0 Gardados para despois

Carme Adán

Grey, Valentín e outros mozos do montón

A violencia machista habita entre nós.  Dez mulleres asasinadas en corenta e cinco días. Como dato nada máis que engadir. Estamos horrorizadas, case que non sabemos que dicir. Minutos de silencio, pactos de estado, reformas das leis, máis prevención, máis recursos…Si, todo iso si.

Non obstante, hoxe quixera interrogarme sobre a posibilidades de que sexamos nós os e as que habitemos na violencia machista. Damos por válido un sistema que asume a violencia contra as mulleres, ese que se asenta no reparto desigual de oportunidades, espazos, tempos, desexos e proxectos vitais, sen detérmonos a cuestiónalo en profundidade. Todo tan normalizado, tan asumido, que a violencia vólvese completamente invisíbel…. até que unha muller é asasinada. Nese momento denunciamos o efecto, pero resistímonos a debullar as causas porque dalgún xeito participamos da reprodución do sexismo social no que vivimos. Sempre é máis doado pedir responsabilidades aos outros e outras que cuestionarnos a nós mesmos, a nós mesmas.

Non podo nin quero deixar de matinar nos miles de persoas que leron un libro ou viron un filme que eleva á categoría de veneración e mito eróticoa  un señor que, de existir un perfil de maltratador, cumpriría con todas as características

Esta reflexión é froito das dúbidas que sacoden ao pensamento un día calquera cando Twitter obriga a ver, queiras ou non, o tráiler das sombras máis escuras dun tal Grey. Non podo, nin quero, deixar de matinar nas miles de mozas e mozos, homes e mulleres no planeta que leron un libro ou viron un filme que eleva a categoría de veneración e mito erótico a un señor que, de existir un perfil de maltratador, cumpriría con todas as características. Controlador de mulleres, desapiadado e en constante pelexa polo poder. Mais pobre home,  vive  atormentado a causa dunha mala nai que o abandonou.

Si, pobre Grey .Vítima dunha nai drogadicta á que só se lle ocorre morrer asasinada a golpes por un amante. Se despois unha nai adoptiva deulle amor, educación e cartos… de nada serve, xa se sabe que o verdadeiro amor materno vén vía placenta, así que os defensores de Grey abstéñanse de argumentar a favor da xestación subrogada.

Pobriño Grey, traumatizado polo abandono materno, fai a vida imposíbel ás mulleres da súa contorna até que chega a elixida. Esa que sabe redimir o monstro co seu amor verdadeiro. Historia  antiga e mil veces contada, a primeira data de 1550, que o mundo Disney recrea cunha versión infantil dunha Besta máis bela que a propia Bela. Unha Besta que humilla, como Grey, e maltrata fisicamente, como Grey, a unha rapariga, como Anastasia, que no último momento grazas…. pois non sei moi ben a que… consegue a transformación da Besta nun príncipe e de Grey nun “respectábel”  pai de familia. Seguro que vos preguntades que diferenza a un príncipe e a un “respectábel” pai de familia da Besta e de Grey. Neste punto os relatos conclúen. No primeiro caso comendo perdices, no segundo creo lembrar nunha especie de pícnic familiar. En calquera caso comendo.

Xa sei que se pode argumentar que a triloxía ten por mérito descubrir que as mulleres teñen sexualidade. O cal só nos situa nese terríbel sexismo que vivimos que nega a sexualidade das mulleres

Xa sei que se pode argumentar que a triloxía ten por mérito descubrir que as mulleres teñen sexualidade. O cal só nos situa ao principio deste artigo, nese terríbel sexismo que vivimos que nega a sexualidade das mulleres ou a posibilidade de que desexen consumir pornografía, aínda que sexa unha versión aséptica ou distorsionada das prácticas BDSM. Como analiza brillantemente Roxane Gay se cataloga esta novela na sección de  “pornografía para nais” como se o desexo feminino, e o das mulleres nais en particular, fora algo totalmente homoxéneo. De feito, a fantasía que se crea é a da capacidade de Grey para ser o mellor amante de todos os tempos a través dunha minuciosa explicación do pracer de Anastasia. Pracer que evidentemente non pode descubrir soa nin con outra muller. Por certo, nada novo na literatura.

Tampouco falta o mito fundacional do neoliberalismo segundo o cal quen se propoña ser millonario pode conseguilo. Grey é  o individuo triunfante que lonxe que recoñecer a súa orixe, a de sangue que tanto o traumatiza, a extirpa para converterse en icona do capitalismo financeiro. Coches, viaxes, helicópteros, áticos, empresas non son o decorado da paixón, son os ingredentes da paixón mesma. Todo isto en branco claro, o poder como os cartos tamén ten raza.

O éxito deste produto non é casual, ten moito que ver coa mestura entre a construción ancestral da feminidade como abnegación e o verniz de liberación sexual controlada que necesita a mercantilización da vida

O éxito deste produto non é casual, ten moito que ver coa mestura entre a construción ancestral da feminidade como abnegación e o verniz de liberación sexual controlada que necesita a mercantilización da vida e o pracer na nosa sociedade de consumo.  O resultado mídese en dous parámetros. Por unha banda, a nivel contábel en importantes ingresos económicos, o cal xa lexitima o produto sen máis debate. Por outra, a nivel simbólico. As mulleres manteñen o seu rol de salvadoras. Salvadoras  de Grey, dos fillos, da nai de Grey, até do amigo bo namorado que recibe cabazas e do planeta enteiro se me apurades. Mentres tanto imos interiorizando que a pornografía só existe desde o ollo masculino para o ollo masculino, que a sexualidade das mulleres só é plena con amor, que a maternidade é o destino da muller, que a bioloxía sempre se impón na creación de vínculos, que a agresividade é un valor positivo da masculinidade  e, polo tanto,  por unha malleira non pasa nada… como vedes ideas clásicas actualizadas a golpe de talonario millonario.

Tedes razón. Só é un libro, só é unha película que se estrea en San Valentín. Mais non deixo de matinar. De libros, relatos, contos e filmes construímos gaiolas que, por invisíbeis, non son menos reais .

Acerca de Carme Adán

Doutora en filosofía pola USC. Catedrática de filosofía de ensino secundario. Presidiu a Aula Castelao de Filosofía entre os anos 1999 e 2005. En 2003 publica “Feminismo e Coñecemento”. Secretaria xeral de Igualdade (2005-2009) da Xunta e deputada do Parlamento galego polo BNG ata 2016.