Veos e velorios

Vemos no xornal unha musulmá, co seu pano, fachendosa e desafiante, afirmando que traballa co seu “distintivo” no hospital. Mustafá Alendi, presidente da Comunidade Islámica Galega, opina que en Galicia, e en España, hai máis tolerancia ca noutros países, como Francia. Unha razón: Francia é laica; España é católica. Aos bispos españois non lles debe preocupar que as mulleres españolas fósemos obrigadas a irmos cubertas. Non hai moito que era preceptivo pór veo para entrar nas igrexas.

Son moitos os musulmáns que hai en Galicia e todos pensan que se a unha muller lle quitan o veo, deixa de ser musulmá. Que lle dirían a Alá se lles preguntase como permite que as súas mulleres vaian cos cabelos ao ar?

Opinan que obrigarlles a quitar o veo no traballo significa a intromisión nos seus dereito e impedir a liberdade das mulleres. Desde cando as súas mulleres son libres, ou teñen dereitos? O veo é un exemplo de suxeición e obediencia. Indica a honestidade feminina tapando o que pode excitar a luxuria, o desexo masculino. Porque máis alá dun tema relixioso, trátase dunha mostra de submisión, de misoxinia, que as musulmás aceptan e mesmo reivindican.  

O asunto está na rúa. Contratarían unha muller con veo?, indagan no xornal.  Á pregunta tivo diferentes respostas entre o empresariado. Hai quen opina que cada empresa debe decidir. A maioría pensa que o respecto á persoa é fundamental e que negarllo é unha discriminación absoluta. Están ao día en tolerancia, no respecto ás diferentes ideas, relixións, crenzas. Un comportamento positivo que pode derivar a en oportunismo, indiferenza ou pasotismo.

As únicas que temos motivos para desterrar ese símbolo das rúas das nosas cidades e máis aínda das escolas e lugares de traballo, somos as feministas. Supón un perigo, unha volta atrás. No pasado tamén as mulleres galegas usaban pano, maiormente negro porque desde moi novas estaban de  loito e enlazaban un con outro, debido á grande mortalidade. As rapazas levaban pano branco. 

Coñecemos as loitas e os sacrificios que custaron acadar a igualdade que temos, que, mesmo se non é moita e precisamos seguir pugnando para mellorar, estamos moito máis avanzadas que as mulleres de certos países e outras relixións e costumes. Non é cousa de retroceder.

Esta inmigración non é como a tradicional. Os galegos non chegaban impoñendo cando ían traballar fóra. Pola contra, aprendían das culturas superiores. Agora as cousas son diferentes porque as circunstancias políticas tamén o son.  Nun extremo hai un mundo árabe moi poderoso, con cidades espectaculares, pero que leva con orgullo o seu islamismo. Noutro un E.I. moi perigoso. O yihadismo ameaza co seu terrorismo e todo o Occidente somos vítimas propiciatorias. Consecuencia das guerras son as poboacións islámicas desprazadas, e todas esas mulleres e criaturiñas pasando un calvario. E aquí entran as mulleres concienciadas,  piadosas e tolerantes. Que ben está. Non digo que non haxa que acoller e protexer a esa humanidade. Pero as vítimas non son boas por vítimas. Polo pan baila o can dicimos nós, pero elas non quitan o veo nin por moi ben que as tratemos, nin deixan de considerarnos infieis, cousa grave na súa crenza.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.