Confiar na Marea

“Un goberno honesto, solidario e traballador. Ese é o goberno que agora mesmo ten a cidade da Coruña”. Así falaba Xulio Ferreiro o pasado 4 de febreiro no pleno no que, ante a atenta mirada e asombro da cidadanía coruñesa, o Partido Socialista decidía retirarlle, de común acordo co PP, a súa confianza á Marea Atlántica. Pleno, ese mesmo, motivado exclusivamente pola negativa dos socialistas a chegar a un acordo que permitira non só a aprobación duns orzamentos para o ano en curso, senón tamén acadar unha certa estabilidade no pazo de María Pita.

Con esta decisión abríase un período de incerteza no que, á espera do discorrer dos acontecementos, o devir do goberno municipal quedaba sometido á vontade dos demais grupos políticos con representación no concello. Así, as opcións quedaban reducidas a dúas: ou ben un pacto entre Partido Popular e Partido Socialista que dera lugar ao desaloxo definitivo da Marea Atlántica do goberno, ou ben a simple constatación, unha vez mais, da prioridade que para eses partidos representan os seus intereses particulares fronte ós intereses da cidadanía.

 

Fronte á chantaxe, valentía e firmeza

Sendo conscientes do anterior, calquera análise da situación vivida durante o pasado mes no pazo de María Pita debe partir da coraxe política que demostrou un acto como a presentación dunha moción de confianza. Con el, a Marea Atlántica someteu a continuidade do goberno á vontade dos partidos políticos que na cidade da Coruña viñan representando tradicionalmente aos poderes económicos mais reaccionarios, nomeadamente o Partido Popular e o Partido Socialista. Igualmente, é necesario ter presente que semellante decisión puxo en cuestión un proxecto político artellado en torno á cidadanía autoorganizada e en gran medida de ruptura. Proxecto que por primeira vez logrou desterrar, se cadra temporalmente, aos representantes da mais rancia oligarquía coruñesa que durante anos condicionaron calquera proxecto real de cidade aos intereses especulativos das minorías privilexiadas.

Esta situación, en calquera caso, non foi senón a culminación dunha tormentosa relación entre a Marea Atlántica e o Partido Socialista. Condicionada polo inevitable declive dun PSOE que chegou a ostentar o dominio absoluto da política coruñesa, tal relación veuse en gran medida marcada por unhas dinámicas internas que dentro de esta última formación que fixeron necesario para eles forzar continuamente o desacordo.

O certo é que, tras un 2016 no que a espera polo partido do puño e a rosa deu lugar á aprobación duns orzamentos emendados cun pacto entre populares e socialistas ben entrados no quinto mes do ano, cos conseguintes problemas na súa execución (que, a pesar de todo, foi máis elevada que a acadada en moitos exercicios do PP da maioría absoluta), a vontade de chegar a acordos enarborada a comezos deste ano polo PSOE quedou unha vez mais en fume negro.

A moción de confianza fíxose necesaria ante a negativa constante do Partido Socialista a facer efectivo un acordo digno que garantise unha mínima estabilidade, así como pola súa oposición frontal a apoiar tres cuestións básicas para a veciñanza da Coruña: o impulso da Área Metropolitana, apoiada por multitude de alcaldes socialistas da comarca; a renovación da mobilidade con base no Plan Rueda, aprobado no seu día polo propio PSOE coruñés; e a defensa da fachada marítima contra as acometidas especuladoras impulsadas dende a Autoridade Portuaria, algo que os socialistas xa reclamaron por medio da presentación dunha moción no concello.

 

Confiamos na Marea

O voto negativo conxunto de PP e PSOE á moción de confianza abriu un período de incerteza marcado pola posible formación dun novo goberno na cidade. A pantasma da moción de censura entrou así en escena, facendo temer por un novo acordo de goberno entre populares e socialistas  obrigatoriamente baseado no apoio e impulso dos recortes, a lexitimación da corrupción e a recuperación dun modelo de cidade que, lonxe de poñer a prioridade nos intereses colectivos da veciñanza, primaría de forma absoluta as ansias especulativas das oligarquías coruñesas.

Ante esa situación, a Marea Atlántica optou por non manterse pasiva. Partindo dunha firme vontade de establecer un diálogo honesto e aberto coa cidadanía, púxose en marcha a campaña Confiamos na Marea, dirixida a explicar os motivos e o fundamento da moción de confianza, as medidas aplicadas polo goberno municipal e os proxectos pendentes. A campaña constou dun total de sete actos, distribuídos polos barrios de Monte Alto, Palavea, Os Castros, Novo Mesoiro, Os Mallos, a Agra e o campus universitario de Elviña, logrando levar á rúa o debate sobre a situación política da cidade e a cuestión de confianza á que se someteu o goberno.

A pesar da premura, a aposta resultou un acerto: contando coa participación dun amplo número de veciñas, a campaña Confiamos na Marea permitiu a reflexión colectiva respecto da necesidade e a importancia dun goberno non só honesto e capaz de demostrar que a boa xestión non é patrimonio da dereita local (se é que algunha vez o foi), senón tamén comprometido coa defensa dos intereses das maiorías sociais e o ben común.

 

Unha Marea forte para unha cidade con futuro

Pero mais alá dos resultados inmediatos desta campaña, Confiamos na Marea fai evidente unha conclusión que non se debe ignorar: que só a presenza nos barrios e as rúas, só dende a aposta incondicional por unha relación honesta e leal cos diferentes actores que forman parte da sociedade civil, os movementos sociais e a veciñanza, e só dende o recoñecemento da necesidade de tecer lazos fortes coa cidadanía será posible superar as enormes limitacións da política institucional e facer do cambio social unha realidade.

E por iso é preciso confiar nunha marea que sexa capaz de manter un diálogo constante coas veciñas e veciños da cidade. Confiar nunha marea que faga da premisa do mandar obedecendo unha realidade do día a día da Coruña. Confiar nunha marea que sexa quen de levar a voz da cidade a unha institución que hai moito tempo deixou de escoitala.

Con esa vontade naceu a Marea Atlántica, e con esa prioridade debe continuar a traballar no futuro, asegurando que a radicalidade democrática e a vontade transformadora, tan arraigadas no seu espírito, permanecen mais vixentes que nunca no seu devir político. Porque péselle a quen lle pese, na Coruña, hai marea!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.