A volatilidade

No amencer dos anos 90 do século pasado comentabamos nas conversas familiares un cambio que encetaba a albiscarse na sociedade. O sistema ideolóxico predominante estaba introducindo de xeito sibilino, raposeiro, progresivo e desacougante un novo concepto con derivacións prácticas: a volatilidade. Na actualidade xa é un fenómeno social amplamente espallado e identificable con claridade. A “modernidade líquida” e o crecente individualismo, que se filtra por tódolos poros do corpo social, onde impera “cada un vai ó seu, menos eu que vou ó meu”, contribuíron a esta fraxilidade do pensamento e da conduta. Se a estes factores lle engadimos a derruba da ética estrutural dos principios, paulatinamente relegada á artesa das lembranzas pola ética conxuntural das circunstancias, da comenencia e do oportunismo, contamos ca maioría dos elementos, que explican o trunfo da volatilidade. A evanescencia dos valores na nosa sociedade semella evidente e o relativismo moral entronizouse como unha das normas nucleares.

A “modernidade líquida” e o crecente individualismo, que se filtra por tódolos poros do corpo social, onde impera “cada un vai ó seu, menos eu que vou ó meu”, contribuíron a esta fraxilidade do pensamento e da conduta

Empezou utilizándose o concepto a respecto da bulsa, na que dun día para outro se produción flutuacións alternantes, difíciles de detectar e aínda menos de analizar nas súas verdadeiras causas, ligadas, segundo os expertos, a acontecementos fugaces de distinto cariz.

Aplicada orixinariamente ó eido bolsista, a volatilidade foise estendendo como unha mancha de aceite a outros terreos. Adóitase a ouvir no tocante ás compañías telefónicas: “ se a súa compañía o engana, cámbiese a outra. Hoxe os novos mudan de compañías coma de calzóns.

A Banca xa non fomenta a fidelidade do usuario e promove de xeito indirecto o pase dos seus aforros ao non premiar ó cliente leal e perseverante, co que a é continua a fuga de capitais de unha a outras entidades, sen que o numerario acougue. 

A volatilidade converteuse nun virus insaciable, inoculando tamén o de por si xa complexo mundo das relacións humanas. As amizades pasaron a ser pasaxeiras e as relacións de parella efémeras, pois deseguida se acaba “a chispa” e o “milongo” iniciais. Resulta preferible rachar inmediatamente os lazos, anoados día a día mediante ledicias, tristezas, dores, traballos, festas, sacrificios, desgustos, decepcións e compromisos, todos eles elementos lóxicos e enriquecedores  da conxunta traxectoria vital. En agosto do 2014 escoiteille a unha locutora da TVE este aserto contundente:”O amor hai que vivilo mentres dura, pois non se sabe cando ven e cando se vai a ir”.

O mesmo vórtice das novas axuda á inmediateza e volatilidade informativas e satura de tal xeito a atención que, o que  hoxe é relevante, esquécese ao día seguinte e pas a un segundo e ínfimo plano

Asistimos, ademais, a unha insistente presenza de unha volatilidade normativa. Cada vez que rube ó poder un novo goberno, leis básicas, referentes a temas tan sensibles ou importantes para o porvir dun país como a educación  ou a tributación, son inmediatamente cambiadas polo seguinte goberno de quenda, ou incluso o mesmo para máis inri, sen ningún rubor, malia a oposición xeneralizada a semellante troco.

O mesmo vórtice das novas axuda á inmediateza e volatilidade informativas e satura de tal xeito a atención que, o que  hoxe é relevante, esquécese ao día seguinte e pas a un segundo e ínfimo plano. Dáse o triste paradoxo de que a insistencia nunha mesma nova remata por insensibilizar aos receptores da mensaxe, como pode comprobarse no caso dos refuxiados.

