Os fillos de Hegel

Hegel, o filósofo que manexando a Aristóteles e a Kant demostra a marcha da historia como un avance racional; que entroniza a razón como a estrutura lóxica de todo o existente e da culminación da especie humana, foi de quen recolleu Marx o núcleo da súa filosofía: a dialéctica. O concepto de plusvalía vai explicar a relación económica entre a empresa e o traballador. Máis tarde tomará de Hegel a idea da alienación, que Marx enfocará no traballo rutineiro e obrigado onde se perde a capacidade humana.

"Produto dun longo proceso histórico, os servos da gleba liberados dan en viláns", habitantes dos burgos, de aí a burguesía, que pasará da manufactura á gran industria. "A burguesía xogou un papel revolucionario e desgarrou os valores emotivos e sentimentais que cubrían a familia e desvelou a realidade económica das relacións familiares". (Desta reflexión de Marx, na que non vai incidir despois, deriva a miña teima da clave económica o sistema privado, da que deriva a explotación das mulleres, o desprezo social, o poder sexual masculino e o holocausto feminino. Foi unha liña dialéctica que non seguiu, un xardín minado no que preferiu non introducirse. Limitouse ás forzas produtivas do sistema público, ao proletariado). "As armas coas que a burguesía derrubou o capitalismo, volvéronse contra ela". Na mesma proporción na que se desenvolveu o capital, desenvólvese tamén o proletariado, que, segundo Marx, acabará con el. "Toda a historia é unha loita de clases".

Son moitas as figuras históricas, de diferentes estados, as que participarán en maior ou menor medida destas ideas. Citemos a Engels, Bujarin, Gramsci, Rosa Luxemburgo, Karl Liebknecht, Kautsky, Trotsky, Lenin, A. Kollontai, Clara Zetkin, etc. Críticos coa propiedade privada xa foran os socialistas utópicos que sentaron moitas bases nas que se apoiará o marxismo. Fillos de Hegel foron tamén os anarquistas, curmáns dos socialistas. Teóricos como W.Godwin, M. Stirner, Proudhon, Bakunin, B. Tucker. Debo citar o vigués Ricardo Mella ou o catalán que nomea unha rúa viguesa, Pi i Margall.

Da Ilustración derivan os dous: O anarquismo tomou como bandeira a liberdade, mentres que o marxismo fixo fincapé na igualdade social, no comunismo.

O comunismo é unha palabra con mala prensa. Xa o dixeran Marx e Engels no seu Manifesto: "Un fantasma percorre Europa: o fantasma do comunismo. Todas as potencias da vella Europa uníronse nunha Santa Alianza para encurralar ese fantasma". Así comeza un texto de mediados do s.XIX, e a palabra continúa hoxe sendo o demo. Por un lado, coñécense moitas ditaduras que quixeron impoñelo pola forza, as purgas, o castigo, a morte… 

Non se fai publicamente o mesmo con outras teorías, nas que se derramou moito sangue ou nas que o comportamento dos seus membros, non é un paradigma de virtude, como o catolicismo, por exemplo. Neste caso soen refutar que unha cousa é o comportamento humano e a súa debilidade, e outra a doutrina.

O comunismo só se xulga pola errónea aplicación da teoría, pola revolución e o emprego da forza no intento de conseguilo. Mais o significado, relacionado co ben común, coa igualdade, compartir en comunidade, non pode ser máis edificante. Tamén altruísta e utópico, si. O ser humano non está preparado para iso. Ninguén, tanto se teñen moito como pouco. Lembro que Carrillo, na primeira campaña, tranquilizaba os labregos así: "Non temades, non vos quitaremos as vacas nin as mulleres". As mulleres, naturalizadas, eran e son, a forza de traballo máis importante. O comunismo, non llas ía retirar, claro está. Non sei cal sería o argumento para convencer os “lobos da terra”, dos Bancos ou dos Gobernos.

O único sistema que temos para igualar un chisco a sociedade chámanse impostos. Trátase de conseguir un método xusto de impoñelos e de retribuílos. 

Marx predixo utopías. Tamén o prognóstico de que o capitalismo afogaría na propia crise, foi un grande erro. Agora sabemos que en cada crise, a base da pirámide económica, esmagada, sofre un duro retroceso, mentres os do cumio da pirámide económica saen fortalecidos. Mellor é que non haxa crise do capital, porque temos que pagala.

Malgré tout, moito aprendemos dos discípulos de Hegel e dos discípulos dos discípulos, que nesta etapa fan investigación científica e seguen tendo a razón como faro. 

Sexa como for, o comunismo queda como unha fermosa aspiración, e para que os poderosos "perdan as gañas de predicar moral ás vítimas e o humor para burlarse delas", escribiu Karl Kraus.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.