As bases do triunfo da U na Asemblea do BNG non é o mesmo que o triunfo das bases

Ademais da capacidade organizativa xustamente recoñecida fóra e do esforzado traballo militante tan autoloado dentro, e máis, claro, dos erros organizativos e políticos dos alternativos, algunha outra cousa hai que ter en conta para explicar o triunfo da UPG. Compre ir avanzando na análise que debe ser complexa e sempre caleidoscópica. Deixando á parte razóns de memoria sentimental mui poderosa, das que haberá que falar, outras tres son esenciais: centralismo democrático, silencio e autoaxuda.

Cando a maioría do central da U toma unha decisión, dende ese órgano trasládase aos 8.000 militantes do BNG e aos 300.000 votantes a decisión

Pola primeira, aplicación do centralismo democrático, a UPG logra que as posicións maioritarias nos organismos de dirección da U, que poden ser representativas de 500 dos seus 800? militantes (pero tamén só de 400 ou menos porque nunca se expresan todos á vez, claro, senón cunha xerarquía piramidal) son defendidas, unha vez adoptadas, por todos de forma absoluta e militantemente disciplinada. Antes aínda, son os derrotados (os máis contrarios á medida adoptada) os que máis e primeiro deben defendela, porque niso se basa a unidade e a garantía de non traizón. Non é preciso remitirse á historia do século XX para fundamentar esta afirmación. Cando a maioría do central da U toma unha decisión, dende ese órgano trasládase aos 8.000 militantes do BNG e aos 300.000 votantes a decisión.

Como o garanten? efectivamente coa disciplina militante dos seus cadros. Para iso é fundamental: o silencio, tamén chamado de guasa Lei do silencio (E.Kazán) ou omertá (ver Wikipedia), tantas veces disfrazado de discreción. Nunca os militantes da U, non digamos os dirixentes, trasladan nada dos debates internos, a non ser con muito secretismo, por muita confianza persoal e as máis das veces seguindo a util táctica do rumor interesado ou filtración cara outros afiliados do BNG en círculos sucesivos de proximidade á U. Nunca para fóra. Aí chega xa trabucado o rumor no xogo orella a orella. O silencio, esencial en toda organización política clásica, é garantía de poder aplicar as tácticas decididas; decote funciona tan ben que ten como efecto colateral que unha parte do BNG pase o tempo xogando -na lóxica do axedrecista- a deducir que vai facer a U? Atinar nunca ten premio.

Garánteselle a colaboración e o soporte a todos os militantes. Búscanlle solidariamente apoio aos seus e máis aos que están peor e teñen menos capacidade para saír adiante

Tamén a autoaxuda é do máis importante, especialmente nesta conxuntura. Practícase como en todo grupo humano que posúe identidade e ética propia: como nas aldeas que xestionan comunais, nas agrupación de veciños, nos grupos relixiosos, nos bos grupos de amigos, nas familias ou en case todos os partidos que se precen. Garánteselle a colaboración e o soporte a todos os militantes, en especial a aqueles que pasan por dificultades. Nunca se abandona a ninguén. Búscanlle solidariamente apoio aos seus e máis aos que están peor e teñen menos capacidade para saír adiante.

Estas non son todas as razóns que explican o seu éxito, o da U, muitas veces pírrico pero sempre traballado. Non xaora. É por ir afondando no asunto. Tamén está a capacidade para usar como pantalla á xente magnífica que teñen, capaz e boa a carta cabal, tamén o manexo dese victimismo antropolóxico ou a capacidade para presentarse sempre como os agredidos, enganados e traizoados... E por suposto, as incapacidades ou dificultades dos seus contrincantes. Pero podedes seguir...isto é unha obra colectiva.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.