Asemblea Cidadá: Disolver Podemos Galicia?

Asemblea cidadá é o termo utilizado en Podemos para o que coloquialmente se coñece como Congreso nas organizacións políticas clásicas, existen asembleas cidadás multinivel: estatais, autonómicas e municipais. Estas asembleas poden servir para renovar as direccións políticas, os documentos político organizativos que rexen a organización ou ambas.

Levamos dous mandatos por parte das bases do partido: Unidade e humildade

O proceso que acabamos de vivir en Podemos abarcou os dous ámbitos e en consecuencia actualizáronse tanto os órganos políticos que rexen a organización como os documentos que van rexer a folla de ruta a seguir a partir de agora na organización.

Vivimos uns meses moi convulsos, cheos de polémica, de subidas e de baixadas, pero unha vez pasados levamos dous mandatos por parte das bases do partido: Unidade e humildade.

Unidade porque necesitamos cohesión e dentro das nosas diferenzas ser o suficientemente intelixentes como para poder volver ser a forza que marque o ritmo a nivel estatal xunto co resto de forzas que compoñen o espazo de cambio.

Humildade porque vimos dun proceso baseado na competición, esa competición provoca distancia e diferenzas que poden ser difíciles de superar pero que temos que ter a humildade para superalas. E humildade tamén aos que saíron con maiores apoios deste proceso, Pablo Iglesias e o seu equipo, porque se hai algo máis importante que saber perder, e os que quedaron relegados tamén teñen que ser capaces de facelo con responsabilidade, é saber gañar.

O proxecto máis votado en Vistalegre II trae a un galego como Jose Buitrón para ser o home de confianza de Pablo Iglesias no Consello Cidadán Estatal en Galicia

En canto a Podemos Galicia, o proxecto máis votado en Vistalegre II trae a un galego como Jose Buitrón para ser o home de confianza de Pablo Iglesias no Consello Cidadán Estatal en Galicia, xa que os outros compañeiros orixinarios de Galicia, Héctor Juanatey, Pablo Fernández ou Julio Rodríguez non están a facer política activa no noso país e están activos a outros niveis.

Jose Buitrón foi candidato ás primarias de Podemos Galicia para a presidencia da Xunta (Antes de que se anulasen cando Podemos Galicia pasou a participar das primarias de En Marea) na candidatura alternativa á actual dirección de Podemos Galicia encabezada por Magdalena Barahona e Carmen Santos.

Foi senador por En Marea despois do 20D e dende ese momento amosou a súa aposta pola construción da unidade popular para poder consolidar unha ferramenta útil para todas as galegas e galegos que sexa capaz de gañar ao Partido Popular.

Existen diferenzas políticas que deberían dirimirse nunha Asemblea Cidadá Galega, isto é, nun congreso galego

Isto lévanos a un debate de calado, onde o que aquí escribe, entende que existen diferenzas políticas que deberían dirimirse nunha Asemblea Cidadá Galega, isto é, nun congreso galego.

Se se ten que levar a cabo unha renovación de cargos ou non, está en mans do máximo órgano de decisión de Podemos Galicia, que valoren se é o momento oportuno para algo semellante, pero, en cambio, o que si debe ser imprescindible é unha asemblea cidadá para actualizar os documentos político organizativos que rexen a organización a nivel galego como xa se fixo noutros territorios, o último Aragón.

Primeiro para adaptar o documento organizativo aos novos estatutos unha vez terminado o proceso estatal e segundo para actualizar a folla de ruta política onde hai dúas posicións maioritarias politicamente diferenciadas.

Na consulta, onde participaron case 8000 galegos, na cal se elexía entre ir sós ás eleccións do 25 de Setembro ou en alianza, cun resultado dun 75% a favor de ir en alianza co resto de forzas fraternas en Galicia

Unha, defendida pola actual dirección, que avoga por reforzar Podemos Galicia e diferenciarse de En Marea. Lembremos que a dirección case na súa totalidade fixo campaña por presentarse sós na consulta, onde participaron case 8000 galegos, na cal se elexía entre ir sós ás eleccións do 25 de Setembro ou en alianza, cun resultado dun 75% a favor de ir en alianza co resto de forzas fraternas en Galicia.

Nestas posicións a actual dirección xa lanzou mensaxes públicas que defenden ter que debater o papel actual de Podemos Galicia en En Marea, o noso proceso de confluencia, utilizando como excusa o cambio xurídico establecido para as eleccións do 25S onde En Marea pasou a ser un partido instrumental (punto que non contemplaba o documento político da actual dirección galega) o cal, ademais, acaba de elixir o seu órgano de dirección como contemplaban os documentos do Plenario do 30X. Neste punto, hai que ter clara a diferencia entre o termo “compartir” ou “formar parte de”, non se pode negar a realidade por moito que peches os ollos moi forte e digas que pasa outra cousa e me temo que contemplar un debate xurídico cando é político, e ademais de calado, vai nesa outra vía.

Ninguén falou nunca explicitamente nin mantivo unha posición política que defendese a disolución de Podemos Galicia en En Marea, como tampouco ninguén falou dunha disolución de Esquerda Unida en En Marea ou unha disolución de Anova en En Marea

En canto á outra posición política, poderiamos entrar a desterrar ese mantra que se esgrime contra o sector máis afín a hipótese de confluencia e de aí, tamén, a motivación do título do artigo, a palabra disolución. Un marco político no que non debemos entrar xa que estariamos a entrar nunha dicotomía falaz. Ninguén falou nunca explicitamente nin mantivo unha posición política que defendese a disolución de Podemos Galicia en En Marea, como tampouco ninguén falou dunha disolución de Esquerda Unida en En Marea ou unha disolución de Anova en En Marea.

Podemos Galicia recentemente anunciou publicamente un reforzo no seu orzamento, o cal, case chegará ao cuarto de millón de euros anuais para manter a súa estrutura e consolidar o proxecto. Ao mesmo tempo, nos documentos políticos de En Marea fálase explicitamente do respecto á autonomía política de todas as partes que a forman, sexan organizacións políticas, sociais, candidaturas municipalistas, xente sen adscrición individual, xa que ese proxecto está baseado nun proceso de acumulación de forzas e non dun proceso de fusión e disolución.

O que defende ese sector proconfluínte, onde me inclúo, é a creación dun espazo común onde todo o mundo sexa capaz de achegar e todos os espazos se sintan representados e traballen conxuntamente.

Necesitamos un espazo unitario, que non uniforme, onde sexamos capaces de atoparnos e consolidar un bloque de cambio para asaltar a Xunta en 2020 e antes nas eleccións municipais de 2019

Por que? Porque necesitamos un espazo unitario, que non uniforme, onde sexamos capaces de atoparnos e consolidar un bloque de cambio para asaltar a Xunta en 2020 e antes nas eleccións municipais de 2019.

Actualicemos as nosas posicións e marquemos unha nova folla de ruta a partir de agora, saiamos dos marcos personalistas onde todo se reduce a enfrontamentos nominais e falemos de política e do futuro da organización, Podemos Galicia e todas as persoas que o conforman necesítano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.