Soberanismo e Unidade Popular

Non é novidade que no noso País, especialmente nos círculos máis endogámicos dos partidos da esquerda transformadora, sexa habitual falar de pre-conceptos ideolóxicos como o xa manido “canto de nacionalista teñen ou son individuos ou espazos de unidade popular”. Botar man de subxectividades do tipo, por veces desembocando en debates raianos no esencialismo máis estéril, dá boa conta de que Galiza é unha nación sen normalizar social e politicamente. Por múltiples causas, algunhas propias, que tamén combatemos rotundamente.

Igualmente certo é que desde que en 2012 Anova lanzara a súa aposta estratéxica, encamiñada a reactivar, incorporar e atoparse coa cidadanía máis activa do común no proceso social e político iniciado para confrontar as agresións dun poder exercido despoticamente, houbo quen sempre se resistiu a aceptar a súa premisa fundamental: non sería posíbel rivalizar ou asaltar o poder institucional en Galiza se non se articulaban espazos cooperativos, fraternais e mestizos que apostasen decididamente por xuntar maiorías arredor de obxectivos comúns e de mínimos, socializando a cuestión nacional do noso pobo e a súa relación cun estado español inmerso de cheo nunha crise orgánica agudizada dende o ano 2008. A “liberación nacional e a de clase” non poden entenderse por separado.

Aquela aposta arriscada e audaz desembocou na experiencia de AGE, logo en AGE en Europa e, máis adiante, no xermolo das mareas e o que hoxe é En Marea. Continúa sendo un proceso en construción, de vocación acumulativa e fundamentalmente integradora. O pobo galego situou a En Marea como a alternativa posíbel ás políticas neoliberais e proto-fascistas do Partido Popular, removendo o sistema de partidos do País e sendo unha experiencia política a ter en conta no nível europeo. O camiño non estivo exento de dúbidas, pasos adiante e pasos atrás, como a Penélope de Xosé María Díaz de Castro.

Aínda hoxe, parte da esquerda soberanista que apostou pola estratexia da unidade popular vén facéndose preguntas en relación a cal é o papel que esta debería desempeñar no seo das confluencias para “inclinar a balanza”, ou ideas similares. Porén, hai unha máxima que tende a desprezarse a causa da tradicional interpretación dos procesos de mudanza en chave estritamente partidista: o soberanismo non só está presente como ideoloxía que nutre os artefactos da unidade popular galega construída ata o de agora, senón que ela mesma é unha expresión clara de soberanismo no sentido prístino da palabra: soberanía popular e auto-organización dos galegos e galegas de nación.

Por moito que dende algunhas fontes reactivas téntese, de forma interesada e reducionista, analizar ditas experiencias coma un campo de batalla latente entre españolismo e nacionalismo, o certo é que a propia natureza das mareas -creadas ex novo a partires da progresiva renuncia dos aparellos partidistas a acadar inmediatamente os seus obxectivos maximalistas convertendo aos partidos en motores auxiliares dos procesos de confluencia, en verbas de Xosé Manuel Beiras- fai deste “proceso de procesos” unha creación innovadora que non podería funcionar nunca coma unha competición de polos neses termos. Non estaríamos así a falar de proceso soberano e horizontal senón de reparto de cotas e da repetición da lección que aprendemos con AGE. A única saída viable e desexable que ten En Marea para rachar o seu teito é precisamente ir eliminando dinámicas de polarización, sen fuxir de calquera debate democrático. Erixirse no interlocutor directo do pobo galego agredido, converténdose naquilo para o que foi concibida: un suxeito galego e soberano de ruptura capaz de derrotar á dereita insaciable neste País, que traballe por unha alternativa social e política á que nos propón hoxe o estado español e a Unión Europea para as clases populares. Sen renunciar nunca a seguir incorporando ideas e continxentes que aposten decididamente por elo.

É por isto mesmo que o soberanismo galego de esquerdas, feminista e republicano que aposta por dar a batalla a través dos espazos de confluencia, faino e ten que seguir a facelo sabendo que o obxectivo último non é gañar batallas internas. Ten que confiar en que ditas expresións de unidade popular -comezando por En Marea, sendo diversas coma é o pobo galego- son, en si mesmas, unha expresión soberana de boa parte das nosas capacidades e arelas colectivas.

Aceptada a natureza das confluencias e atenuados os intereses corporativos e de parte, que tenden a xerar confrontacións antagónicas coa acumulación de forzas, o soberanismo galego de ruptura pode e debe participar nelas, en igualdade de condicións, desde o independentismo que entenda cal é o actual chanzo no vieiro galego baixo os condicionantes materiais actuais até o federalismo que acepte o dereito de Galiza a determinar libremente o seu futuro pasando por todo o mosaico intermedio de matices. No entanto, isto non implica que a tarefa de practicar a auto-organización estea rematada para En Marea. A angueira de armar un suxeito político galego que cumpra coas expectativas que lle deron pé pasa por aceptar a súa soberanía, as súas contradicións, e pola necesidade de impugnar o actual Réxime. De situarse nos conflitos sociais, e non só na xestión dos mesmos. Nun contexto coma este, fican sobordados algúns dos corsets que foron costume auto-imposta de parte do nacionalismo e a esquerda española, ao tempo que se abre un potencial “público obxectivo” amplo e plural para un soberanismo que debe saber incidir na construción programática e na creación de dinámicas cooperativas. Mais a Unidade Popular non é un deseño institucional, senón que se acada facilitando vieiros de participación e auto-organización en distintos niveis, dende o pobo, a vila e o barrio até a Nación. Non pode dirixirse ao xeito clásico, dominarse, crearse artificiosamente ou abandeirarse, coma viña acontecendo infelizmente na Galiza de forma habitual. Pero si que debe participarse en condicións de igualdade.

Non é pois este un intento de confrontar con opcións políticas que decidan actuar fóra dos espazos de unidade ou ben que vexan nas confluencias unha mera fiestra de oportunidade táctica. Neste sentido o electorado foi claro. Porén, o soberanismo e a esquerda de ruptura que batalla a través das confluencias debe saber que os únicos elementos contra os que crear unha identidade ideolóxica contraposta serán as condicións materiais de desigualdade ás que están sometidas as maiorías; aquilo ao que se apelaba cando diciamos: “É mais o que nos une que o que nos separa”. Da necesidade de mudar estas desigualdades e inxustizas é que se evidencia á súa vez, como condicionante necesario e inalienábel, o dereito nacional de Galiza a loitar pola súa autodeterminación e rachar a súa dependencia do capitalismo salvaxe do cal son servos os gobernos galego, español e europeo. Baixo esta estrutura, ideal en termos hegelianos, que tenta superar dualidades pouco útiles no escenario actual do proceso galego, agroma En Marea, e baixo esta estrutura é que este soberanismo de clase e aberto apela a participar a través da pedagoxía e a fraternidade para edificar unha República Galega de iguais. Que Anova reforce o seu espazo propio é valido e ademais preciso, mais sempre para dar continuidade con máis folgos ao proceso galego de acumulación de forzas cara a ruptura, que é o seu verdadeiro sentido de ser. Por iso é tan importante manter os espazos de confluencia plurais, abertos, vivos e colaborativos. Exerzamos na praxe da loita social e política a República Galega. Calquera paso atrás é, sinxelamente, reaccionario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.