O mutismo do PP faino cómplice

E van oito. Apenas está a rematar xaneiro e as cifras de mulleres vítimas de violencia machista son arrepiantes, dan medo, producen dor e, sobre todo, impotencia.

Dan medo, ou debería dárllelo, ás administracións responsábeis da nosa seguridade, da de todos os cidadáns, pero, maiormente dos colectivos máis vulnerábeis. E á vista está que as mulleres o somos, malia representar o 52 por cento da poboación, por sermos vítimas dun sistema construído por homes, dirixido por homes e no que os homes seguen a determinar, mesmo, se vives ou morres.

Producen dor, rabia, impotencia e indignación porque ata no terrorismo semella que hai graos e, dende logo, o terrorismo machista non é un terrorismo de primeira, segue sen ser unha cuestión de Estado malia que o histórico demostra que xa hai máis mulleres asasinadas polas súas parellas que vítimas de ETA.

A sociedade ten un problema, certamente, aínda que nos últimos tempos haxa cada vez máis concienciación entre algúns sectores de que hai que rachar co sistema patriarcal que leva instalado na mesma de forma secular e que acepta as condutas machistas con normalidade. Pero é o Estado, son os gobernos os que teñen unhas responsabilidades, unhas obrigas para mudar a situación, pois de non facelo estarán sendo cómplices de asasinato.

Como na maioría dos casos de Terrorismo Machista, as mulleres foron asasinadas polas súas parellas, polas persoas máis achegadas, cun vínculo sentimental que as fai moito máis vulnerables.

A Sra. Dolors Monserrat ou os Srs. Rajoy e Feijóo viven comodamente atrincheirados nos privilexios do patriarcado e polo seu silencio se deduce que non están dispostos a que o 52% da poboación teñamos os mesmos dereitos e vivamos en igualdade nun país feminista. Aínda onte podíamos ler nun xornal a testemuña dunha muller coidadora, sen máis argumentos que os da experiencia e a vida, que reivindicaba máis axudas e máis corresponsabilidade, porque o feito de que, historicamente, sexa unha muller a que coida, non vén escrito en lei algunha, máis que na lei dun sistema que sempre privilexiou ao home.

O Partido Popular di que cre e practica a igualdade, mais de ser certo, por exemplo, non limitaría os nosos dereitos nin poñería obstáculos a cada unha das nosas reivindicacións ou conquistas porque sabe que iso lle pode restar poder. E di que loita contra as violencias machistas, mais esquece que mentres non colla polos cornos o problema deste tipo de terrorismo e actúe de forma contundente e transversal para atallalo, estará a contribuír á construción dunha sociedade amputada, na que faltarán boa parte dos seus membros.

Non chega con facer homenaxes ás vítimas, nin declaracións institucionais para saír ao paso. O PP se quere ter credibilidade nesta batalla ten que berrar con nós “Nos queremos vivas” e aceptar o Pacto de Estado coa cidadanía que esiximos, onde feministas expertas en xénero fagan un protocolo de actuación que contemple todos os tipos de violencias machistas. É necesaria unha partida nos orzamentos para garantir a seguridade e igualdade de todas as mulleres. É imprescindible que non se criminalice ás vítimas sacándoas das súas casas. É o violento, o maltratador, o posible asasino o que debe abandonar o domicilio, o entorno, o municipio. Necesitamos a complicidade dos compañeiros que se senten feministas para detectar, illar e eliminar estas condutas que tamén a eles lles afectan.

Contra a Violencia Machista, contra o Terrorismo Machista, tolerancia 0!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.