0 Gardados para despois

Alfonso Armesto Prósper

O Movemento estudantil galego ante o 9M

Este 9 de marzo, as estudantes saen á rúa nunha mobilización que non podemos igualar ás últimas, atendendo á natureza da organización da mesma.

Dita convocatoria de folga, en Galiza, foi xestada no eido estudantil a través dun proceso de debate asembleario sen precedentes.  A diferenza das dinámicas nocivas que protagonizaban anteriormente o movemento estudantil nacional, marcadas polos intereses corporativistas de cada organización, hoxe en día, podemos dicir que gran parte do estudantado organizado ten asumidos xa unha serie de principios á hora de concebir o método de intervención axeitado. Neste sentido, señalamos tres eixos claves arredor dos que se vertebra un sector maioritario do Movemento estudantil galego: a democratización da toma das decisións, o sindicalismo e a unidade.

Cando nos referimos ó primeiro, aludimos á evolución observada no Movemento estudantil galego nos últimos anos, durante a cal este foi abandoando progresiva e parcialmente as dinámicas corporativistas que o caracterizaban. Deste xeito, os diferentes axentes que o compoñen ou, polo menos, gran parte deles, xa non limitan os seus movementos ós seus propios intereses coma organizacións, senón que supeditan estes á vontade e sentimento do estudantado, acudindo ás bases para determinar o camiño de experiencias coma a deste xoves. Precisamente, no tocante ás folgas, xa non observamos xogos de posicións nos que convocar primeiro ou último supón a maior preocupación dos sindicatos, desatendendo a realidade que nos atinxe, a situación obxectiva e subxectiva do estudantado. O movemento estudantil democrático e asembleario está xa asentado na nosa nación, camiño de consolidarse como  o único posible para acadar vitorias reais para todas as nosas compañeiras.

O segundo eixo que mencionabamos, o sindicalismo, é un concepto que pode abarcar moitas e diferentes definicións dependendo da cultura política que o enuncie. Na Xuventude Comunista entendemos o sindicalismo como a intervención nun conflito alá onde este se dá, organizar ás nosas compañeiras en torno á súa problemática e, unha vez acadada a vitoria, socializar a mesma no noso centro de estudo ou traballo para, así, evidenciar a necesidade da organización popular.

En canto o movemento estudantil en Galiza, esta definición, se ben está aínda lonxe de asentarse tamén coma un verdadeiro eixo vertebrador, si que foi desprazando a outros tipos de loita que non teñen lugar nel. A loita sindical é unha meta aceptada xa por moitas de nós, un obxectivo que perseguir mediante a posta en práctica da mesma e a súa mellora a partir de dala día tras día. Á vez, a loita ideolóxico-cultural que identificaba claramente ó Movemento estudantil galego no pasado, foi sendo considerada como inútil para o obxecto do mesmo -a mellora das condicións materiais das estudantes- ata converterse no elemento identificador dun pequeno sector resignado a non abandonar estas vellas concepcións, tamén debido a intereses que trascenden do eido estudantil.

Por último, falamos de unidade coma unha realidade total a conseguir nun futuro e coma un camiño a seguir no presente. Na Xuventude Comunista somos conscientes da importancia de evitar cinguirnos ás consignas no discursivo e non darlle unha reprodución na realidade. É dicir, unha vez concluímos que intervir dunha forma unitaria nos nosos centros de estudo é a mellor forma de acadar victorias para as estudantes, temos que saber como  conxugar este trazo programático nunha realidade organizativa complexa na que interveñen diversos axentes completamente alleos a nós. Por isto mesmo, a unidade non se ten que dar tan só no papel, senón que debe pasar a ser tomada no seo do movemento estudantil coma un elemento natural e necesario deste.

Ademais do valor bruto que ten en si este concepto de unidade, este tamén permítenos extender a unha maior masa de estudantes o modo de intervención definido polos tres eixos cos que abriamos o debate. Nos espazos unitarios, diariamente, evidenciamos a necesidade da democratización do movemento estudantil, o éxitos das experiencias sindicais e, mesmamente, o beneficio que supón xuntarnos e organizarnos de forma unitaria entorno a estes, achegando esta convicción a todas as compañeiras coas que confluímos.

Este vindeiro xoves, 9 de marzo, as estudantes galegas, xunto co resto da Comunidade Educativa, botámonos á rúa para reivindicar a situación na que desenvolvemos a nosa vida académica pero, ademais, facémolo tras un proceso que culmina coma un pequeno paso máis cara a consecución dun Movemento estudantil galego totalmente democrático, sindical e unitario.

Acerca de Alfonso Armesto Prósper

Estudante de Historia na USC. Secretario de Estudantes da Xuventude Comunista e membro da súa dirección nacional