A Transición, a Constitución e a imposición nacional

A Inmaculada Transición, como alguén con moita retranca denominou ao período que transcorre desde a morte do ditador até as eleccións estatais de 1982 nas que o PSOE obtén maioría absoluta, ocupa un lugar privilexiadon na fabricación dos lugares comúns españois. Dentro deste período, vixiado e tutelado polos poderes fácticos,  elabórase a Constitución que tamén será convertida nun dos grandes mitos da política do consenso, así coma da pretendida superación dun pasado do que se procurou borrar calquera lembranza. Facendo parte desta mistificación tamén está o esquecemento de que na reforma pactouse a  intocabilidade da monarquia herdeira do franquismo; garantíronse os privilexios dunha Igrexa comprometida co nacional-catolicismo; mantívose a impunidade e a continuidade política de numerosos protagonistas de violacións sistemáticas dos dereitos humanos; tamén evitouse a depuración nas institucións xudiciais, militares, policiais e nas administracións públicas de elementos e práticas intimamente vencellados ao réxime totalitario, e que aínda hoxe manteñen a súa pegada.

Fixeron causa común medios de comunicación, políticos, historiadores e todo un abano de opinadores encargados de espallar a crenza de que a partes iguais, todo e todos, vítimas e verdugos, tiveron “erros” nun pasado que non cómpría remexer

En toda esta obra de conceptualización de medias verdades e cínicos ocultamentos fixeron causa común medios de comunicación, políticos, historiadores e todo un abano de opinadores encargados de espallar a crenza de que a partes iguais, todo e todos, vítimas e verdugos, tiveron “erros” nun pasado que non cómpría remexer. Ao abeiro destes obxectivos resulta comprensíbel a realización dunhas xornadas sobre a transición española, celebradas en San Juan de la Penitencia (Toledo) no mes de maio de 1984 e patrocinada pola Fundación José Ortega y Gasset, nas que destacados políticos e historiadores debatiron a porta pechada sobre os acontecementos deste período. A prensa da época salientou a importancia e o secretismo das reunións o que induce a pensar que aí se xestaron unha grande parte das pautas de comunicación para transmitir a idea dun marco idílico e de espírito de consenso que presidiu esta etapa na que o Rei, a Constitución, os partidos sistémicos, o imperativo de nación e o propio destino histórico se convertirían nos artífices do éxito democrático.

O propio Arias Salgado, ex secretario xeral da UCD e ministro con Suárez, recoñeceu que “o consenso foi un xeito de impór límites e silenzos ao debate nacional"

Xa desde o comezo, e con advertencias da cúpula militar, un dos límites marcado coma infranqueábel, e que guiou todo o proceso, foi o da incuestionabilidade da unidade nacional. Así o Real Decreto-lei de 1 de abril de 1977, sobre liberdade de expresión, prevía o secuestro de calquera medio que cuestionase á Coroa, ás Forzas Armadas ou a unidade nacional. O propio Arias Salgado, ex secretario xeral da UCD e ministro con Suárez, recoñeceu que “o consenso foi un xeito de impór límites e silenzos ao debate nacional”. Pois ben, no ano e pouco que transcorreu desde a designación do Relatorio que habería de redactar o anteproxecto de Constitución até a votación das Cámaras sobre o proxecto definitivo, foi un esforzo e un obxectivo prioritario impedir que as nacións históricas adquirisen a consideración de, precisamente, nacións e que ficase claro o seu estatus indubidábel de territorios españois sen capacidade para decidir.

O debate sobre o alcance do concepto de nacionalidade ocupou unha boa parte dos agrios debates e a tentativa de conxuralo desenvolveuse entre os que tiñan auténtico medo a que o termo se equiparase con nación e que no futuro se aproveitase para reclamar esta condición

Coma era de agardar, o debate sobre o alcance do concepto de nacionalidade ocupou unha boa parte dos agrios debates e a tentativa de conxuralo desenvolveuse entre os que tiñan auténtico medo a que o termo se equiparase con nación e que no futuro se aproveitase para reclamar esta condición, do que Fraga Iribarne foi un dos varios expoñentes, e entre os que pretenderon reducilo a un mero aspecto terminolóxico sen potencialidade para poñer en cuestión a única nación, a española. Esta segunda postura foi adoptada, con diversos enfoques, por centristas como Martín Oviedo, por socialistas coma Peces Barba ou Tierno Galván  ou por membros do PCE como Solé Tura. A efectos de contrarrestar o posíbel risco da expresión “nacionalidades” tamén houbo interpretacións como as de que estas facían parte da grande nación de nacións que era España ou algunhas tan pintorescas, e que unha parte do españolismo usaría no futuro, como a de Landelino Lavilla, Sánchez Agesta ou Silva Muñoz equiparando nacionalidades con fenómenos culturais e nación con fenómenos políticos e estatais. Aínda así o propio Martín Oviedo, con lucidez e preocupación observou que “no caso de que un pobo de España pretendera exercer o suposto dereito de autodeterminación, ningunha constitución poderíallo impedir independentemente do termo empregado”

