0 Gardados para despois

Xabier Ron e Jorge Linheira

Galicia e o seu aeroporto sen avións

A política cultural no contexto da globalización: xiro neoliberal, instrumentalización e xeración de elefantes brancos.

As grandes infraestruturas culturais constituíron nas últimas dúas décadas un dos principais obxectivos das políticas culturais asociadas ao modelo hiperdesenvolvinte do urbanismo empresarial, como ferramenta da política cultural, como clave para o desenvolvemento urbano e como símbolo de globalización do place branding. No Estado español, en moitas ocasións baixo o paraugas do traxicómico lema de “somos la octava potencia mundial”, as comunidades autónomas desenvolveron conxuntos de infraestruturas que polo seu sobredimensionamento poden ser cualificadas de “elefantes brancos” culturais. A súa xénese responde á adopción do modelo da cidade creativa que leva numerosos problemas de sustentabilidade e expón numerosas dúbidas sobre a súa utilidade cultural e rendibilidade social.

As grandes infraestruturas culturais constituíron nas últimas dúas décadas un dos principais obxectivos das políticas culturais asociadas ao modelo hiperdesenvolvinte do urbanismo empresarial e como símbolo de globalización do place branding

Estes “aeroportos sen avións” da cultura constitúen un elemento característico do modelo adoptado polas cidades, especialmente no Estado español. En primeiro lugar, porque son espazos que rapidamente perden a utilidade para a que foron edificados -sexa porque se termina o gran evento para o que foron deseñados ou ben porque os usos reais son diferentes aos usos previstos-, creándose o que Marc Augé denomina como ruínas modernas, infrautilizadas e en proceso de degradación. En segundo lugar, os “elefantes brancos” son produto dunha estratexia que pretende fascinar ao público -neste caso aos cidadáns locais e globais-, xerando unha euforia que distrae do proceso de transformación urbana que o acompaña e xustifica os seus efectos negativos para os sectores máis excluídos (segregación e xentrificación) nun discurso que mestura a lexitimidade da cultura –ninguén pode opoñerse a nada feito no nome da mesma- e os supostos beneficios no futuro destas actuacións. En función disto, o cálculo do custo en relación aos usos sociais é abandonado en función duns supostos impactos indirectos e un beneficio no intanxible da susodito place branding. Con todo, estas infraestruturas revélanse pronto caras de xestionar, insostibles social e economicamente, imposibles de rendibilizar e difíciles de manter, podendo xerar a medio e longo prazo unha imaxe de desbaldimento e decadencia. Finalmente, os “elefantes brancos” xeran un gran problema de sustentabilidade e amortización, posto que restan recursos presentes e futuros ao ecosistema cultural local á vez que moitas veces son dificilmente reutilizables para outros usos diferentes dos que foron concibidos.

 

A Cidade da Cultura: historia, contestación e oportunidades perdidas

Os “elefantes brancos” xeran un gran problema de sustentabilidade e amortización, posto que restan recursos presentes e futuros ao ecosistema cultural local á vez que moitas veces son dificilmente reutilizables para outros usos diferentes dos que foron concibidos

O faraónico proxecto do antigo ministro de Franco non pasou desapercibido para a sociedade organizada. De forma inmediata, xurdiron voces que se opuñan a ese monumentalismo. Voces que proviñan de organizacións políticas de esquerdas e nacionalistas, así como de colectivos sociais de diversos eidos de actuación. A medida que progresaba o proceso construtivo, e que se ían coñecendo as cifras da aberración, as voces reduplicaron a súa forza.

