0 Gardados para despois

Xabier Ron e Jorge Linheira

Patrimonio, Igrexa e capitalismo cultural

No Diario Oficial de Galicia do pasado 16 de maio publicábase a nova Lei 5/2016 do 4 de maio do Patrimonio cultural de Galicia. Esta lei ten en teoría por obxecto a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia; a mesma, derrogaba de forma expresa tres leis anteriores.

A pesar do fermoso enunciado, esta lei –aprobada sen consenso polo rodete da maioría absoluta conservadora- desgaleguizaba a lexislación, deixaba na actual situación de desamparo o extraordinario patrimonio galego e simboliza unha política de óbito do noso patrimonio cultural. Sen esquecer por outra parte, o descenso continuado nos fondos destinados á protección e promoción do patrimonio dende os orzamentos públicos.

Foron numerosísimas as emendas presentadas polos grupos da oposición e que contaron, case todas, coa negativa do grupo dominante. Falamos dunha lei que non estableceu ningunha reflexión crítica, nin someteu a unha avaliación previa á lei 8/1995 e, sobre todo, ao comportamento das propias administracións públicas para co noso patrimonio, sometido a intereses espúrreos e, en demasiadas ocasións, á destrución. Este risco, ao noso entender, así como a inseguridade xurídica mantéñense na redacción definitiva da Lei (evidente, por exemplo, no contido do art. 34.3).

É unha Lei que degrada o concepto de participación, un dereito da cidadanía asociado ao dereito de acceso á cultura. Para poder acceder e participar, a cidadanía ten que estar debidamente informada. E iso non acontece nesta Lei, xa que mantén baixo segredo a localización de certos bens. As comunidades locais están expulsadas da participación (art. 5) e dos órganos asesores e consultivos (art. 7). E o segredo e a escuridade poden impoñerse sobre a publicidade do ben para unha correcta preservación e a garantía dos dereitos estatutarios e constitucionais ao acceso á cultura, participación e información (arts. 23.3, 25.2). Se un ben non é aprehendido pola comunidade local debido a unha estratexia de escurecemento, será máis doado para os destrutores impedir que a voz da memoria se manteña.

Trátase dunha Lei, digna filla dos tempos de ditadura do capital, xa que a súa textualidade está impregnada dos valores da economía de mercado: así, non quere a lei (art. 38) ningún atranco inmotivado á “libre iniciativa económica recoñecida como liberdade de empresa no marco dunha economía de mercado”.

En xeral, falamos dunha Lei inconsistente, que prescinde das concepcións teóricas máis actualizadas existentes hoxe en día sobre o patrimonio cultural. Hai desorde conceptual, confusión terminolóxica e clasificatoria, carencia de equilibrio normativo e de claridade explicativa e pedagóxica. A continuación, dous apuntamentos ó respecto.

 

A igrexa católica e o seu Patrimonio

A Lei do Patrimonio Cultural deixa, en numerosas ocasións, o importante, para posteriores desenvolvementos regulamentarios, tal como acontece coa Comisión Mixta que se debe crear entre a Xunta e a Igrexa Católica, segundo o expresa o artigo 6. De feito, nestes días anúnciase, segundo os interesados titulares da prensa, que “a Xunta terá maior control sobre bens da Igrexa nos que inviste”. Resulta paradoxal que se desen conta agora de que esa función de control era precisa desde que entrou a Democracia en Galicia, despois da longa noite de pedra.

Non é, como di a Lei, que a Igrexa é “propietaria de boa parte do patrimonio cultural de Galicia”: algunhas estimacións din que ao redor do 90% do patrimonio cultural do estado pertence ao que podemos denominar “patrimonio cultural eclesiástico”.

As contas nunca son de todo claras, como denuncia, de forma constante, ano tras ano, Europa Laica. No entanto, a grandes trazos, a Igrexa Católica posúe unhas 40.000 institucións, 67 dioceses, 280 museos, 103 catedrais, preto de 1.000 mosteiros, centos de ordes e congregacións, 23.000 parroquias, delas 3.772 en Galicia, máis de 14.000 fundacións e asociacións, e uns 20.000 sacerdotes. Toda unha estrutura que figura ben asentada desde a etapa do franquismo. E para que non sofrese a Igrexa a chegada da democracia, en 1979 asináronse os Acordos coa Santa Sede, que renovaban o Concordato franquista de 1953. De 1985 é o convenio de colaboración entre os bispos das dioceses que comprenden o territorio de Galicia e a Xunta.

As contas da Igrexa sempre son opacas. Pouco claras. O que si sabemos é que os instrumentos normativos postos en pé polos herdeiros do franquismo permiten que o diñeiro público se acumule nas arcas privadas da Igrexa. Deixaremos de lado feitos perversos, que deben reverterse, como as inmatriculacións realizadas pola Igrexa e que supuxeron o roubo de patrimonio cultural que era un ben público, de todas e todos. Algo que soamente pode ocorrer nunha España nacionalcatólica que se nega a executar a separación entre estado e igrexa.