Se a expresión nacionalidades quentou os ánimos, que dicir de coma os alporizou a demanda da inclusión do recoñecemento do dereito de autodeterminación e da soberanía. Voces como as de Josep Benet, Heribert Barrera, Rosendo Audet, Juan María Bandrés, Francisco Letamendía ou Lluís Mª Xirinacs defenderon este dereito xa no Congreso, xa no Senado. A dereita e o centro responderon  con agresividade ou con desprezo; o PSOE por boca de Peces Barba sinalou que eles defendian este dereito pero que a autodeterminación era outra cousa e Jordi Solé Tura do PCE manifestou que incluir este dereito na Constitución era ideoloxista e que o tempo non estaba para tales menesteres. Os dous partidos maioritarios da esquerda estatal facían malabares para xustificar a renuncia a un dereito que noutrora consideraban unha reivindicación acorde coa democracia.

Moitos sectores do búnker franquista, militares incluídos, amosaron publicamente o seu malestar malia o morno e comedido da redacción

Neste breve, máis intenso, período houbo un episodio que ilustra con claridade como a Constitución se redactou baixo a tutela e a atenta vixiancia de poderes que de certo non a impregnaron do espírito de liberdade e de ruptura co que se segue a vender. Ao comezo das reunións a Ponencia constitucional aceptou coma documento de traballo para o artigo 2º un texto proposto por Miquel Roca, que non contaba co prace de Fraga, e que ía redactado nestes termos: “A Constitución recoñece e a Monarquia garante o dereito á autonomía das diferentes nacionalidades e rexións que integran España, a unidade do Estado e a solidariedade entre os seus pobos”. Coma podemos observar este primeiro borrador non identificaba nación con Estado e, cando se fixo público o 22 de novembro de 1977 a través de Cuadernos para el diálogo, moitos sectores do búnker franquista, militares incluídos, amosaron publicamente o seu malestar malia o morno e comedido da redacción.  O Relatorio continou seus traballo e redactou un anteproxecto no que o artigo 2º se modificaba nun sentido máis esencialista xa que a Constitución viña agora a mudar o seu carácter de fundamento para ser ela mesma unha norma fundamentada na unidade de España. Esta nova redacción rezaba deste xeito: “A Constitución fundaméntase na unidade de España e a solidariedade entre os seus pobos e recoñece o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que a integran”. Porén o novo texto tampouco satisfaceu demasiado á caverna por mor de manter o termo de nacionalidades e non facer referencia a unha única nación española.

Unha vez publicado o novo anteproxecto presentáronse as correspondentes enmendas cara ao posterior debate. Aconteceu que nunha das reunións do Relatorio para debater sobre a pertinenza das enmendas e a conseguinte modificación do articulado, en concreto o devandito artigo 2º, apareceu un enviado de Moncloa cunha nota que lle foi entregada ao presidente do relatorio, nese momento Jordi Solé Tura. Na nota figuraba o texto de como debería ficar redactado o artigo en discusión, advertindo o mensaxeiro de que a nova redacción correspondía a un compromiso entre a Presidencia do Goberno e os interlocutores fácticos sensíbeis ao tema. Os relatores da UCD expresaron o seu deber de acatar o mandato e, con gran teatralidade, Pérez Llorca púxose firme e saudou militarmente. O texto proposto e imposto era practicamente idéntico ao redactado actual, e dicía: “A Constitución fundaméntase na unidade de España como patria común e indivisíbel de todos os españois e recoñoce o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións que integran a indisolúbel unidade da nación española”. E postos a superarse, incluso o texto actual acentúa máis o fundamentalismo daquel por colocar ao principio do artigo a indisolubilidade nacional coma fundamento constitucional.

Produciuse unha transacción asimétrica entre un sector reformista do franquismo e a maioría da oposición democrática, e o seu resultado foi a continuidade do bloque de poder dominante e dunha parte das institucións e simboloxías herdadas daquel réxime

Ten moita razón o editor da revista Viento Sur, Jaime Pastor, cando considera que a historia da transición política española pódese resumir coma un proceso no que en lugar dun novo poder constituínte forxado a partires do que tiña de ter sido unha ruptura coa ditadura, produciuse unha transacción asimétrica entre un sector reformista do franquismo e a maioría da oposición democrática, e cuxo resultado foi a continuidade do bloque de poder dominante e dunha parte das institucións e simboloxías herdadas daquel réxime. Levamos anos comprobando que o consenso serviu e serve para que o que daquela se atou continue atado, fundamentalmente a negación dos pobos do Estado a decidir libremente. Corenta anos despois o réxime segue a empregar a ameaza e a forza contra arelas lexítimas e democráticas. A ruptura debe incluir moitos aspectos, mais sen cuestionar o modelo de imposición territorial ficará nun sucedáneo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.