O resultado das eleccións do 19 de xuño de 2005 permitiu a creación dun goberno bipartito de distinto signo ao de dereitas que gobernara Galicia desde a entrada en democracia. O bipartito creado por PSdG e BNG iniciaba o seu goberno o 2 de agosto de 2005 e facíao sostido por un desexo real de cambio, despois das desfeitas da dereita caciquil de Fraga. Mais, contra todo prognóstico, o 16 de abril de 2009 o bipartito cedía de novo o paso á dereita representada por Núñez Feijoo. A causa pode vir dada polo desencanto e pola percepción nos apoios de que o cambio desexado era feble e que non se fixera todo o debido desde unha óptica de esquerdas e nacionalista

Ese desencanto revelouse de forma absoluta con todo o que tiña que ver coa Cidade da Cultura (dende agora CdaC), xa que nada semellaba alterar o sendeiro que se trazara con Fraga. Por iso, a mediados desa lexislatura, e ollando os procedementos erráticos de Ánxela Bugallo na Consellería de Cultura, a finais de agosto do ano 2007, aquelas voces críticas coa CdaC decidiron dar un paso adiante e conformaron a Plataforma Cidadá “Cultura Si, Mausoleo Non” que se asentou nunha serie de principios fundacionais: a) eliminar o proxecto da CdaC, disolver a Fundación CdaC e non executar ningunha obra máis; b) anular os orzamentos destinados á CdaC e redistribuír as súas contías nos servizos públicos básicos de sanidade, educación e políticas sociais; c) aproveitar as obras executadas e edificios rematados para albergar as instalacións da Administración Autonómica; d) procurar a depuración de todas as responsabilidades penais que houbera lugar; e) responsabilizar ao goberno bipartito e á consellería de cultura a continuidade do soño fraguián.

Coa actividade da Plataforma certos sectores da sociedade galega comenzaban a percibir a importancia da demouca de recursos públicos que supón a CdaC. Mais o certo é que a loita que levaron a cabo grupos mediáticos (exemplares no negativo foron La Voz de Galicia (en contra) e El Correo Gallego (a favor)) desvirtuaba a realidade que se desexaba transformar para beneficio da cultura en tanto que dereito básico das persoas.

O desbaldimento de diñeiro público non se pode xustificar de ningunha maneira, polo que criticamos e lamentamos o localismo ou o sectarismo e o corporativismo que foron usados como escudos protectores e como armas arreboladizas

Unha loita que era non só mediática e corporativa, senón que repousaba, en última instancia, nun localismo atávico, errado, que impedía ver o cerne da cuestión. Denunciamos polo tanto a ausencia dunha política informativa veraz, ao mesmo tempo que criticamos este localismo cego e impropio que tanto dano fixo ás posibilidade de Galicia como nación e que, neste caso, lesionou, de forma irremediable ate o momento, o dereito de acceso á cultura, así como significa unha lousa orzamentaria que ruína as posibilidades dunha política cultural en Galicia digna dese nome, mais aló das redes clientelares das que se dotou o propio funcionamento da CdaC. O desbaldimento de diñeiro público non se pode xustificar de ningunha maneira, polo que criticamos e lamentamos o localismo ou o sectarismo e o corporativismo que foron usados como escudos protectores e como armas arreboladizas.

O certo é que o Bipartito foi un histórico tempo que supuxo unha ocasión perdida para redefinir o proceso construtivo do Gaiás e habilitar unha solución que fose a máis beneficiosa para a cidadanía galega desde un punto de vista social e a menos gravosa desde un punto de vista económico. En calquera caso, insistimos no esencial: o Gaiás non pode nin debe dedicarse á Cultura.

 

Orzamentos e chiringuitos da CdaC: o perigo da “nova cultura”

O chiringuito creado para xestionar a CdaC, a Fundación, segue acaparando o 14% dos Orzamentos totais destinados a Cultura (máis de 9 millóns de euros dos 63 millóns de euros)

