Por que dou o meu apoio a Pablo Iglesias, ao seu documento e equipo

En Vista Alegre 2 decídese o Podemos que queremos e a sociedade que necesitamos e que instrumentos políticos e sociais conveñen para conseguilo, tras realizar o debate crítico da experiencia de Podemos en toda a súa responsabilidade interna, a acción institucional despregada e os problemas fundamentais aos que responder ante a sociedade.

E o debate congresual debe tomar como fundamental, so pena de cuestionarse a si mesmo como partido, que as claves políticas fundamentais a debater están condicionadas a non ignorar e resolver o contexto de gran excepcionalidade social que o fixo posible: unha crise socioeconómica de dimensión xeneralizada, baixo un sistema corrupto de exercer a política e o levantamento dunha cidadanía indignada representativa de case todos os sectores estruturais e sociais, os cales sustentan sociolóxica e politicamente este partido e están á expectativa de que Podemos sexa un actor liberador do estado de cousas.

Estes eixos vertebradores expoñen un reto de extraordinaria responsabilidade colectiva e política que vai máis aló do que aquí ocorre, porque Podemos está no centro de mira internacional e de como evolucione dependerá, en boa medida, iniciar unha saída ás políticas de terra arrasada que os neoliberais aplican con dureza por onde van. Este, e non outro, é o  principal perigo que ten Podemos, o seu poder emancipador. Non está dentro de Podemos o perigo!  Non alienemos a esperanza! Honestidade!

Lembremos a Berthol Brecht: "as revolucións prodúcense nos canellóns sen saída", e aprendemos pola historia e a recente experiencia do noso país que as loitas sociais é o parto das institucións democráticas e o mantemento progresivo para as transformacións sociais profundas. Porque tomando a Brecht, Podemos nace da desesperación de millóns de persoas que se quedaron sen traballo e futuro, sen proxecto próximo e senten que chegou o momento de tomar as rendas para reconstruír desde abaixo.  Este é o reto ao que responder xa.

Non nos equivoquemos facendo un proxecto afastado desta realidade. Un novo neofeudalismo coóusenos pola xanela e os dereitos humanos e sociais que se destruíron  van custar suor e bágoas recuperalos. A política non é un plan lineal nin unha exitosa conspiración. Non se deliberou este partido nunha conspiración de elites como outros, pero tampouco é un experimento de intelectuais como se fai crer, ignorando o contexto ao que se debe. 

E polas mesmas razóns, é insensato postular un Podemos de “antes” e un Podemos en fase de “normalización” ou de institucionalización, porque pode ter como resultado confundir a necesidade de cohesión con esvaramento cara á conformidade institucional e ese risco á cousificación da política, porque afastaría a Podemos  do poder transformador que lle confire ser á vez institución e rebeldía social, tecendo a fraternidade social como sociedade nova.

"Podemos é a rúa" e aprendemos que dos actos de resistencia e rebeldía colectiva constrúense as institucións da democracia ou a xustiza social. Pero sempre foi así. O goberno revolucionario de 1871 en París, impugnou os desafiuzamentos; e hoxe os partidos do vello réxime instalaron a vixencia dos desafiuzamentos; e hoxe loitadores e loitadoras da PAH están a ocupar poder no Parlamento para reverter esta oligarquía dominante de vello cuño feudal.

Téñense que tranquilizar os ánimos e présas de quen cre poder dominar as rendas do devir buscando desprazamentos de obxectivos estratéxicos e postulando unha inmatura política que minimiza ou oculta á xente a contenda de intereses e conflitos que confronta a democratización histórica da sociedade humana. Non vale todo para crecer poder, se niso se autodestrúe Podemos.

Consecuente co anterior, a opción de Podemos que creo mellor é a de Pablo Iglesias e o seu equipo porque recolle cabal e intelixentemente este relato histórico de que as transformacións sociais veñen da man do pobo, que as institucións son a súa expresión  e que as loitas sociais  dignifican a política e non son o “pasado”. E voto a Pablo e o seu equipo porque o SG non se cosifica nunha figura de reclamo político, rutineiro e manipulable, allea ao seu propio ideario e programa e a ter un equipo fiable para levalo a cabo. E voto a Pablo por ser o referente político e ético que creo mellor e porque logra concitar o maior recoñecemento social ao proxectar de forma honrada e sincera que Podemos ten que ser un poder de transformación social.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.