A ruptura do pacto social

Adoitamos incorrer nun grave erro de xuízo: definir como simplemente capitalista o sistema económico-social europeo dende a II Guerra Mundial. E non o era. En realidade, misturaba elementos públicos e privados. Velaí a máxima do Congreso dos socialdemócratas alemáns en Bad Godesberg, no 1959: “tanta competencia como fór posíbel, tanta planificación como fose precisa”. Ou a definición do Curso de Economía Moderna do grande economista Samuelson: “o marco institucional define a actividade económica. Por exemplo, a sociedade decidiu que polo feito de non percibir rendas polas súas actividades un cidadán non ha pasar fame”.

O sistema mixto, a economía social de mercado, estrutura un pacto social implícito

En realidade, o sistema mixto, a economía social de mercado, estrutura un pacto social implícito. Os sindicatos e traballadores non cuestionarán a produción e distribución privada de bens e servizos nin o elemento inserido de crecemento económico desigual que leva no seu cerne se, en troques, o sector público garante a cohesión e inclusión social a medio de eficaces políticas de servizos públicos (educación obrigatoria e saúde gratuítas e de calidade, política redistributiva de rendas a prol dos máis febles e servizos sociais para que as persoas desfavorecidas eviten a súa exclusión social).

A loucura da austeridade, a transferencia das rendas públicas ao sector financeiro que xerou a crise e máis a falla de crecemento económico determinan a culpabilización do déficit público

Pois ben, a loucura da austeridade, a transferencia das rendas públicas ao sector financeiro que xerou a crise e máis a falla de crecemento económico determinan a culpabilización do déficit público. Un déficit que compre usar de xeito racional e eficiente, mais que constitúe o núcleo esencial de calquera política dirixida a manter esa calidade prestacional dos servizos públicos e esa transferencia de rendas que definen de seu o noso sistema de economía social de mercado.

Os que tentan destruír este equilibrio entre público e privado son tan antisistémicos como os que pretenden a estatalización de toda a actividade económica

Os que tentan destruír este equilibrio entre público e privado son tan antisistémicos como os que pretenden a estatalización de toda a actividade económica. E debullarán un camiño que nos levará á definitiva destrución do pacto social e dos consensos que lexitiman a pax publica. Camiño que chegará, máis cedo que tarde aos escenarios que tentaron evitar os nosos avós despois do 1945: a exclusión social, a pobreza para a inmensa maioría, a desigualdade, Que nos levarán de seguro á violencia metastatizante e a guerra, en último de contas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.