0 Gardados para despois

Diogo Tabuada

A – disonante – sensibilidade da marca España

Entrañables : nunha cara do ring monsieur Javier Cercas sacándose da chistera un artigo titulado o combate do século, un cínico exabrupto xornalístico a medio camiño entre a ironía progre resabiada – e desinformada – e as dúas gotiñas de cinismo sutilmente verbalizado que adoitan acompañalo. A outro lado do ring, o supermacho do xornalismo español, Don Arturo Pérez Reverte, sacándose da súa españolísima entreperna, nunha entrevista, a seguinte perla : “Os Yihadistas van a gañar, eles teñen collons”. Non é por importunar, mais entre o progresismo baleiro de contido, resabidillo, resentidillo, e o casticismo mesetario inflado de testosterona, existen alternativas ó cada vez máis quente termómetro do prisismo cultural e lingüístico.

Resulta que ó correctísimo e exemplarísimo cidadán Javier Cercas doelle España. Nada novo. En España a todo o mundo doelle España; é habitual levantarse cada mañá con toneladas de verbas rosmonas, plúmbeas, nihilistas e aristocráticamente desesperanzadas polo futuro de Lady España, en xenérico, e pola virxindade do seu himen – tan trinitario no confesional coma unitario no político –, en concreto.

A Javier Cercas doelle, sí, doelle moito España, porque resulta que cada vez está máis polarizada e non atopou a auténtica verdade intrínseca na filosofía do inxusto termo medio. Fíxense vostedes; monsieur Javi simplifica a tensión do relato histórico da perenne e histérica memoria dos pobos da península coa seguinte categorización : a un lado do ring estarían o que él denomina os GOT – grandes odiadores da transición -, e a outro estarían o que él denomina os GAT – grandes apoloxistas da transición -. Poderán vostedes intuir cara qué insinuación dirixe o seu xoguete retórico para seguir dando tantos palos de ciego – que así se chama, por certo, a súa sección no dominical de El país – coma os cegos mesmos ós que critica por non deixarse persuadir pola proverbial chama do santísimo, unitario e trinitario espíritu da transición. A insinuación entrelineada nas verbas de Cercas é evidente : cando dúas perspectivas chisporrotean ou pugnan entre sí pola veracidade do relato histórico, opta pola indiferencia moral e non te cases con ningunha, non vaia ser que te queimes mollándote, e viceversa, ou que che resulte fatigoso o esforzo de indagar nos fundamentos e contidos de ambas.

Porque, claro, ademáis de ser uns odiadores, somos, “en teoría, jóvenes izquierdistas que no vivieron la transición”. Ou sexa, que posto que somos xóvenes, e posto que somos esquerdistas teóricos, e posto que non vivimos a transición, o que teñamos que concluir, indagar, analizar, criticar ou debatir non ten validez ningunha. O que conta é o feito de vivir – sic – un proceso histórico en primeira do singular para ser autoridade revelada e revelatoria sobre o mesmo; algo tan consistente coma considerar que, posto que Bruto matou a César e viviu en carne e oso o parricidio, habería que exhumar a súa tumba e facerlle masaxes de reanimación ó cadáver para escoitar a verdade verdadeira sobre o que foi ou deixou de ser Roma nese contexto. ¡Brillante! : aplaudan a monsieur Cercas e fáganlle caso; pode que o día de mañá, dopo la súa morte, sexan vostedes mellor considerados que os xóvenes por defender en vida a teoría de que as zenorias poden crecer ó revés.

E é que, ¡vaia por deus!, a tribu dos GOT cometemos o erro de soster, aínda que non coas verbas tan sinxelas e de rúa que Cercas utiliza para caricaturizarnos, que a transición foi “un tongo” – por suposto -, “una sucia treta urdida con el fin de que el franquismo pareciera cambiar cuando nada cambiaba”  - off course, mon ami, e non fai falla citar a conclusión Lampedusiana, que só ten unha interpretación posible : cambiar todo para que nada cambie. Sendo todo, o franquismo, e sendo nada, a prometida democracia que arrastramos debido á non-superación do Franquismo xudicial e da súa antropoloxía cultural, política e cotiá -, de modo que “la culpa de todos nuestros males públicos la tiene la transición” – non tanto : só foi o principio do presente disparate – e “nosotros no somos responsables de ninguno” – en realidade é todo o contrario : o que queremos é facernos responsables dos erros pretéritos dos nosos pais coma tamén nos facemos dos nosos, hoxe -.

