Políticos de luces longas

Na última visita a Porto, por turismo, atopei nalgunhas das rúas mais céntricas da cidade uns pasquíns pegados nas paredes: “Make Porto podre again”. Non era preciso ler o longo texto que seguía ao lema para saber do que falaban.

A miña primeira viaxe a Porto foi en setembro de 1985. Porto fora a primeira parada dun periplo que nos levou ata Coimbra e Lisboa e que recordo como unha aventura. Era a primeira viaxe que facía ao “estranxeiro”, tamén para os amigos e amigas que compoñían o pequeno grupo. Pasaron mais de 30 anos e aquela cidade mudou. Hoxe Porto é un destino turístico moi coñecido, unha cidade na que cada día hai mais turistas e cada día, tamén, hai menos cidadáns.

O enorme cambio de Porto é similar ao que aconteceu, e está a acontecer, en non poucas cidades. Dez anos despois daquela visita a Porto visitei Praga, corría o ano 1995, e aquela era unha cidade en transformación. Volvín hai pouco, en 2015. A cidade histórica é a mesma, e o número de turistas tense multiplicado varias veces. Da primeira viaxe impresionoume a cantidade de actividades de carácter cultural que se producían todos os días días, os mercados de artistas… da segunda viaxe gardo o mellor recordo de telo feito na mellor compañía posible, é a vez o recordo, ben distinto, dos estridentes locais de masaxes tailandeses e outros negocios onde os turistas centroeuropeos agardaban quenda para meter os pes nuns acuarios onde uns peixiños lles comían as peles… itioterapia é o nome científico.

O turismo é unha actividade económica que ten uns indubidables efectos positivos, pero negar que, cando se rebasan uns límites, pode ter un efecto francamente negativo é negar a realidade.

Como actividade económica o turismo pode desenvolverse segundo diferentes modelos. Non é o mesmo o modelo turístico suízo ou austríaco, ou o de determinadas zonas da costa francesa ou italiana, que o modelo que o franquismo impulsou na costa mediterránea española ou mesmamente en lugares máis próximos a nós como Sanxenxo.

Como noutros sectores económicos, a oferta que fas condiciona o tipo de demanda que vas recibir. Un sector turístico de baixo nivel, que só compite en prezos, atraerá un tipo de turista determinado, tamén de escasa capacidade adquisitiva, o que a súa vea reforzará unha oferta sustentada en traballadores de baixa cualificación, en precario e con salarios baixos.

O turismo como actividade económica, tamén social, debe pensarse, e planificarse dentro dun marco xeral mais amplo. Unha actividade turística excesiva, concentrada nun espazo reducido, remata co resto de actividades e usos. É nestas circunstancias cando o que antes era un espazo vivo, un espazo social, acaba converténdose nun ermo, un parque temático, onde a sociedade non existe.  A proliferación de locais de venda de souvenirs “made in China” nos arredores da catedral son un exemplo moi gráfico.

O alcalde de Santiago de Compostela sacou á palestra fai unhas semanas a necesidade de pensar sobre a fixación dunha taxa turística que financie accións que permitan facer unha verdadeira política turística (que non é exactamente un deixar facer ás forzas do mercado) á vez que o recadado contribúa ao mantemento do patrimonio cultural que converte á capital de Galicia nun polo de atracción.

A idea da taxa, como ven di o propio alcalde, non é nova. En 14 países europeos existe taxa turística, dunha ou doutra forma… en París, a cidade mais visitada do mundo, dende 1994. A pesares de que as diversas asociacións hostaleiras bramaron contra a idea, co consabido argumento de que tal taxa sería un golpe mortal ao turismo, a verdade é que non existe ningún dato contrastado que faga pensar que o feito de crear unha taxa turística afecte negativamente ao número de visitantes. Non ten acontecido así en lugares como a citada cidade de París, e tampouco en Amsterdam, ou en Nova York, ou en Berlín, nin en Roma… Eu mesmo, aínda que non sexa exemplo de nada, aínda falta a primeira vez que escollo un sitio a onde ir en función de si existe taxa turística ou non.

As afirmacións do ramo da hostalaría teñen a mesma solidez que aquelas outras que enarboraron contra as peonalizacións das rúas comerciais das cidades, contra a peonalización dos centros históricos. Os argumentos sempre foron os mesmos: a xente ia deixar de mercar, estaban abocados ao peche… as mobilizacións sucedéronse, en calquera cidade… en Lugo, en Pontevedra, en Coruña… Estou seguro que tamén se cuestionou, no seu momento, que a Praza do Obradoiro deixara de ser un aparcamento, como foi durante tanto tempo.

Martiño Noriega pon sobre a mesa un debate que é preciso dar. A taxa turística ten que ver co modelo de turismo, que á sua vez ten que ver co modelo de cidade que se quere para Santiago. É un debate necesario. É tamén un debate valente, un debate que pode dar un responsable político que mire con “luces longas”, pensando no futuro da cidade e de quen a habitan, hoxe, e tamén mañá. Un debate que pode dar un alcalde que quere converter en realidade a cidade soñada.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo apresurouse a zanxar o tema. Recordemos que a regulación turística corresponde á Xunta de Galicia. Este debate a Núñez Feijoo non lle interesa, tal e como corresponde a un político de “luces curtas”. A Núñez Feijoo non lle interesa facer realidade unha Galicia soñada. Os seus soños non teñen que ver con Galicia por moito que se vexa obrigado a tentar autoconvencerse, os seus soños céntranse nunha soa cousa: el mesmo. A Núñez Feijoo o único que lle interesa é aquelo que lle poda reportar votos a corto prazo, interésalle so aquelo que poda rendibilizar de inmediato… pensar a longo prazo a fin de contas so trae problemas, dirá el.

Se todo o mundo fose como Nuñez Feijoo poderiamos seguir aparcando en María Pita ou no Obradoiro, Pontevedra non sería a cidade que é hoxe, o mesmo con Allariz.

Con Núñez Feijoo Galicia é un país ao que se lle prohibe soñar, que é o mesmo que un país sen futuro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.