¿Unha diplomacia pública galega?

Nos últimos días, o xornal Praza Pública (conxuntamente co IGADI) entrevistaron a varios representantes de formacións políticas en relación ao borrador da Estratexia Galega de Acción Exterior, que se prevé que sexa aprobada durante este ano 2017.  A entrevista coa portavoz do BNG en Bruxelas (que volverá ser deputada europea o ano vindeiro) Ana Miranda deixou o seguinte titular: “Debemos ambicionar unha diplomacia galega como a Diplocat”. As críticas non se fixeron esperar e o pasado 28 de Febreiro o xornalista Carlos Luís Rodríguez publicaba un artigo en El Correo Gallego cargando contra a política nacionalista. “Siempre copiando”, afirmaba Rodríguez, criticando a, segundo el, que se queiran importar prácticas políticas alleas só polo feito de que veñan de Cataluña. Certamente, polo que contaba Rodríguez no seu artigo, penso que non está no certo. Nin moi ben informado.

En primeiro lugar, hai que explicar de xeito rigoroso qué é o Diplocat. O Consello de Diplomacia Pública de Cataluña, tamén chamado Diplocat, é un consorcio público-privado deseñado para fomentar o diálogo e construír relacións de confianza entre os cidadáns de Cataluña e o resto do mundo. Segundo se recolle no seu espazo web, o Diplocat contribúe nos debates sobre retos globais, promove a implicación activa da sociedade catalá no intercambio de ideas e a posta en común de boas prácticas en diferentes ámbitos. Polo tanto, o que di Rodríguez no seu artigo é, como pouco, incorrecto, cando afirma que o Diplocat é “un intento de divulgar por todo o mundo a futura República catalá”. Curiosamente, semella que acepte a idea irreversible da independencia de Cataluña.

Diplomacia pública é un concepto moi diferente da diplomacia clásica que exercen os Estados. É unha especie de diplomacia cidadá, máis informal pero que, segundo todos os expertos, acaba sendo máis efectiva

Diplomacia pública é un concepto moi diferente da diplomacia clásica que exercen os Estados. É unha ferramenta ao servizo de gobernos, empresas multinacionais ou cidades para promover as súas relacións con outros autores. O achegamento de posicións, a celebración de conferencias sobre cuestións culturais, ou o intercambio comercial formarían parte deste espectro. É unha especie de diplomacia cidadá, máis informal pero que, segundo todos os expertos, acaba sendo máis efectiva e tendo unha maior capacidade de construír relacións globais de confianza. Ata o Ministerio de Asuntos Exteriores recoñece na súa web que é importante ter instrumentos capaces de ter contacto cun número crecente de actores na escena internacional, como empresas, institucións científicas ou grupos sociais.

É interesante repasar a definición do concepto que facían, xa nos 90, destacados membros do servizo diplomático dos Estados Unidos:

A diplomacia pública é o proceso comunicativo dun goberno con públicos estranxeiros coa intención de facilitar a comprensión das ideas e os valores dun país, das súas institucións e culturas, así como dos obxectivos nacionais e das prioridades políticas actuais.

Hans Tuch, Communicating With the World: US Public Diplomacy Overseas (New York: St Martin’s Press, 1990)

A diplomacia pública non é un invento dos cataláns, precisamente. É unha ferramenta máis de bo goberno, deseñada para amplificar e reforzar a vella diplomacia entre Estados. Curiosamente, o borrador da Estratexia Galega de Acción Exterior (Egaex) non recolle nas súas 185 páxinas de borrador o concepto de diplomacia pública.

A parte do Diplocat, Cataluña ten unha rede de oficinas exteriores en máis de noventa países que operan co principal obxectivo de catalizar a internacionalización do tecido empresarial catalán. Máis de 23.000 empresas teñen recibido o apoio destas oficinas comerciais. Os cálculos da Generalitat son realmente impresionantes: por cada euro invertido nunha oficina exterior, obtivéronse 49 euros en exportacións e 26 euros en inversión estranxeira. Estou convencido que, cando menos, vale a pena observar o modelo catalán de acción exterior para evitar tirar conclusións erróneas.

Galicia ten todas as características, como actor político, para construír unha estrutura política que cubra a ausencia de presenza internacional

¿Necesita Galicia unha diplomacia pública? Considero que Galicia ten todas as características, como actor político, para construír unha estrutura política que cubra a ausencia de presenza internacional. Galicia conta cunha diáspora, en moitos lugares activa civicamente, que foi capaz de converterse no mellor embaixador posible do país.  Existen multitude de exemplos: a existencia de lectorados de galego en diferentes países, a conformación de asociacións de empresarios galegos ou mesmo o xurdimento de agrupación folclóricas ou grupos de música galega no estranxeiro.

¿Por qué Galicia non aproveita este activo –o colectivo emigrante- para impulsar novas relacións con países terceiros, que poidan acabar con inversións produtivas no país? Unha boa diplomacia pública é máis efectiva que unha campaña publicitaria sobre turismo ou que unhas relacións comerciais esporádicas. O medio prazo, sempre máis estábel e menos gobernado por intereses puramente económicos, é o espazo onde debería traballar a Xunta. Iso si, sen unha estratexia e un apoio e seguimento por parte do goberno galego, estes obxectivos non se poderán cumprir.

Sería preferíbel non deixarse levar polo odio sistemático a aquilo que leve o selo da Generalitat. Galicia necesita crear un Diplogal

O exemplo catalán neste ámbito móstranos que se pode ser unha nación sen Estado e ter reunións ao máis alto nivel en diferentes foros e con diferentes actores. Os momentos políticos seguramente son moi diferentes, pero sería preferíbel non deixarse levar polo odio sistemático a aquilo que leve o selo da Generalitat. Galicia necesita crear un Diplogal, capaz de dinamizar e crear unha coordinación efectiva entre a estratexia de acción exterior formal e a realidade, máis complexa, da diplomacia pública. As relacións exteriores de Galicia, afortunadamente, non pasan só polas mans dos responsábeis políticos da Xunta.

Ese Diplogal debería dispoñer dunha estrutura política e administrativa cun mandato claro: que se fale do noso país no mundo.  A súa tarefa sería facilitar que se poida falar dos pensadores galegos, das súas ideas, da nosa idiosincrasia como pobo, da nosa lingua e das nosas empresas nos foros máis prestixiosos do mundo. É o mellor xeito de captar inversións ou de xerar valor engadido para as nosas universidades.

Non se debería perder de vista que o obxectivo debe ser o interese xeral das galegas e dos galegos. Iso si, sempre é máis doado criticar a Cataluña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.