Despois desta retahíla de patéticos estereotipos dominicais verbalizados por monsieur palos de ciego despois dun café – cargado, intúo – matutino, vén o mellor do baile, espérense : “Los GOT, en fin, son bastante inofensivos, algunos incluso entrañables : en cuanto a sus argumentos, no precisan refutación, de hecho ni siquiera son argumentos, sino desahogos de frustraciones personales o palancas de ambición política, y a menudo delatan un conocimiento de la transición comparable al que un servidor posee de la cría de oveja merina australiana”.

O de inofensivos teño que recoñecer que, no meu caso, é certo : sempre me considerei un home de paz, e por iso trato de guerrear coa palabra. De feito, o máis violento que fixen nunca na vida foi no barrio do meu pobo, Chantada, xusto o día da famosa procesión dos caladiños, no que quixen tentar á deusa fortuna e probar, aténdome ás consecuencias, a gritar o seguinte no medio da Piazza :

-¡Ustedes no tienen fe, lo que tienen ustedes es miedo!

Fíxense vostedes se son inxenuo e temerario que meses despois osei presentarme como alcaldable por Esquerda Unida cunha caótica plataforma municipal sen orde, estructura, programa nin horizonte, na que máis que suxeitos de esquerda existían loros de repetición do cotilleo político que chegaba dese dañino espantapáxaross chamado televisión. Mais vaiamos ó gran, que eu non importo un pimento.

Javier Cercas ten hemeroteca, bibliografía e documentación suficiente para persuadirse da verosimilitude dos relatos e conseguintes conclusions dos GOT. Pode que a descoñeza e non o saiba, e por iso  pode que veña de pasarse un chisco de listo. Pode que a coñeza mais non lle confira seriedade ou rigor epistemolóxico-historiográfico, e se así fose tería que aclararnos, no seu descafeinado artigo matutino, cales son esas debilidades de fundamento que caracterizan á non pouca bibliografía e documentación crítico-histórica sobre a transición española. Pode que a coñeza e non se molestara en lela, posto que xa está convencido de que as musas da sensatez, da obxectividade e do senso común – dominante – aválano. Pode que a coñeza e nin se molestase en escudriñar as súas bases epistemolóxicas, racionais, nin en lelas sequera por riba, nin en considerar que todo o que creu até o de agora sobor unha época da historia contemporánea de España ten tanta solidez empírica, lóxica e epistemolóxica coma os coñecimentos de cría de ovella merina australiana que recoñece non posuir en absoluto no seu artigo.

Porén, nalgo comeza a acertar monsieur paos de cego cando escribe : “En otra esquina están los GAT – grandes apologistas de la transición -. Son más escasos que los anteriores, pero mucho más poderosos”.

Que cada vez menos suxeitos outorguen verificabilidade empírica ós mitos discursivos da transición non se debe ó feito de que o pobo raso se esforzase na biblioteca e nas hemerotecas para deconstruilos, non : millons e millons de persoas siguen votando ó inefábel partido da gaivota alada e á incolora socialdemocracia do PSOE : sinxelamente, impórtalles un pepino a transición. O que realmente lles importa e motiva é defender, nun eterno presente e sen descanso, a un lado e a outro, ó partido de España, España, España… O que acontece, por suposto, é que o tempo fai anacos ás mentiras de época, e á nosa vaille tocar comezar a escudriñar as da transición con máis prudencia, distancia, rigor crítico e globalidade, isto é : que nos vai tocar sair do terruño patrio para falar das burdas mentiras coas que nos criaron nel.

Mais, por fin, Javier Cercas di unha verdade verdadeira, esa verdade que, ademáis, é a nai do año de todo este problema : evidentemente, monsieur paos de cego, evidentemente que os GAT, os grandes apoloxistas da transición, a saber, os que nunca se atreveron a facer unha condena político-moral do franquismo, os que logran trepar no aparello de estado gracias á existencia do franquismo xudicial, os que son condeados polo penal a medio ano de cárcere despois de evadir centos de millons de euros sen ser obrigados en absoluto a devolver o roubado, os que financian ilegalmente ós seus partidos con prata de narcos e crean empresas- tapadeira para evadir fiscalmente e lavar diñeiro negro, os que desprazan as súas millonarias débedas privadas á administración pública…; eses, sí, evidentemente, señor Cercas, son, coma vostede di, mucho más poderosos que los GOT. E por iso, almita de cántaro, usan o relato histórico que usan.

