0 Gardados para despois

Xosé Rodríguez Díaz

Nélida D.

En realidade o seu apelido é Pisco, mais ben podía ser D. de Dignidade, de Democracia ou de Dereitos. Como acontece coa revista satírica española El Jueves, que sempre ten portadas alternativas, para este texto tiña outros títulos como “Nélida Pisco, a nosa Rosa Parks”, “De Montgomery a Teo, 60 anos, a mesma inxustiza”, a “Violencia machista e o traballo” ou “Terrorismo empresarial”.

A nosa Rosa Parks non vai sentada no autobús, vaino conducindo, mais ten a mesma rexa convicción nos ideais de xustiza, dignidade e igualdade que a veciña de Montgomery

A nosa Rosa Parks non vai sentada no autobús, vaino conducindo, mais ten a mesma rexa convicción nos ideais de xustiza, dignidade e igualdade que a veciña de Montgomery.

O caso da Nélida é o de todas, non é (só) o seu problema, é un problema da mesma sociedade que vén de celebrar o día da muller con proclamas de todo tipo, algunhas, como a do Santiago Freire, alcalde de Noia, que retratan cal é a verdadeira diagnose do estado das cousas. Fóra de exabruptos como o do machista de Noia, a maioría dos actos gozan só dunha retórica que non ten un substrato material na sociedade; é dicir, facemos proclamas que aínda non están interiorizadas de forma colectiva, porque moita xente aínda non remata de acreditar na necesidade dunha igualdade real, precisamente porque seguimos a vivir nun patriarcado que o rega todo co seu machismo. Non me estendo nesta idea que levan explicando e documentando durante anos os feminismos, cuxas reivindicacións están tan vixentes coma sempre a pesar das cotas e as formalidades.

É, ademais, unha cuestión de dignidade obreira, de explotación da Nélida en canto que traballadora e, ao tempo, unha lección de dignidade de quen non acepta que a compren con diñeiro. Por iso rexeita unha indemnización –tal vez o camiño máis doado e menos doloroso-, porque o seu obxectivo é deixar un mundo mellor para a súas fillas, para as nosas fillas, para todas as fillas. Aquí están reflectidas moitas persoas que ven como por unha indemnización, cada vez máis pequena, a patronal, amparada pola lei feita para favorecela, pode desfacerse delas de forma improcedente, inxusta e ilexítima. Deste modo o caso da Nélida convértese nunha sorte de xustiza poética colectiva, para todas aquelas que non puideron, non resistiron ou lles foi negado o seu dereito a manter o posto de traballo e que llo quitaron por un prato de lentellas.

Tamén é unha demostración do fracaso das institucións, incapaces de obrigar á empresa Autobuses de Calo, a todas as empresas que a diario a incumpren, a que cumpra a lei

Tamén é unha demostración do fracaso das institucións dun estado sedicentemente democrático e de Dereito, incapaz de obrigar á empresa Autobuses de Calo, a todas as empresas que a diario a incumpren, a que cumpra a lei, prexudicando a outras que si cumpren coa lei e coa responsabilidade social, en franca competencia desleal.

Este estado fracasado, que condena a protesta pacífica (lei mordaza) e o exercicio do dereito de folga, que é áxil para criminalizar folgas, mesmo usando o delito contra a liberdade das persoas traballadoras e as súas variantes penais contra sindicalistas e compañeiros, é inoperante para facer valer a lei contra empresas como HEDEGASA, S.L.. E pregúntome: se vostede ou eu incumpriramos a lei dunha forma tan pertinaz respecto, por exemplo, a pagar os nosos impostos ou se romperamos os cristais dos seus buses resultaríanos tan doado como lle está a resultar a HEDEGASA, S.L?

Se vostede ou eu incumpriramos a lei dunha forma tan pertinaz respecto, por exemplo, a pagar os nosos impostos ou se romperamos os cristais dos seus buses resultaríanos tan doado como lle está a resultar a HEDEGASA, S.L?

É unha forma de terrorismo, palabra que tanto lle gusta usar ao poder para infundir o medo, mediante esta forma de violencia patronal, infelizmente non exclusiva desta empresa, preténdese disuadir á xente de que queira unha vida mellor, que desista de reclamar o que lle pertence e se conforme co neoesclavismo que se está impondo: “ti non te queixes que polo menos tes traballo”, aínda que sexa un traballo precario, mal pagado e nun contexto de relacións laborais non democráticas, tiránicas, “eu son o xefe”, “a ti págoche eu”, “ti non te queixes”, “non te revolvas”, “ti só non podes virar o mundo, as cousas son así”, “é o que hai, senón hai corenta esperando á porta”, “mira o que lle pasou á rapaza dos autobuses”... Mais a rapaza dos autobuses rebelouse e no tempo do medo xorde Nélida Parks, unha muller sen medo, aquela que invocaba

Eduardo Galeano:
“Es el tiempo del miedo.
Miedo de la mujer a la violencia del hombre y miedo del hombre a la mujer sin miedo.”

Quero louvar á muller sen medo, só que nunha sociedade democrática unha traballadora non debera ser unha heroína, só facer o seu traballo e vivir a súa vida, coas súas fillas e a xente que quere.

Tal vez a CIG, que tantas veces ten escoitado a pregunta “onde están os sindicatos?”, hoxe decida facer asembleas polos centros de traballo para preguntar onde está a clase obreira para defender os seus dereitos?, onde está a cidadanía para revolverse contra esta inxustiza machista? Porque o sindicato está onde estivo sempre e onde debe estar, defendendo a unha compañeira con toda a forza, porque a súa causa é a de todas, porque o sindicalismo é hoxe máis necesario que nunca.

Porque o sindicato está onde estivo sempre e onde debe estar, defendendo a unha compañeira con toda a forza, porque a súa causa é a de todas, porque o sindicalismo é hoxe máis necesario que nunca

Podería titular Nélida P., e non só de Pisco senón de Paradigma porque esta muller, pagando un alto custe en benestar e saúde, é un exemplo, unha pioneira, como o foi Hipatia de Alexandría, María Wonenburger, Clara Campoamor, Olimpia Valencia, Julia Morgan ou Rosalía de Castro, pioneiras no seu. Por iso o seu nome ben podería figurar no noso rueiro para enchelo de exemplos de dignidade e xustiza.

Acerca de Xosé Rodríguez Díaz