A pesar da opacidade, organizacións como Europa Laica cifran en preto de 600 millóns de euros anuais a contía que a Igrexa recibe para mantemento do patrimonio cultural en todo o Estado, algo que entra en perfecta concordancia co artigo 2.1. dos Acordos coa Santa Sede, onde se di textualmente que o Estado quere “colaborar coa igrexa católica na consecución da súa axeitada sustentabilidade económica”. O triste é que se fai co diñeiro de toda a cidadanía e cando estamos, a nivel microeconómico, sofrendo os efectos dunha crise-estafa que aínda non sabemos cando rematará. O que queda demostrado é o grao de interpenetrabilidade desde os tempos de Franco da Igrexa no Estado. E esa interpenetrabilidade converte en papel mollado, desde logo, o que se menciona no artigo 2.5, que fala da previsión de que a Igrexa acade “por si mesma os recursos suficientes para a atención das súas necesidades”.

Diñeiro de todos as galegas e galegos para o mantemento do patrimonio: Con que planificación? Cales son os obxectivos? Conta Galicia cun cronograma ben estruturado, ben orzamentado dos bens que se van a restaurar en cada exercicio? Especifícanse ben o grao de responsabilidade real para cada unha das contrapartes? Son públicos estes documentos?

De existir, preguntámonos como é posible que unha xoia románica como a de San Paio de Abeleda tivese que ser recuperada pola sociedade civil para que logo o edificio estea pechado, impedindo a normalidade no seu acceso e visita? Cantos edificios singulares das distintas etapas arquitectónicas en Galicia están pechados? Cantos están a expensas das silveiras e do esquecemento, sendo vítimas propicias para o espolio?

 

Noam Chomsky e o Castelo de Monterrei

A política antigalega e privatizadora de xestión cultural e do patrimonio durante a pasada lexislatura de Feijóo pódese exemplificar na privatización do castelo de Monterrei (Ourense). Considerado por moitos autores como a maior acrópole galega é Monumento Nacional dende 1931. O complexo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e sede da primeira imprenta de Galicia, foi cedido en 2010 á Xunta de maneira gratuíta por parte do goberno central -durante a segunda lexislatura de Zapatero-, para que tivese un uso como "centro de divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e as augas medicinais da comarca, restauración e musealización dos edificios, e arquivo das tradicións da fronteira e pobos próximos".

Emporiso, anos despois, e en colaboración co goberno estatal (xa en mans do rexistrador da propiedade) que se viu obrigado a modificar a súa propia orde ministerial -ampliando os usos permitidos para o inmoble cedido-, o castelo converteuse nun Parador de xestión privada. Rehabilitado cun orzamento de 2,1 millóns de euros de diñeiro público, dos cales, o 80% procedeu de fondos FEDER, e o 20% de Fondos de Compensación Interterritorial.

A construción do hospedaxe -mentres un antigo Parador a moi poucos quilómetros está pechado- supón un atentado cultural e unha ruína económica. Dende a Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei demandouse: un Plan Director, que coide e dinamice o seu uso público e cultural ao servizo de todos os cidadáns; así beneficiariámonos todos, comezando polos habitantes e a economía da comarca. A quen beneficia o hotel no castelo de Monterrei? Polo contrario, agraciábase coa xestión do espazo a empresa Paradores SA, a cal atopábase en situación de ERE dende novembro do 2012.

Desta forma, como enunciou Noam Chomsky hai anos, e que a día de hoxe na mal chamada política cultural demóstrase como unha práctica evidente, “no capitalismo moderno, os beneficios privatízanse e as perdas socialízanse”.

Polo tanto, ante a voracidade do capitalismo cultural ao que Feijoó e os seus secuaces están subxugados, tememos que pouca “política cutural” pode ser máis transcendental que cambiar as formas de xestión de espazos e equipamentos. Dende o noso punto de vista, unha “política cultural” desexable ten que pasar por 1) garantir espazos de autonomía que se xestionen dende o propio tecido local e 2) producir mecanismos de redistribución das plusvalías que agora mesmo quedan en mans privadas ou público-privadas. De non facelo, caemos de novo no paradoxo do benestar das cidades capitalistas e as súas clases creativas, onde canto máis mellores as infraestruturas e a sociabilidade de certos espazos da cidade, maiores plusvalías (e maior capacidade de especulación) van ter os titulares da propiedade urbana. Ou dito doutra maneira: o máis radical que se podería facer en materia de “política cultural” é producir ferramentas xurídicas para garantir a propiedade colectiva do chan. En resumidas contas, poucas accións de goberno se poden facer que sexan realmente beneficiosas para o conxunto da poboación que non pasen por aí.

Acerca de Xabier Ron e Jorge Linheira

Jorge Linheira. Axitador e prosumidor cultural. Investigador independente de políticas culturais e autor do libro La cultura como reserva india. Treinta y cinco años de políticas culturales en Galicia.

Xabier Ron. Responsable de Elaboración Programática de Esquerda Unida. Ex deputado de AGE. Investigador