A precariedade laboral: a gran mentira da “recuperación económica”

En menos dunha década pasamos de entender como normal, ou incluso precario, un salario de 1.000€/mes, a devecer por acadar os 700€/mes. Esta precariedade salarial conleva unha pobreza habitacional e enerxética nas familias, tendo que convivir dende hai anos con lamentables casos de desafiuzamentos, cortes de luz en pleno inverno e mozos incapaces de independizarse do domicilio familiar e comezar a súa propia vida. Sen embargo, os medios non paran de falar da “recuperación” e do inicio da “saída da crise” para aplaudir unha suposta efectividade das medidas tomadas polo Goberno do Partido Popular, baseando estas afirmacións exclusivamente no número de contratos laborais e as altas na Seguridade Social.

Os datos reais desta suposta “recuperación económica da crise” indican un panorama desolador. A Axencia Tributaria revela que uns 3,7 millóns de persoas en España subsisten con salarios inferiores a 300€/mes debido á baixa contratación por parte dos empregadores, sendo case un luxo chegar aos contratos de media xornada.

Por riba de todo, a visión que ten a sociedade destes traballadores precarios é a culpabilización, botándolles en cara a espiral desesperada na que se atopan porque “curran pouco por vagancia”, “son eles os que non queren cotizar para non pagar impostos” ou “é que aceptan calquera cousa”. Son tres mentiras coas que a sociedade capitalista financeira do “faise rico quen máis traballa” ten envelenada a mentalidade da propia clase traballadora afectada por ela, facendo que os seus membros se enfronten entre si.

En primeiro lugar, tras a última reforma laboral imposta polo Goberno, os empregadores poden aproveitar para aforrar cartos mantendo traballadores en xornadas inferiores á media xornada. Isto fixo que, nestes últimos anos, se puxeran de moda en moitas empresas os famosos mini-jobs: traballos con xornadas semanais de 10, 5 ou incluso menos horas, completamente repartidos ó longo da semana e con salarios cos que é sinxelamente imposible manter unha vida  digna no noso país. Por iso, xa non é estraño ver a xente multi-empregada pero de xeito precario en todos os seus empregos, e non é raro escoitar a xente moza (e non tan moza) comentar desesperado que chega a fin de mes gracias a que ten “catro mini-jobs” con horarios dispersos que anda a volverse tolo para combinar. O sono de ter un só contrato laboral nun só emprego de 4-8 horas semanais soa completamente lonxano, pese a que fóra a norma ata non hai tantos anos.

Por outra banda, e tendo en conta a relación cotización-xubilación e as necesidades a efectos de prestacións por desemprego, raras veces un traballador está sen alta na seguridade social porque el así o desexe. Moitas empresas prefiren aforrar cartos tendo aos seus traballadores sen cotizar todas as horas, con contratos inferiores ás funcións que realmente desempregan e, pero se fora pouco, usando a escusa do traballo non-regulado para pagar as horas extra non cotizadas por debaixo do salario mínimo interprofesional.

Finalmente, a ameaza perpetua de despido absoluto e de buscar a outra persoa pende sempre sobre o traballador se non se presta a aceptar estas condicións, facéndolles aguantar o inaguantable para poderse manter mes a mes mentres encadea estériles entrevistas de traballo noutras empresas á busca dunha saída da indignidade.

Parece unha esaxeración, pero esta realidade a temos a diario nas nosas vilas e cidades. Non hai que irse a extrarradios ou barriadas de “baixa estofa”; isto está pasando, agora mesmo e coa xente do noso entorno. Todos coñecemos camareiros, dependentes, teleoperadores ou comerciais que, pese a facer a diario un esforzo visible no seu traballo, sumando horas cotizadas e non cotizadas calculan estar cobrando un total de entre 3-5€/hora e sen posibilidade de protesta ante a sombra continua do desemprego total. A falta de organización sindical nestes sectores enquista o problema, facendo que os abusos da patronal sexan o pan de cada día, e os traballadores atópanse aguantando un xeito de humillación laboral que nunca pensaran que chegarían a ter que aturar, mentres imprimen e reparten desesperanzados os seus currículums na esperanza de atopar outro traballo.

Os primeiros en lanzar un berro conxunto na nosa cidade coruñesa foron os membros do gremio do telemárketing. Empresas como Extel ou Atento demostraron a súa capacidade de organización contra a patronal, conseguindo entre difíciles negociacións coa patronal, paros laborais e multitudinarias manifestacións unha lixeira mellora das súas condicións. Pero non foi suficiente; a loita contra a precariedade laboral e os abusos empresariais debe chegar ata as institucións para facilitar a loita contra estes, e non deixar desamparada a clase traballadora ante estas situacións.

Nese sentido, na Coruña vense tentando por parte do Goberno da Marea Atlántica crear políticas de inclusión social (a Renda Social Municipal a máis importante delas); sen embargo observamos que, fronte ós grandes poderes económicos fácticos, mudar as cousas non é sempre tarefa fácil.

O feito de estar a gobernar en minoría nótase á hora de poder levar a cabo proxectos sociais coma este, por non falar do indignante silencio co que algúns medios de comunicación maioritarios trataron os esforzos do goberno de María Pita para reducir a desigualdade social dos veciños da Coruña; vemos como moitas veces estes medios actúan axudándose de falsas polémicas (ás veces ata ridículas, temporais de inverno ou carteis papais mediante) para agochar o verdadeiramente bo que fixo xa a Marea Atlántica nestes case dous anos de lexislatura, e as positivas consecuencias que terá para a calidade de vida da cidadanía coruñesa.

Por ende, nas últimas semanas asistimos a unha moción de confianza no Concello levada a cabo polos edís do PSOE (axudados polos edís Populares), e así vimos como entraban en disputa os dous modelos de cidade: unha Coruña de propietarios e fortunas contra a maioría social, fronte a unha Coruña a prol desta maioría que loita a diario para mudar e mellorar as condicións materiais de vida da maioría da poboación. Somos moitos os que temos verdadeiro temor de que as reformas que tanto necesitamos sexan paralizadas de golpe e quedar a medio camiño da saída dos nosos pozos laborais e vitais, por simples teimas e ciumes socialistas.

Somos moitos os que precisamos, urxentemente, que nos permitan escapar da precariedade, e que non nos rouben máis a vida.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.