O neoliberalismo e a mercantilización da i+d+i

Poucos son os espazos que non teñen sido invadidos polo neoliberalismo salvaxe que vimos padecendo nas últimas décadas e, por suposto, o ámbito da I+D+i non é unha excepción. Vemos constantemente como moitos dos nosos mellores recursos humanos vense na obriga de procurar noutros  lugares a estabilidade laboral que aquí non existe, debido a un modelo baseado no financiamento por proxectos (moitas veces) mal pagados e sen continuidade. O modelo precarizador de traballo promovido polo neoliberalismo expulsa traballadores constantemente do mercado laboral en todas as áreas económicas.

Sen embargo, esta non é a única consecuencia dun modelo do que xa hai tempo sabemos que non funciona se o que pretendemos é fomentar unha economía sustentable. O neoliberalismo está convertendo as carreiras investigadoras nun sen sentido no que se premia a cantidade dos méritos sobre a calidade: en efecto, valen máis moitas publicacións -aínda que estas sexan de discutible calidade- que un traballo ben concibido e con maiores repercusións positivas para a sociedade.

Por outra banda, outro dos dogmas que propugna esta óptica neoliberal é a necesaria participación das empresas na investigación, dotando á mesma dun evidente enfoque cara ao deus mercado. É xeralmente recoñecido que a mercantilización da investigación pode influír tanto na dirección tomada pola mesma como introducir un importantes viés nos seus resultados. De tal maneira que unha investigación patrocinada, por exemplo, por unha coñecida marca multinacional de alimentación (poñamos que podería vender un produto coñecido como as patacas fritidas, aínda que o exemplo é válido para calquera sector ou produto: saúde, industria etc) estará máis interesada en destacar as calidades positivas dese produto que en coñecer outras informacións que o convertan en restritivo ou perigoso para determinados colectivos. O interese particular da multinacional condicionaría non só o obxecto de estudo -o que significa que outras liñas de investigación sobre eses produtos alimentarios (ou da tipoloxía que fosen) non se financiarían- senón que influiría tamén á hora de seleccionar cal será información relevante que se debe extraer e dar a coñecer unha vez finalizado o estudo. Así, segundo o noso exemplo, podería ser máis doado coñecer antes algúns dos beneficios que as patacas e o amidón producen na saúde (melloras no colesterol, de absorción de zinc, ferro etc), que saber que estas, en determinadas condicións de cociñado (moi fritidas), poden convertese en axentes canceríxenos (BBC, 2017). 

Este exemplo pretende amosar só algunhas posibles consecuencias que se derivan da mercantilización da investigación. Non se trata neste artigo de vilipendiar a colaboración privada no campo da investigación. Esta debe existir e cómpre promovela, sen dúbida, pero non debe ocupar nin substituír os espazos daquela investigación -tanto básica como aplicada- que debe ser realizada de maneira libre e baseada unicamente en criterios científicos. Cales son eses espazos non é unha pregunta doada de responder, se ben si semella que debe primar o criterio do interese e da necesidade social sobre o mercado. A nós, todas e todos como sociedade, correspóndenos definir eses espazos.

 

Bibliografía

BBC (2017). BBC World. Obtido de Por qué cocinar menos las tostadas y las patatas puede reducir el riesgo de cáncer [ref. 23 de febreiro de 2017]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.