Esa lousa orzamentaria é ben visible se ollamos os datos máis recentes, os da última lexislatura e os proxectados para este 2017, onde o chiringuito creado para xestionar a CdaC, a Fundación, segue acaparando o 14% dos Orzamentos totais destinados a Cultura (máis de 9 millóns de euros dos 63 millóns de euros).  Xunto con este centralismo económico, os Orzamentos que a Xunta destinou a cultura demostraron unha estratexia propia que consistía en converter en marxinal aspectos propios da cultura de base e, ao mesmo tempo, en degradar, a través dos recortes e da conxelación no nivel de supervivencia a entidades cuxa función xira ao redor da cultura en galego e que se vén na obriga de realizar xogos malabares e circenses dificultosos para cumprir cos obxectivos deseñados no momento de nacer. O universo da protección do noso patrimonio histórico e natural dá conta diso, onde nunca houbo tanta ineficacia, desidia, abandono e entreguismo ao capital privado de bens que son do pobo. Mais tamén o equilibrio e a equidade nas axudas a institucións como o Museo do Pobo Galego ou a Fundación MARCO que provocaron que se cuestionaran a súa propia existencia. Mais tamén o sector do mundo da edición en galego. Ou a debilidade, a pesar de consideralas “industrias”, de todo o que ten que ver co audiovisual. Son demasiadas as demostracións do desleixo e da fuxida de responsabilidades do Departamento de Cultura da Xunta de Galicia que non podemos ir máis aló desta breve síntese.

Detrás do centralismo económico, da “chiringuitada” agóchase un perigoso desprazamento ou desvío estratéxico sobre o que debemos considerar por cultura. De feito, se ollamos os Estatutos da Fundación CdaC e o feito de que no Gaiás estean tamén AMTEGA e o Centro de Emprendemento Creativo de Galicia podemos dicir que se produce unha colonización por parte do concepto das “clases creativas” de Richard Florida -nunha nova mostra do “cosmopaletismo” que caracteriza a dereita rexionalista que nos goberna-, a verdadeira estratexia da dereita capitalista que representa Feijóo. A lectura pretende embelesar espíritos pouco formados ou afíns e así xorden conceptos-maná como “novas tecnoloxías” (art. 7.b), a realización de “actividades non estritamente culturais” (art. 7.c) e unha ensalada do que interesa por riba de todo: emprendemento empresarial, innovación, tecnoloxía e competitividade.

O triunfo da CdaC é o triunfo do Capitalismo máis salvaxe...o que se asenta na fenda estrutural da desigualdade

En ningún momento, por exemplo, do artigo 7 de ditos Estatutos, ollamos a palabra “servizo público” ou “garantir o dereito de acceso á cultura”. O triunfo da CdaC é o triunfo do Capitalismo máis salvaxe...o que se asenta na fenda estrutural da desigualdade. Por iso, cómpre que alertemos contra as “liñas de fuga” da creación artística supostamente alternativas mais que se fundamentan no xesto que marca a eficacia do capitalismo: desregulación, inestabilidade e precariedade, innovación perpetua, competitividade e cultura como marca de individualismo e non como espazo de recoñecemento colectivo. A “nova cultura” devora as posibilidades reais da Cultura entendida como dereito básico da cidadanía galega. 

 

A ineludible potenciación do ecosistema cultural galego dende as administracións públicas

En definitiva, a cultura é unha actividade, e debería parecerse máis a un enxame que a un elefante branco

O mausoleo do Gaiás -ao que se accede dende a avenida Manuel Fraga- supón un claro exemplo no que, baixo unha retórica da eficiencia do sector privado, se implementan fórmulas que imitaban a nova xestión pública no sentido de que prometían eficiencia e independencia do control público, pero que, en realidade, foron estreitamente controladas e instrumentalizadas polos gobernantes como medio de márqueting político e instrumento para favorecer o sector da construción. Así, na súa xestión diaria viuse embazada polo que poderíamos chamar “poética do dispendio”, escenificada por casos de mala xestión, malgasto e prácticas corruptas que mostran unha confusión interesada dos intereses privados e a política cultural pública. Quizais por iso, sexa o momento de reformularmos, de forma colectiva e participada, se fronte ao modelo que representa a CdaC, cabe impulsar outro modelo no que prevaleza o valor cotián do micro nun ecosistema cultural sustentable, vinculado aos intereses próximos da cidadanía ou nos que se denominaron “espazos do procomún”. En definitiva, a cultura é unha actividade, e debería parecerse máis a un enxame que a un elefante branco.

