Unhas son máis iguais ca outras

Na Animal Farm de George Orwell os porcos reitores da revolución animal que botara fóra ao granxeiro foron desnaturalizando, co paso do tempo,  a igualdade proclamada ao comezo (´todos os animais son iguais”)  para xustificar os seus propios privilexios, chegando lexislar “todos os animais son iguais, pero algúns son máis iguais ca outros”.

Da lectura da sentenza do caso Noos tiramos a mesma conclusión a respecto das persoas: todas iguais, pero unhas  máis iguais ca as outras. Cristina de Borbón foi absolta da acusación de delito fiscal (condenada só como responsábel civil a devolver o diñeiro que o Tribunal entendeu se beneficiara del) por considerar o Tribunal que, malia ser socia, non  era administradora de feito nin de dereito da sociedade AIZOON, S.L.

AIZOON, S.L. era administrada polo seu home e cobraba por servizos supostamente prestados ao Instituto Noos, asociación teoricamente sen fins de lucro que era a que conseguía os cartos públicos e na que rexía unha Directiva na que Urdangarín era presidente, o funcionario da Coroa, Gª Revenga Tesoureiro e a Borbón vogal.  A AIZOON, S.L.. se lle cargaban gastos persoais en grande contía, mesmo o servizo doméstico da familia Borbón-Urdangarín. E Cristina de Borbón non se enteraba. Sen dúbida unha respectábel interpretación xudicial dos feitos probados que, porén, choca moitísimo coa praxe xudicial noutros casos semellantes.

Por outra banda, a condena penal de Urdangarin é certamente benigna. O Tribunal decidiu condenalo polos delitos  continuados de prevaricación e falsidade en documento público e polo delito de malversación de fondos públicos. Mais o Tribunal rebaixou substancialmente a pena aplicando unha regra pouco usada do Código Penal que permite beneficiar en circunstancias moi excepcionais  aos autores non directos (Urdangarín era só cooperador necesario) e, por riba, aplicou a atenuante de reparación do dano, de moi discutíbel ponderación tendo en conta o atraso procesual co que Urdangarín depositou parte do diñeiro defraudado. A mesma regra de rebaixa da pena aplicábel e a mesma atenuante  se lle aplicou ao delito de fraude á Administración balear polo que tamén foi condenado.

Se ao exposto lle engadimos a omisión total a respecto do papel xogado en todo este conto polo Emérito fica claro que algunhas persoas son máis iguais ca as outras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.