A importancia de cambiar de papel

Cada día nos chegan por distintas canles (medios de comunicación, publicidade, consellos, conversas na rúa...) mensaxes derrotistas que afirman que son tempos difíciles, que as cousas están moi mal, que hai que nadar con coidado. No momento actual a clima de crise de valores e de maior incidencia dos actores lucrativos nos recortes sociais (apoio aos bancos e “reflote” das economías a costa de dereitos laborais) ten importantes consecuencias na mentalidade da poboación, que mira aínda máis cara ao propio e que non busca establecer lazos coa situación de explotación planetaria que se padece dende a época colonial nos países do Sur.

O consumismo como principal modo de vida das sociedades do Norte leva a que haxa pouco interese en cuestionar os modos de vida propios, algo sen o cal é imposible loitar contra a pobreza

Os sistemas de axuda gobernamental están neste momento nunha crise de valores sen precedente, subordinados a recortes inxustificados que fan que sexa prioritario, por unha banda exercer presión sobre eles, e pola outra, asegurar a independencia das súas circunstancias. Igualmente, o consumismo como principal modo de vida das sociedades do Norte leva a que haxa pouco interese en cuestionar os modos de vida propios, algo sen o cal é imposible loitar contra a pobreza. Finalmente, no campo crucial da representación, as nosas sociedades seguen promovendo visións das comunidades do Sur que infantilizan, problematizan ou totalizan as experiencias e polo tanto mediatizan a cooperación.

Esta situación vese exacerbada no caso das mulleres, que se converten en ferramentas do imaxinario para establecer ao mundo occidental como o sistema de valores modelo para todas as sociedades. As mulleres do Norte vemos minguados os nosos dereitos e aquelas axudas que dende o Estado nos protexían da violencia, da sobrecarga laboral ou nos permitían entrar a ocupar postos de dirección en condicións de igualdade. O recorte das axudas á cooperación afecta ás mulleres do Sur facendo imposible a continuación de proxectos de desenvolvemento que lles resultan vitais para enfrontarse a situacións de pobreza extrema.

Para solucionar a pobreza é fundamental que a cidadanía do Norte cambie dun papel pasivo (consumista, desinteresado, prexuizoso) a un papel activo (crítico, feminista, aberto) nas súas propias sociedades e no mundo en xeral

Nun contexto de desesperanza como o actual faise máis preciso que nunca mobilizar á cidadanía. Para solucionar a pobreza é fundamental que a cidadanía do Norte cambie dun papel pasivo (consumista, desinteresado, prexuizoso) a un papel activo (crítico, feminista, aberto) nas súas propias sociedades e no mundo en xeral. Baixo esta perspectiva, Implicadas no Desenvolvemento propón a campaña Cambia de papel como unha iniciativa que traballe os campos estratéxicos da representación e as estruturas políticas da pobreza e do xénero. O obxectivo é que a cidadanía cambie o seu papel, de pasivo a activo, implicándose na promesa do traballo a prol dunhas relacións máis xustas entre os pobos dende un compromiso feminista e crítico.

Pero, que significa cambiar de papel?

  • Cambiar de laiar a facer: son moitas persoas as que se queixan de que o mundo vai mal pero, que fan estas persoas que se laian para cambialo?
  • Cambiar do papel individual ao colectivo: resulta complicado que unha soa persoa poida cambiar as cousas, pero moitas persoas unidas fanse fortes. 
  • Cambiar o noso consumo: as persoas do Norte consumimos a maioría dos recursos mundiais, e ademais disto as nosas empresas explotan a millóns de mulleres, crianzas e homes. Se cambiamos os nosos patróns de consumo podemos cambiar tamén o mundo no que vivimos.
  • Promover un cambio ambiental: o que facemos aquí afecta a persoas que están moi lonxe. Dende pechar a billa ata apagar a luz e desconectar regletas non só aforran para o noso peto senón que evitan a contaminación ambiental que logo provoca secas e afecta ás nosas compañeiras do Sur. É preciso cambiar de papel no consumo e no comportamento ambiental.

En Implicadas no Desenvolvemento pensamos que o cambio está nas nosas mans

En Implicadas no Desenvolvemento pensamos que o cambio está nas nosas mans. A retroalimentación entre o que facemos no Norte e as consecuencias que os nosos actos (a gran escala... e a pequena tamén) teñen nos países do Sur é incuestionable. Cambia de papel é unha campaña que busca un mínimo de 50 novas/os socias/os e 20 voluntarias/os para sustentar o traballo da organización, e con iso afianzar un cambio de imaxes e actitudes da cidadanía do Norte que contribúa á superación da inxustiza planetaria da que todas e todos facemos parte. Porque da desigualdade á xustiza hai só un paso, a vontade, CAMBIA DE PAPEL!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.