0 Gardados para despois

Francisco Xavier Redondo Abal

40 anos despois da desaparición do Tribunal de Orde Pública (TOP)

O pasado mes de xaneiro do ano que andamos, 2017, cumpríronse corenta anos da derrogación do Tribunal de Orde Pública (TOP) e da súa substitución por un novo organismo xurisdicional, aínda vixente no Estado español, denominado Audiencia Nacional. Tempo dabondo, catro décadas, ateigado de escuridade e descoñecemento sobre as orixes, actividades e consecuencias daquel tribunal franquista que durante os seus trece anos de existencia –de 1964 a 1977– perseguiu coercitiva, procesual e de xeito determinante calquera manifestación política, sindical, social ou cultural que atacara as esencias do Estado vencedor na Guerra Civil.

O enorme baleiro que hoxe oculta as actividades do TOP –ignorancia non só entre as xeracións máis novas– ten moito que ver co contrato de silencio, ocultación e esquecemento que foi tecido no chamado período da Transición española

O enorme baleiro que hoxe oculta as actividades do TOP –ignorancia non só entre as xeracións máis novas– ten moito que ver co contrato de silencio, ocultación e esquecemento que foi tecido no chamado período da Transición española. Un pacto sostido, entre outras cuestións, no beneficio persoal acadado polos propios protagonistas daquela represión política e social: maxistrados, xuíces e fiscais que traballaron arreo no TOP nunca foron molestados, nin sequera interrogados sobre as súas actividades represoras e de complicidade coa ditadura. Así como tampouco foron perturbados os integrantes da temíbel Brigada de Investigación Social, máis coñecida como Brigada Político-Social, que tanto dano e tortura exerceu sobre indefensos opositores antifranquistas mentres eran interrogados nas comisarías do réxime.

Todos eles saíron indemnes daquel tránsito. Nunca foron molestados. Non houbo preguntas e ninguén falou. É máis, moitos daqueles dispensadores da xustiza franquista foron premiados e ascenderon na escala dos seus órganos profesionais e todos encontraron acomodo nas novas instancias democráticas. De feito, dez dos dezaseis xuíces titulares do TOP convertéronse en maxistrados do Tribunal Supremo ou da Audiencia Nacional, a herdeira daquel. Velaí a Enrique Amat Casado, José Francisco Mateu Cánoves e Antonio Torres-Dulce Ruiz, que tras a morte do ditador alcanzaron cargos de alta responsabilidade na maxistratura do Estado. Outros casos similares serían os de José Garralda Valcárcel (xuíz instrutor no TOP e, posteriormente, maxistrado do Supremo), Antonio González Cuéllar e Félix Hernández Gil, ambos os dous fiscais do tribunal franquista que acabaron premiados cun posto no Tribunal Supremo. Outro presidente do TOP, José de Hijas Palacios, alcanzou a xubilación en 1984 cando ocupaba a praza de presidente da Sala Segunda do Tribunal Supremo. Tamén foi recompensado cun posto na Audiencia Nacional outro maxistrado que exercera as súas funcións no TOP como xuíz instrutor: Jaime Mariscal de Gante. Apelidos que axudan a comprender o noso presente e a entender diferentes aspectos da actual xudicatura que criamos superados coa fin da ditadura.

 

A Lei 154/1963 sobre creación do Xulgado e Tribunal de Orde Pública

Maxistrados, xuíces e fiscais que traballaron arreo no TOP nunca foron molestados, nin sequera interrogados sobre as súas actividades represoras e de complicidade coa ditadura

A xestación da Lei 154/1963 tivo lugar durante a sétima lexislatura das Cortes franquistas (1961-1964), no centro dun clima de crecente hostilidade ao réxime saído da Guerra Civil. A novena remodelación do goberno de Franco, sucedida en xullo de 1962, veu acompañada da ratificación no gabinete de varios tecnócratas e membros do Opus Dei –como Alberto Ullastres, en Comercio, e Mariano Navarro Rubio, en Facenda, nomeados ministros en 1957– que buscaron dar pulo ao Plan de Estabilización Económica de 1959, un ambicioso proxecto conformado por un conxunto de medidas monetarias, de financiamento, fiscais e de comercio exterior que tiñan por obxectivo introducir unha nova política económica, conter a inflación, mellorar o control monetario, liberalizar as importacións de mercadorías e capitais e, en definitiva, rematar coa autarquía.

O 18 de marzo de 1963, un mes máis tarde de que o Consello de Ministros decidise elaborar unha nova xurisdición de orde pública, o ministro de Xustiza Antonio Iturmendi entregaba ao ministro da Presidencia, almirante Luis Carrero Blanco, o primeiro anteproxecto de lei para a creación do Xulgado e Tribunal de Orde Pública. Dous meses despois, o goberno fixo chegar o anteproxecto ás Cortes para o seu estudo minucioso.

As Cortes nomearon unha comisión especial encargada da análise do texto daquel anteproxecto de lei. Esta comisión, constituída o primeiro día de xuño, estivo integrada por trinta e seis procuradores e contou con José Castán Tobeñas como presidente, José Fernández Hernando actuou como vicepresidente e o secretario foi Miguel Vizcaíno Márquez. Os perfís profesionais dos integrantes da comisión ían dende militares até catedráticos, pasando por avogados, maxistrados, xuíces, fiscais, notarios e rexistradores da propiedade.

