Un 'Directorio' para as crises

A doutrina do medo e a estratexia da presión constante consolídanse como os móbiles de actuación dos centros de poder global á hora de acometer os diversos escenarios de crise. Esta realidade é notoriamente visible no caso europeo e da súa periferia mediterránea e magrebí, con especial atención na repetición das eleccións lexislativas gregas e o prolongado e non menos tenso proceso electoral en Exipto.

O caso grego é o mais significativo, tomando en conta a súa consolidación de facto como protectorado económico de Berlín

A consolidación dunha especie de poder supranacional en mans da denominada troika conformada pola Unión Europea e o FMI, con epicentro de poder en Berlín, determina unha axenda de actuación que, ironicamente, ameaza con desintegrar o proxecto europeísta e as novas formas de contestación democráticas, incluso acosando política e economicamente cada vez que se presentan resultados electorais adversos e críticos coas súas políticas. O caso grego é o mais significativo, tomando en conta a súa consolidación de facto como protectorado económico de Berlín.

 

O laboratorio grego

Este contexto labra un panorama complexo para as alternativas democráticas, críticas coas políticas de austeridade que perpetúan novas formas de hexemonías económicas. A presión da troika en Grecia xa foi evidente en maio pasado no cometido de acosar a Atenas para repetir unhas eleccións lexislativas que deixaron un panorama atomizado e contrario á perpetuación do protectorado económico grego.

Como ben cualificou o líder de SYRIZA, Alexis Tsipras, unha vez recoñecera a vitoria electoral de ND, esta estratexia de medo e presión finalmente “venceu á esperanza”, amparada igualmente co tácito apoio dos mass media

Neste asfixiante nivel de presión emanado pola troika con epicentro en Berlín, ten mérito que unha formación política de esquerdas como a SYRIZA, con só catro anos de andaina electoral, lograra subitamente saír da marxinalidade política para situarse agora como o segundo partido político en Grecia, superando amplamente a un histórico en declive como o socialista PASOK e a piques de obter unha maioría electoral, finalmente gañada pola dereita de Nova Democracia, amparada esta na estratexia de medo e presión emanada dende o exterior.

Como ben cualificou o líder de SYRIZA, Alexis Tsipras, unha vez recoñecera a vitoria electoral de ND, esta estratexia de medo e presión finalmente “venceu á esperanza”, amparada igualmente co tácito apoio duns mass media cada vez máis politicamente parcializados aos designios da troika. A evidencia desta estratexia quedou materializada coa actitude da chanceler alemá Ánxela Merkel, quen non viaxou ao cumio do G-20 a celebrarse en México ata non saber quen gañaría as eleccións gregas.

O voto grego e o ascenso de SYRIZA interpretan un sentimento social contrario á austeridade defendida pola troika

Sen reparar que, en clave política, o voto grego e o ascenso de SYRIZA interpretan un sentimento social contrario á austeridade defendida pola troika, o escenario actual da conta non só da atomización política grega senón da vontade da troika de establecer en Grecia un novo modelo económico que, basicamente, está impulsando a pauperización social e laboral.

 

O medo ás transicións árabes

O cometido era evidentemente evitar unha presidencia islamita cun poder lexislativo de maioría igualmente islamita

Con mais sutileza e navegando nun ambiente de incertezas, a estratexia do medo e presión é igualmente visible no prolongado proceso electoral exipcio e as tácticas de poder das súas elites políticas, económicas e militares no Cairo, basicamente herdeiros do corrupto réxime do prooccidental Hosni Mubarak.

O surrealista golpe de Estado enviado a pasada semana polo Tribunal Constitucional exipcio, deslexitimando as recentes eleccións lexislativas gañadas pola islamita Irmandade Musulmá, foi unha evidente manobra de presión de cara ás eleccións presidencias do pasado domingo 16, cuxos primeiros resultados electorais outorgaban a maioría ao candidato islamita Mohammed Morsi por riba do ex primeiro ministro de Mubarak, Ahmed Shafik. O cometido era evidentemente evitar unha presidencia islamita cun poder lexislativo de maioría igualmente islamita.

Baluarte clave da denominada Primavera árabe, o Exipto post-Mubarak ven celebrando desde 2011 un incerto e prolongado proceso electoral que mais ben semella acicalar unha estrutura de poder gatopardiana, orientada a evitar unha eventual hexemonía do islamismo político e de partidos e movementos progresistas, todos eles amparados baixo parámetros electorais e democráticos.

Dende o exterior, a “estratexia do medo e presión” é menos visible no caso exipcio que no grego, aínda que non menos relevante

Dende o exterior, a “estratexia do medo e presión” é menos visible no caso exipcio que no grego, aínda que non menos relevante. EUA e Europa arman un dobre xogo de apoios aos cambios democráticos no mundo árabe pero sen alterar o equilibrio xeopolítico a través da caída das estruturas de poder existentes en países clave como Exipto. As implicacións desta estratexia certifican os ambiguos intereses occidentais e a falta dunha estratexia clara e plural co respecto aos cambios políticos na rexión. Un caso que é moito máis evidente e flagrante na veciña Libia, sumida no caos emanado da preponderancia dos señores da guerra.

Ante as recentes e contundentes vitorias electorais dos partidos islamitas en Tunisia e Exipto e, en menor medida, en Alxeria, e incluso observando a preponderancia de elementos islamitas radicais na Libia post-Gadafi, Occidente tentou vertebrar un islamismo político light como referencia para o “novo mundo árabe”. Para iso amparou o seu apoio á expansión rexional do Partido da Xustiza e do Desenvolvemento (AKP), actualmente gobernante en Turquía, como referente político para o islamismo político fortalecido trala Primavera árabe. 

Se ben o AKP turco e a Irmandade Musulmá exipcia lograron vertebrar un notable nivel de cooperación, EUA e Europa temen que a preponderancia dun islamismo político lexitimado polas vitorias electorais, altere sensiblemente o equilibrio do mapa xeopolítico rexional e os seus intereses implicados, xa de por si alterado polo contexto de tensión en Siria e do pulso nuclear entre Occidente, Israel e Irán.

EUA e Europa temen que a preponderancia dun islamismo político lexitimado polas vitorias electorais, altere sensiblemente o equilibrio do mapa xeopolítico rexional e os seus intereses implicados

Durante a Revolución francesa, entre 1795 e 1799, a expresión política do réxime republicano foi a adopción dun sistema denominado o Directorio que tentou moderar a violencia revolucionaria precedente. Este Directorio determinaba o poder dunha elite dirixente que, finalmente, sucumbiu ante o golpe de Estado bonapartista de 1799.

Comparacións aparte, o contexto de crise global de 2012 reproduce a preservación dun novo Directorio, este en mans dunha troika convencida da necesidade de perpetuar a hexemonía das elites. Compre observar se preservación desta “estratexia do medo e da presión” indirectamente termine por alentar as alternativas máis radicais contra a crise, como é o caso do ascenso electoral da ultradereita xenófoba de Amencer Dourado en Grecia, amparada basicamente por culpa desa falta de apertura e pluralidade de visións establecidas por este novo Directorio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.