En contraposición o capitalismo cultural, capaz de transvasar 200.000 euros do tícket eléctrico para dedicalos a iluminar o que moita xente denomina o Valle de los Caídos Gallegos, utilizamos o concepto de ecosistema cultural -que vai máis aló do tópico idealista que circunscribe o concepto de cultura unicamente ás belas artes no seu concepto máis tradicional- para abranguer todo aquilo que nos constitúe como cidadáns e cidadás. Partindo dunha reformulación propia do concepto althusseriano de ideoloxía, significamos como todos os xestos culturais forman parte dunha cadea de compromisos, ou a ausencia deles, que afecta a nosa contorna próxima, pero tamén ao orbe común que habitamos. Por iso fálase de cultura ecolóxica, que afecta á sustentabilidade dun hábitat, e de cultura educadora porque ten que ver coa formación permanente de todas as persoas, en calquera lugar do planeta e ao longo de toda a súa vida.

Debemos percibir a cultura como unha ferramenta de transformación social, máis se cabe nun momento de crise ética e moral como a que sufrimos desde hai moito tempo

Debemos percibir a cultura como unha ferramenta de transformación social, máis se cabe nun momento de crise ética e moral como a que sufrimos desde hai moito tempo, onde, en reiteradas ocasións, se transmite que a preocupación exclusiva do mundo cultural é o mantemento da súa industria e a redución do IVE; e non a supervivencia dun ecosistema moito máis complexo que, ademais das mercadorías, produce unha ampla e fonda rede de experiencias creativas e artísticas, coñecementos humanísticos e científicos, recursos simbólicos e un vasto campo propicio para a experimentación e a imaxinación. Ademais de bens comúns, relacións sociais, intercambio de saberes, costumes populares e pautas de comportamento que podemos denominar patrimonio inmaterial e, sobre todo, aberto a novas ferramentas de produción conceptual e tecnolóxicas dispostas a confrontarse a un novo réxime de comunicación dixital. Non podemos esquecer que a cultura, ademais de ser o que nos constitúe, é un mecanismo para concibir procesos sociais transversais, renovadores e instituíntes.

As persoas responsables da política cultural do noso país deberían traballar por unha transformación do seu ecosistema a través do que Moulin e Urfalino catalogaron como “democracia cultural”

O ecosistema cultural é moito máis que o seu sector industrial, se a cultura fose tan só unha manufactura, o lóxico sería que as axudas que recibise se canalizasen a través dos mesmos procedementos aplicables ao resto de industrias. As persoas responsables da política cultural do noso país deberían traballar por unha transformación do seu ecosistema a través do que Moulin e Urfalino catalogaron como “democracia cultural”, unha garantía de universalización dos bens culturais para toda a cidadanía, desde a participación activa desta no seu uso e goce. Pensar o mesmo como unha posibilidade de desenvolver o procomún: entendido como a corresponsabilidade da administración pública entre o interese público -mediación profesional, reformulación de infraestruturas, redistribución de recursos- e a capacidade cidadá para autoxestionar, na medida que sexa posible, os recursos que son de todas e todos, a partir de movementos que esixan unha cultura libre de estado.

 

Bibliografía:

Augé, Marc 2003. El tiempo en ruinas. Barcelona: Gedisa.
Florida, Richard L. 2005. Cities and the creative class. Londres: Routledge.
Rius-Ulldemolins, Joaquim y Hernàndez, Gil-Manuel 2016. "El  Palau de les Arts de Valencia, un “elefant blanc” desbocat? Neoliberalisme, política urbana i política cultural", Arxius de ciències socials, 33: 99-116.
Rius-Ulldemolins, Joaquim, Hernàndez, I. Mart y Torres, Francisco 2016. "Urban Development and Cultural Policy “White Elephants”: Barcelona and Valencia", European Planning Studies, 24: 61-75.

Acerca de Xabier Ron e Jorge Linheira

Jorge Linheira. Axitador e prosumidor cultural. Investigador independente de políticas culturais e autor do libro La cultura como reserva india. Treinta y cinco años de políticas culturales en Galicia.

Xabier Ron. Responsable de Elaboración Programática de Esquerda Unida. Ex deputado de AGE. Investigador