O Mercado é bo, o Estado é malo. Que non te enganen

Cando precisamos cambiar lavadora ou un novo par de zapatos, saímos á rúa e vemos diante nosa nos escaparates as excelencias rutilantes do mercado: centos de posibilidades diferentes de lavadoras e zapatos, seguramente fabricados a centos ou miles de quilómetros de distancia. Pero para que nacera o mercado dos electrodomésticos e do téxtil e, sobre todo, para que medrara, permanecera no tempo e puidera subministrarme todas esas posibilidades, foi precisa toda unha ringleira opaca de institucións que o fixeran posible: normas que determinen a propiedade, tribunais que fagan cumprir os contratos, regulamentos comerciais para protexer a compradores e vendedores, infraestruturas de comunicación, forzas policiais que persigan as infraccións, normas para manter a estabilidade financeira, prestamistas de último recurso para loitar contra os pánicos financeiros, regras de saúde, seguridade, traballo e medio ambiente, protección social para facerlle fronte aos riscos do mercado, e impostos para financiar todas estas actividades.

Os mercados non nacen eles sós por xeración espontánea, nin se regulan nin se lexitiman eles en por si. Tódalas economías de mercado que funcionan mais ou menos ben son unha mestura de Estado e mercado, de laissez-faire e de intervención, de soltar e tirar da corda. As proporcións exactas desa mestura dependen, fundamentalmente, das preferencias de cada país, da súa posición internacional e da súa andaina histórica. Pero, iso si, ningún país conseguiu desenvolverse sen botar enriba do lombo do sector público importantes responsabilidades. A participación do sector público na economía non deixou de medrar dende finais do século XIX: En 1870 o gasto público representaba, como media, o 10% nos países avanzados; en 1920, a porcentaxe subira ao 20%; e en 1960, acadara o 30% . A día de hoxe, o peso do sector público vai dende 35% en países coma Estados Unidos, Xapón e Australia, ao 60% en Suecia e Países Baixos, e cos restantes países europeos con porcentaxes entre ámbolos topes.

Por que esta tendencia xeneralizada á expansión do tamaño do Estado? O politólogo de Yale David Cameron (ollo, non confundir co Cameron que foi primeiro ministro da Gran Bretaña, que non era David a secas, senón David William Donald, que xa lle chega tamén), nun estudio realizado en 1978 nas 18 economías mais desenvolvidas, argumentaba que tal variación podía explicarse pola importancia do comercio nas economías analizadas.

Xa no presente século, o economista Dani Rodrik, desconfiando da análise de Cameron, ampliou o estudo a mais de cen países e, mal que lle pesara, chegou á mesma conclusión: existía unha correlación positiva entre o volume de comercio internacional dun país e mailo tamaño do seu sector público. E que causa ou razón podía estar detrás desa correlación? Despois de moito remexer nos miolos, Rodrik chegou á conclusión de que eran as garantías sociais as que semellaban estar detrás da correlación. Por que? Porque canto máis expostas están as economías ás forzas económicas internacionais, a xente esixe compensación e seguranza fronte aos temporais do mar aberto; e daquela, os gobernos responden creando redes de seguridade mais amplas, ben a través de programas sociais, ben a través do emprego público. E precisamente grazas a esa ampla rede de seguridade, a economía mundial na crise do 2008 non caeu polo mesmo barranco proteccionista que na Gran Depresión dos anos 30. Dende aquela, as sociedades industriais modernas levantaron unha muralla de proteccións sociais que fan de abeiro fronte a mar embravecida das galernas e fan mais levadeiras as desfeitas económicas. Pensemos nas prestacións por desemprego, na seguridade social universal, nas diferentes axudas empresariais, nas rendas de reinserción social (o RISGA galego)... Que sería de España, por poñer un exemplo, cun 25% da poboación activa en paro, senón houbera un Estado que subministrara toda esa protección, por pouca que nos pareza a moitos?

A regueifa Mercado-Estado semella interminable. Envolvido en luces de neon e sofisticadas técnicas publicitarias, o Mercado resulta mais garrido e tentador; pola contra, o Estado é mais ben un vagalume na noite pecha, fuxindo paseniño do ataque furibundo das hordas neoliberais, ao berro atronador de “Menos Estado, Mais Mercado!” e facendo súas as santas palabras do profeta Smith “o papel do Estado non debe ir mais aló da defensa nacional, a protección dos dereitos de propiedade, a administración de xustiza e para de contar”. De pouco ou nada serve que lles digas que o profeta falou hai mais de douscentos cincuenta anos, que dixo o que dixo contra o mercantilismo que imperaba nos albores da revolución industrial. Os profetas falan unha vez e para sempre, e o que valía daquela para hoxe ten que valer, amén Xesús. O catedrático hispano-arxentino Rodríguez Braun, de verbo liberal e pampeiro , leva vinte anos comezando os seus parladoiros radiofónicos en Ondacero co saúdo “Buenos días, a pesar del Gobierno...”

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.