A aparición do TOP, como consecuencia da aprobación da Lei 154/1963, representou o desexo de ofrecer legalidade e lexitimidade á represión institucionalizada exercida polo réxime franquista

Tras moitas discusións, presentacións de emendas parciais ao proxecto e mesmo unha á totalidade –asinada por Joaquín Ruiz Jiménez–, a lei saíu adiante tras as acendidas defensas do procurador Fernando Herrero Tejedor –vicesecretario xeral do Movemento e integrante do Consello de Estado– e do propio ministro Iturmendi. A lei foi sancionada polo xefe do Estado Francisco Franco o día 2 de decembro de 1963 na súa residencia oficial do Pazo do Pardo. O ministro de Información e Turismo, Manuel Fraga Iribarne, escribirá nas súas memorias que se trataba de “una ley importantísima”.

A aparición do TOP, como consecuencia da aprobación da Lei 154/1963, representou o desexo de ofrecer legalidade e lexitimidade á represión institucionalizada exercida polo réxime franquista. Para iso, rebaixaron ostensibelmente a utilización da xustiza militar e os consellos de guerra sumarísimos. De feito, o TOP veu substituír os tribunais castrenses, o Tribunal para a Represión da Masonaría e o Comunismo e mesmo as Audiencias Provinciais que acollían casos que non competían aos citados organismos.

Hai que sinalar que o texto final da Lei 154/1963 quedou conformado por unha exposición de motivos, once artigos, cinco disposicións finais, tres transitorias e unha última adicional. Xustamente, é no texto introdutorio onde atopamos a primeira clave fundamental da nova lei:

“La evolución de las circunstancias producidas desde entonces [Decreto 1694/1960] y la conveniencia de acomodar las disposiciones punitivas y jurisdiccionales a los dictados de la realidad social aconsejan una revisión del expresado Decreto 1694/1960, con la finalidad de someter los hechos comprendidos en el artículo segundo del Decreto aludido a los correspondientes ordenamientos penales y jurisdiccionales, actualizándose así su calificación y enjuiciamiento”.

En definitiva, esta alta maxistratura sinalaba que o TOP posuía unha actuación privativa sobre a xurisdición ordinaria en todo o territorio para entender, xulgar e sentenciar aqueles delitos que fomentaban, segundo expresa a exposición de motivos, “la zozobra en la conciencia nacional”. Ou dito doutro xeito: actos que atacaban as bases mesmas do Estado franquista.

O TOP posuía unha actuación privativa sobre a xurisdición ordinaria en todo o territorio para entender, xulgar e sentenciar aqueles delitos que fomentaban, segundo expresa a exposición de motivos, “la zozobra en la conciencia nacional”

En consecuencia, a xustiza política representada polo TOP cumpriu coa función de lexitimar o réxime cando entendeu da súa competencia exclusiva a capacidade de xulgar os seguintes delitos:

  • Os cometidos contra a seguridade exterior do Estado.
  • Os que atacaban o xefe do Estado, os principios do Movemento Nacional, as Cortes, o Consello de Ministros e a forma de goberno.
  • A rebelión e a sedición.
  • As desordes públicas (reunións e manifestacións).
  • A asociación ilícita.
  • A propaganda ilegal.
  • A detención ilegal con fins políticos ou sociais.
  • A subtracción de menores.
  • A violación de domicilio.
  • As ameazas e coaccións.
  • O descubrimento e revelación de segredos.
  • Outros delitos nos que se inhibira a xustiza militar.

O TOP estaba integrado por un presidente e dous maxistrados, dos que un deles actuaría como relator. Todos eles, destacados membros da carreira xudicial, foron nomeados por decreto, previo informe do Consello Xudicial e a proposta do ministro de Xustiza. O único maxistrado titular do TOP de orixe galega foi o pontevedrés Fernando Méndez Rodríguez, que ingresou na xudicatura en 1956 e prestou os seus servizos naquel tribunal especial entre setembro de 1972 e xaneiro de 1977. Na nómina dos fiscais que traballaron arreo no Xulgado e Tribunal de Orde Pública cómpre destacar o compostelán Jesús Silva Porto, acusador naquela xurisdición entre xuño de 1974 e xaneiro de 1977.

A represión non cesou en ningún momento; ben ao contrario, incrementouse de xeito significativo co paso do tempo. Boa proba disto é que a finais de 1972 foi necesaria a creación dun segundo Xulgado de Orde Pública

A represión non cesou en ningún momento; ben ao contrario, incrementouse de xeito significativo co paso do tempo. Boa proba disto é que a finais de 1972 foi necesaria a creación dun segundo Xulgado de Orde Pública, co correspondente incremento de persoal. A oposición antifranquista decidida a poñer fin ao réxime e a perseveranza das autoridades para non ceder ás demandas democráticas fixeron do TOP un instrumento fundamental na subsistencia do franquismo, incluso tras a morte de Franco.

 

*Este artigo aparece recollido no ensaio Arelas de liberdade: galegos perante o Tribunal de Orde Pública (TOPGAL, 1964-1977), que proximamente sairá do prelo de Edicións Laiovento.

Acerca de Francisco Xavier Redondo Abal

Bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela