O Garañón e outros monstros do Capitalismo

Non recordo a época na que se facían as cousas pola satisfacción de facelas ben. Case non empreguei aqueles produtos que se fabricaban coa mellor calidade para que durasen o maior tempo posible. Medrei nun mundo dominado pola mercantilización, e iso influíume a case todos os niveis. Hoxe, neste soleado día de febreiro, paseo polo centro da miña cidade e podo interpretar as supervivencias dunha era dourada, aínda que non deixo de preguntarme como tería sido vivir nun Lugo onde pasear fose un pracer. Penso nos edificios da Praza de Santo Domingo, nalgúns da Avenida da Coruña, outros da Rúa Montevideo, e moitos máis que agora mesmo non me veñen a cabeza, e tamén penso naquelas xoias que nos quitaron, como o edificio de Barras na Praza do Ferrol ou o Gran Teatro. Todos eles foron deseñados para ser ollados, para facer a cidade o mais estética posible e arredar das nosas mentes a perfección natural -esa que nós nunca acadaremos- en detrimento da artificial. Recordemos que xa as gregas e as romanas adornaban suntuosamente as súas obras arquitectónicas.

Ollo para os edificios que construímos hoxe en día -como aquel no que vivo ou nos que vivín- pensados ata o máis ultimo detalle en canto a custos e logo vendidos a prezo de ouro. “Minimizar o gasto e maximizar ingreso” -dicíannos na facultade- co fin de obter o maior beneficio posible. Porén, cal é o beneficio e para quen? Falo concretamente de edificacións na zona central da cidade como as “Torres do Seminario” ou as novas e anodinas  edificacións da Rúa da Raíña. Suxírenvos algo a vós cando ollades para elas? Ou, máis especificamente, cando pasades preto delas tedes algunha razón para erguer a vista? A resposta é “non”. Só son un lugar para almacenar xente.

Sigo camiñando e, despois de todas estas novas edificacións, vexo as ruínas, isto é, aquilo que algún día foi de utilidade e xa non o é, á par daquelo que nunca chegou a ser nada pola súa brutalidade. No primeiro dos casos deberamos buscar a maneira de dotarnos de recursos que vinculen a propiedade coa responsabilidade efectiva. No segundo, estaba o Garañón, un edificio sobre o que o goberno do Concello de Lugo pareceu encamiñarse esta semana a demoler non recorrendo a última sentenza, para despois recuar declarando non estar dispostos a revisar o seu convenio. Dende logo, todo avance nisto é unha moi boa nova para esta cidade que loitou contra a especulación urbanística e tamén contra as malas praxes dos vellos políticos. Pero sen revisión do convenio, a demolición subordina de xeito moi inxusto uns orzamentos aos que toda a cidadanía contribúe.

Mies van der Rohe dixo aquilo de “menos é máis”, e no caso das costas do parque é ben certo. Non todo é mercantilizable. Non podemos permitir que os intereses económicos duns poucos rexan as cidades. Reclamemos un entorno humano e habitable. Paremos a desnaturalización dos espazos nos que vivimos. Reivindiquemos outra vez a estética dos noso edificios fronte aos intereses do capital, e que as fachadas que vexamos sexan tidas en conta nos novos proxectos. Fagamos florecer a arquitectura. Impliquémonos en acadar a cidade que queremos, e esixamos que non sexa a costa de quen non ten a responsabilidade das desfeitas pasadas.

Avante un novo urbanismo! Avante un novo Lugo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.