Por suposto, a volatilidade introduciuse nos comicios electorais. Todos comprobamos nas últimas votación, entre perplexos e abraiados, a fraxilidade das adhesións partidarias. Algunhas forzas políticas, que se gababan de posuír un voto fiel espertaron desagradablemente sorprendidos pola masiva fuxida do seu electorado cara outras opcións politicas. Quizais quen mellor soubo eludir o temporal foi o PP. Unha parte non desprezable dos seus votantes pertencen a unha franxa de idade xa provecta, que aínda non foi captada por esa arma de difusión extraordinaria, a volatilidade. Segundo o seu conselleiro áulico sociolóxico o PP ten un 27% asegurado faga o que faga, incluso se colleran in fraganti a Mariano

Rajoy roubando no cepillo da catedral de Santiago. Tamén debemos recoñecer que a cegueira moral e o crepúsculo do deber ofuscan a unha considerable porción da nosa sociedade, insensible diante da corrupción, dos abusos e dos trocos.

Algúns partidos déitanse comunistas e amañecen socialdemócratas, e algúns rebaixan as esixencias do pactado entes de que o galo cante tres veces

Os mesmos partidos, dalgún xeito, propician a volatilidade cos seus cambiantes comportamentos. Nunca na miña vida, que comeza a alongarse e supera xa o setenta, contemplei tanto “marxista”, pero non de Carlos Marx, senón de Groucho: ”Teño uns principios, pero se non lle gustan, posúo tamén outros” na caixa B, extracontable e diferida. Algúns partidos déitanse comunistas e amañecen socialdemócratas, outro prilero cas esquerdas e despois cas dereitas ou ó revés e algúns rebaixan as esixencias do pactado entes de que o galo cante tres veces. Moitos escúdanse no vello refrán segundo o cal é de sabios cambiar de opinión. Este proverbio é un de tantos que a humanidade inventou para buscar na consagración dunha sentenza a desculpa  a unha lixeireza,  a unha canallada ou a un cambio de chaqueta.

Pode empregarse perfectamente o concepto de “modernidade líquida”, termo creado polo recentemente finado Bauman, para definir o estado fluído e volátil da actual sociedade, sen valores dabondo sólidos, na que a incerteza pola vertixinosa rapidez dos cambios debilitou os vínculos humanos. O que antes eran nexos poderosos convertéronse en lazos provisionais e fráxiles.

O retrato da sociedade vasca sería o seguinte: Unha sociedade do benestar, consumista, hedonista, na que a dialéctica esquerda-dereita perdeu intensidade, que conserva un amplo sentimento nacionalista, pero que está cambiando o xeito de vivilo

Segundo unha enquisa recente Euskal Herria entrou nese proceso “líquido” e contraditorio e coido que en Galiza acontece algo semellante, en maior ou menor medida, aínda que existen variables moi diferentes, de todos coñecidas, nas dúas sociedades. O retrato da sociedade vasca, segundo a citada enquisa sería o seguinte. Unha sociedade do benestar, consumista, hedonista, na que a dialéctica esquerda-dereita perdeu intensidade, que conserva un amplo sentimento nacionalista, pero que está cambiando o xeito de vivilo a respecto do que era a súa actitude de fai 20 anos. Unha sociedade que está máis desmobilizada, en gran parte como produto da canseira da violencia e que xa non vibra coma antes co discurso do “conflito”. É unha sociedade “postmoderna”, que sente o identitario, pero xa non o ve de maneira tráxica. Prevalece nela a preocupación polo benestar económico e constátase unha grande desafección cara a política e as ideoloxías tradicionais. Semella que os “relatos” clásicos precisan anovarse , porque empeza a esgotarse ante as novas xeracións. Estas poderían ser as valoracións derivadas da enquisa.

É un camiño moi perigoso o que a ductilidade extrema culmine na desvalorización ética e na xordeira moral

Atrévome a engadir pola miña conta. Esta sociedade “líquida”, na que ser flexible parece unha virtude, obriga certamente á política a transformarse, polo menos nos métodos, formas, tácticas, estratexias, non tanto nos principios, se non quere verse constrinxida pola realidade mediática no escaparate rutineiro das imaxes e dun enorme e atroz individualismo, fomentado a sabendas polos gurús do neoliberalismo imperante e salvaxe. É un camiño moi perigoso o que a ductilidade extrema culmine na desvalorización ética e na xordeira moral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.