Produtores trampulleiros, Consumidores incautos

Se te xogas o pescozo, a cara ou o queixelo cada vez que te afeitas, temos unha palabra: Aleluia! Pásate a Gillete Fusion ProGlide! Cinco follas mais finas ca lonxitude de onda da luz, que xa é dicir...ben, non sei canto é, pero semella a hostia bendita, algo aínda mais fino ca o papel de liar, que nos meus tempos mozos era o tope da finura. Ademais, con tecnoloxía FlexBall e Styler, non digo mais. Para caer de cu e non se levantar.

Parei na taberna antes de chegar á casa e pousei o trebello riba do mostrador. “Resulta que me mandou a muller por pan e media ducia de cebolas, e aquí me tedes, cunha máquina de afeitar e nin rastro do pan nin das cebolas. Non sabería explicar o sucedido, pero foi pasar por diante da Fusion ProGlide e xa esquecerme do recado da parente. A ver agora que lle conto...” O sol deitado de xaneiro entraba pola porta, iluminando de cheo o soporte plástico da máquina, que semellaba tal cal unha nave espacial interestelar. E só por oito euros! Fixera unha boa compra e aumentara o meu benestar. Un dos camareiros, graduado imberbe en Económicas, acercóuseme cantando loas ao Mercado e á súa Man Invisible, que fixera posible que a multinacional Procter&Gamble (que ademais da Gillete Fusión fabricaba Tampax, Ausonia, Oral-B, Fairy, Max-Factor, Duracell...) e mais eu, separados por milleiros de quilómetros, chegaramos a un acordo comercial de libre mercado, a un prezo certo de oito euros, onde ámbolos dous saiamos gañadores: P&G producía o trebello por menos dese prezo e eu agardaba unha utilidade por riba dese mesmo importe. “Outro óptimo paretiano na historia interminable do libre mercado! The Word was made flesh and dwelt among us! ”, berrou o camareiro, abrindo os brazos cara o teito da taberna.

Atraido pola algarabía de voces e linguas do economista, achegouse onda nós outro camareiro, tamén mozo e que estaba a piques de rematar o grado en psicoloxía condutual e apañaba cartos na taberna para pagar un máster. Ai! A maldita reforma laboral convertera as nosas tabernas en ateneos de sabedoría! “Vexo ao señor fachendoso da compra realizada...”, soltoume o rapaz, así coma petando na porta para entrar. E decontado entrou, vaia se entrou! Ata a cociña! Preguntoume se precisaba con urxencia a máquina de afeitar. Díxenlle que tiña outra na casa, unha Wilkinson de catro follas. “ah...ou sexa, que mercou unha cousa que non precisaba, pero esqueceu o pan e mailas cebolas que lle pediu a parente...” Sentín que viña a por min. “...e que non lle pareza mal, pero voulle dicir tres ou catro cousas...” Viña a por min, abofé que si. Díxome que fora dobremente engaiolado por Procter&Gamble: primeiro, enfeitizado polo conto dunhas follas mais finas ca lonxitude de onda da luz, que a publicidade de P&G conseguira inserir no meu relatorio mental e que me converteu nun incauto emocional; e segundo, enganado por unha información preparada adrede para inducirme ao erro, converténdome así tamén nun incauto informacional. Comprendía ben o primeiro engano, mais o segundo pedinlle que mo explicara. “Faltaría mais. A min pasoume outro tanto hai pouco coa compra dunha impresora de cartuchos de tinta...cegáronme os bos prezos da impresora e non tiven en conta os dos cartuchos, e cando tiven que repoñelos daquela caín na conta que case custaban tanto coma a propia impresora..e penso que vostede tampouco pensou no prezo de repoñer as follas da Gillete...non si?” Ostrás! Pois non. Supoño que botei contas de que a máquina era moito mais cara ca os repostos; ou sexa, que dos oito euros que paguei, seis ou set valíaos a propia máquina e un, ou como moito dous, as coitelas. “Pois direille que por cada reposto de coitelas vanlle pedir cinco euros...e seino ben, que tamén a uso...”, sentenciou o camareiro psicólogo.

Enfurruñado pola parola tabernaria, botei porta fóra e marchei cara a casa. Sabía xa que os mercados non se limitan a producir o que realmente desexamos, senón a procurar que desexemos todo aquilo que son quen de producir; que a liberdade de escoller leva consigo a liberdade de enganar, que os mercados non son sisters of mercy e, que pola súa propia natureza e na procura incesante do beneficio, poden propagar tanto o engano e maila fraude coma a prosperidade. Sempre se nos dixo que isto eran externalidades ou disfuncións ocasionais que non había por que ter en conta. Pero á vista das preferentes, das cláusulas hipotecarias, das comisións das tarxetas de crédito, dos produtos anzol nos supermercados, da letra pequena dos contratos, do astronómico gasto en publicidade...non sei, pero semella que o calote na economía é algo mais xeneralizado do que se nos quere vender, e que o mundo idílico propiciado por unha man invisible está ben como conto, pero nada mais. Claro que, se cremos que a virxe María foi preñada por unha pomba...Antes de chegar á casa, temoroso da berra que me ía caer da parente, collín o impoluto e relucente paquete da Gillete Fusion Prodglide Flex Ball e, nun acto racional pero antieconómico, guindeino nunha matogueira a carón da estrada. Que cona, a vida non ten prezo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.