Non facer xustiza a nada nin a ninguén agarrándose ó secular reino dos ceos do extremo-centro, que é o que adoita facer Javier Cercas, pode chegar a violentar tanto á verdade e ó máis elemental senso da xustiza coma vomitar apaixoados exabruptos coa fe cega dun hincha, que é o que adoita facer Arturo Pérez Reverte, a quen me vin obrigado a responder xa fai tempo en referencia a unas declaracions súas sobre a hipotética inexistencia da literatura galega.

O realmente cómico de ámbalas dúas actitudes, de ámbalas texturas de sentimento, co terriblemente disonantes que son, é que serven, a día de hoxe, para seguir dando cimento cultural ó neoconservadurismo marca España na súa versión progre e castiza : un neoconservadurismo que moviliza toneladas de clisés e poses retóricamente xustificadas desde o xornalismo de opinión, a edición de novelas históricas sen o menor rigor histórico, a promoción de productores de ruido e insultos, popularmente chamados tertulianos, sabedores de nada mais faladores de todo, a creación de contidos culturais e programas dirixidos a avivar o sentimento nacional e a endogamia en detrimento da reflexión e a investigación histórica, e a militancia nuns medios de comunicación que se quedaron ancorados no pasado, alérxicos a normalizar o rol e a profesión do xornalista coma un suxeito obrigado a transformar unha opinión pública integralmente privatizada nun logos crítico que amplíe o fundamento nuclear que se precie de calqueira democracia; a saber : aquel que recorda que a participación, a deliberación e a decisión son monopolio do demos, e nel , en última instancia, reside o consentimento de toda acción colectiva. Ou sexa : política.

Pode que recalcar esto último non interese, nin a Javier Cercas, nin a Arturo Pérez Reverte, posto que ámbolos dous teñen que comportarse con respecto ós seus lectores e aduladores igual que os comerciantes cos seus clientes : ofrecerlles o que éstes buscan; patéticas, nostálxicas, idealizadas e terxiversadas batallitas históricas protagonizadas por homes armados até as cellas, nas cales - ¡qué casualidade¡ - o seu honor moral sae sempre vencedor, para maior gloria das fantasías intelectuais do merchandishing cultural da marca España. Ou tamén, no caso de Cercas, moralismo apriorístico incapaz de tomar partido a prol de perspectivas e sensibilidades críticas familiares ás capas sociais subalternas, non tanto polo feito – azaroso – de ser ou non ser subalternas, posto que iso non garantiza o grado de verdade ou falsidade dun feito histórico e a súa conseguinte interpretación, senon polo feito de que, nun país no que tutti il mondo, xornalistas, escritores, científicos, artistas, políticos.. etc, bota escuma pola boca debido á corrupción estructural da democracia post-transición, o mínimo que debe facerse é atreverse a repensar críticamente, con fundada sospeita, o carácter presuntamente democrático dos procesos que nos levaron até ónde agora nos atopamos.

Non é por nada, señor Reverte, mais eu creo que o xornalismo, a literatura e a ciencia histórica merécense algo máis que espantapáxaros que fagan apostas públicas ó cabalo gañador do terrorismo islámico, con collons ou sen eles; eu creo que o problema da corrupción estructural da democracia española é o mesmo problema intrínseco no modelo anglo-euro-israelí de democracia e reside na violentísima inxustiza estructural do modelo económico a él integrado. Ese foi o modelo polo que o prisismo cultural, político e mediático, desde cuxos marcos verbalizan vostedes os seus exabruptos, optou por facer propaganda : o modelo do imperio atlántico de ultramar, comandado por pro-homes brancos, varons e occidentais, coas súas irracionais inversions en i-d-i militar e tecnolóxico para impoñer ou exterminar físicamente, se fai falta, a gobernos ou pobos remisos a non ceder a súa soberanía política, cultural, económica e militar por un puñado de euro-dolares.

O mesmo modelo, señor Cercas, que tragaron as esquerdas, os centros e as dereitas hexemónicas do estado español, antes, durante e despois da transición. O mesmo modelo, señor Reverte, que financia, tanto ó armamento que infla ós por vostede admirados collons do terrorismo islámico, como ós por vostede non tan admirados collons do colonialismo euro-americano que o creou.

Acerca de Diogo Tabuada