que tal vez escoitara mal. Tiña que ser un erro!.

Naturalmente, na quenda de preguntas, faltoume tempo para dirixirme a ela e pregarlle que me aclarase esta cuestión, porque algo non me encaixaba. E explicarlle, de seguido, que, cando unha muller acode a nos , ou cando dende Si, hai saída impartimos algunha charla, sempre incidimos en que, ante a primeira agresión, é mais, ante o primeiro amago desta, o que compre facer e denunciar de inmediato. A súa vida pode depender disto. Á vista do que ela acababa de expoñer, que se supón que lles deberíamos dicir, que cunha agresión non abonda, que agarden a ser maltratadas unhas cantas veces máis, e despois, se acaso, xa consideraremos a posibilidade de denunciar?.

Tanto me dá falar de malleiras que de malos tratos psicolóxicos. Acaso a muller que decide sair do inferno ten que agardar a ser machacada reiteradamente antes de acudir a unha comisaría, porque, do contrario, a sua denuncia non terá validez?

Tanto me dá falar de malleiras que de malos tratos psicolóxicos. Acaso a muller que decide sair do inferno ten que agardar a ser machacada reiteradamente antes de acudir a unha comisaría, porque,do contrario, a sua denuncia non terá validez? A avogada limitouse a encoller os ombros e dicirme: “A lei é así”, apoiada pola sua compañeira que apostilou: “A vida non e xusta!”.

Dicir que sentín arrepíos sería quedarme moi curta! En que mans están, estamos, as vítimas da violencia machista? É este o consello que se lle pode dar a unha muller que, sen dúbida, fixo un esforzo titánico para atreverse a dar o paso de pedir axuda, que soporte o maltrato reiterado, que aguante ata que tal vez sexa demasiado tarde e lle coste a vida?.

Ante semellantes despropósitos é máis que entendible que moitas destas mulleres, malia estar a vivir no terror mais absoluto, opten por continuar nel como mal menor... Quen sabe? Se cadra hai sorte e sobreviven unha tempada mais! Queda demostrada, así mesmo, unha afirmación que sempre fixen e que sosterei mentras non se me demostre o contrario: Hai profesionais que nos farían un gran favor dedicando a sua vida  laboral a outra actividade, unha na que non se xogase coa vida de ninguén. O paso pola universidade, os títulos, non garanten a sensibilidade, a humanidade.... Nin os escrúpulos.

A violencia de xénero é unha lacra, certo, pero hai outra que non o é menos, e que se disculpa, se solapa e mesmo está ben vista: a dos pseudoprofesionais que van pola vida de “pseudosensibilizados”, e que, realmente, perseguen dous  únicos obxectivos: Prestixio e encher os petos. O que leven por diante é o de menos. Son estes pseudoprofesionais os que arruinan moitas vidas  coa sua falsa sabedoría, coa sua escasa ética, os que fan que me pregunte unha e outra vez: En que mans estamos?

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.