#xuizo9N “Veles e vents han mos desigs complir”

Estes versos e a metáfora mariñeira son dun poema de Ausias March: no mar como no amor córrense perigos... Veume á cabeza porque esta mañá durante un pequeno e moi breve intre no Palau do Tribunal Superior de Justícia de Catalunya, a catalá ondeou como única bandeira. As outras dúas, a española e a europea que sempre a acompañan, caeran pola forza do vento ao encerellarse entre si. Unha imaxe moi reveladora, diría eu.

Seguín durante todo o día as noticias sobre Catalunya e evitei os medios españois ou españolistas, que para o caso é o mesmo. Ás veces, ollas para a televisión e dis: “aliéname outra vez”; outras veces  o que vexo nela provoca en min o efecto contrario. Dáme auténtico noxo que nun medio de comunicación público haxa tanta manipulación e falta de pluralidade política, ofrecendo sempre as mesmas voces as mesmas opinións a mallar enriba das nosas cabezas.  Estou a escoitar un suposto debate- e digo suposto porque, que casualidade e que coincidencia, todos os que participan están de acordo- no que aseguran que  o pobo catalán  non pode votar e decidir de forma legal o seu futuro. É algo inadmisíbel, en calquera democracia que se preste. Por outro lado afirman que esas corenta mil persoas fóra do Palau estaban a “presionar” aos xuíces. Como chamar debate  se entre eles non hai nada que debater?

Por sorte, nunhas imaxes que pasan, aparecen Luís Villares e Ana Pontón dando a súa opinión ao respecto, resultan claros e concisos: xudicializaren o feito de que os cataláns voten indica o fracaso do goberno español.

Xa o teño dito noutros artigos que escribín aquí mesmo: o pobo é quen outorga lexitimidade, non se pode resolver por vía xudicial o futuro dun país. O “problema” téñeno aqueles que prohiben, aqueles que tentan acurtar as liberdades, iso só xera máis sentimento de indignación, os “conflitos” en democracia resólvense coa cidadanía que é quen ten a última palabra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.