En Marea é unha encrucillada

A crise acelerou a nosa percepción do tempo. Coma se a gravidade se alterase por algunha razón, en cinco anos transcorreron varios lustros. E agora, tras un longo e frenético ciclo electoral, todo parece retornar a vellos ritmos acougados e a esa feroz aparencia de normalidade, consecuencia de horizontes de expectativas non satisfeitos, refluxo desmobilizador, certa frustración, desgana e cansazo colectivos... Mais convén non confundir. Os acaneos electorais, coas súas leis tan particulares, soamente fan parte dun proceso máis complexo e de longo percorrido no que se tenta articular un espazo de ruptura, do que fai parte En Marea e tamén todo un corpo diverso e activo de suxeitos de intervención política, institucional e asemblearia que se vén configurando desde as eleccións municipais de 2015. As diferentes mareas e candidaturas municipais de confluencia manteñen activas as súas bases asemblearias nas cidades conquistadas e en moitos outros concellos de Galicia. Será interesante ver de que maneira se dá combinado En Marea coa cidadanía do común organizada nesas asembleas e mareas. Queda moito por facer, aínda que en termos electorais e institucionais o espazo galego de ruptura xa non é un neno e vén profundamente marcado polas súas experiencias. Ninguén hai cinco anos contaba con todo isto.

Todo proceso electoral tende a operar como factor de estabilización do réxime e das súas normas. As eleccións lexitiman e perpetúan a orde establecida, sen dúbida, pero baixo determinadas condicións poden converterse en momentos políticos de mobilización e toma de conciencia. Neses casos, que dalgunha maneira vivimos nos últimos tempos, non é improbable que ao final dun ciclo de expectativas non satisfeitas nos encontremos cun refluxo de normalización política e restauración. A volta a un mapa político previo ao cataclismo destituínte convértese nunha opción asumida mesmo en certos sectores do propio espazo. O que xusto despois das municipais de 2015 se vía coma unha quimera, a restauración do mapa político estable anterior á irrupción de AGE en outubro de 2012, agora, tras a relativa decepción das eleccións galegas de 2016, regresa ao escenario do posible. Trataríase así de reordenar a normalidade anterior, xa non de clausurala.

Existe, logo, o perigo de que neste refluxo conservador se poña en dúbida a propia idea de espazo de ruptura. Pero a reordenación neoliberal do mundo non parou. Ao contrario, intensifícase mediante unha deriva reaccionaria. Non habería razón, pois, para imprimir unha dirección contraria a aquela na que nos vimos movendo nos últimos cinco anos. A loita de clases non se detivo. Seguimos nunha guerra que non concluíu, que nos obriga a resistir e a continuar imaxinando e poñendo en vigor unha orde alternativa. Esa tensión creativa entre a resistencia e a proxección de necesidades colectivas segue a manterse sobre a brecha aberta no tecido do réxime. Unha brecha que non pode reducirse nin desaparecer, que se agranda, da cal é tamén expresión monstruosa esa deriva reaccionaria.

Tras o frenesí electoral, toca converter En Marea nun instrumento político eficaz para un espazo de unidade popular e ruptura. E aí emerxe o sentido da encrucillada, nas diferentes posibilidades que se abren para determinar cal debe ser ese instrumento e como se ten que articular. Dous proxectos que a grandes trazos e con modelos contraditorios entran en disputa. Un proxecto conservador, de normalización política e retorno con actores novos a un momento anterior, fronte a un proxecto de profundización do proceso de ruptura. Recambio fronte a ruptura, como en ocasións ten descrito Xosé Manuel Beiras.

O momento de crise na configuración do suxeito de ruptura non ten un sentido terminal, senón de reactivación creativa. Sitúanos nun cambio de ciclo. O que se pecha é o máis determinante da nosa historia recente, pois significou antes de nada a ruptura de vellas formas, a destrución de fronteiras e lugares comúns e a conquista dun discurso ousado que non dubidou en poñer nome exacto a todo o que estivera oculto, era difuso e estaba prohibido. Soubemos que a organización é un instrumento perecedoiro, dúctil e flexible sometido ao suxeito colectivo que o emprega e non unha máquina de expropiación de capacidade política mediante relación xerárquica entre partido mediador, militantes obedientes e votantes pasivos. E iso implicou unha ruptura interna con parte da propia tradición da esquerda e do nacionalismo. A fase que conclúe expresou a necesidade de transgredir. Transgredir as normas, impugnar os regulamentos do réxime, comprender que o dereito é a ditadura do poder constituído e por tanto as normas del derivadas non nos comprometen, non nos serven. Transgresión foi a propia existencia de Anova, a creación de AGE, as candidaturas populares das municipais, En Marea, a instalación no imaxinario colectivo da Marea como idea de contestación ao violento estado das cousas. Pero se a fase que conclúe se escribiu cos caracteres dunha transgresión radical, a que comeza non pode ser menos. Non tería sentido terminar onde se empezou, nunha organización clásica que reproducise todo aquilo que se impugnou, que abandonase a necesidade mesma da transgresión.

A tentación termidoriana existe. Operou en Anova des que se propuxo nacer como partido movemento, operou tras a irrupción de AGE e das mareas municipais e opera no artefacto En Marea. Faino sen solución de continuidade desde o primeiro éxito electoral ata hoxe mesmo. Tras dous meses desde as eleccións aos seus órganos políticos, En Marea non dá elixido Coordinadora nin estableceu portavocías que rompan coa acumulación de cargos e coa subsunción do orgánico e do multitudinario no institucional. Tampouco puxo en vigor a proposta política que conquistou a maioría. E non foi por defecto conxénito, senón por certa deriva conservadora na correlación de forzas internas. A tentación restauradora opera así mesmo cando certa representación institucional tende á autonomía e a actuar á marxe dos espazos comúns de control, deliberación e decisión popular. E opera no intento, anteriormente xa derrotado, de recompoñer unha organización nacionalista de oposición institucional moderada nos contidos e radical nalgunhas proclamas. Ou cando sectores de Podemos e EU apelan obsesivamente á fosilización dos espazos partidarios para escapar dos abismos que todo cambio abre. O repregamento identitario sempre se encontra co fetichismo de partido grazas a unha incomprensión compartida do proceso. Ao cabo, non é casual que o bloqueo de En Marea se exprese en termos de representación e de programa. Por unha banda, na composición da Coordinadora e en quen serán os (ou as) portavoces; por outra banda, en cales serán os principios políticos de referencia. En realidade, a encrucillada exprésase en dous modelos que abranguen non só fórmulas de organización senón tamén a necesidade dun programa de ruptura ou, por contra, a conveniencia dunha proposta de intervención institucional orientada á xestión do existente. É asumir o réxime de representación política, a autonomía do político e a política como discurso, ou ben a idea de acción política como intervención no territorio do material, das relacións de produción, da hexemonía que o poder desprega en todo o seu esplendor. A encrucillada é ruptura ou restauración.

O proxecto restaurador é o da normalización do réxime. Compárteno forzas aparentemente tan dispares coma as que arelan un Unidos Podemos subalterno en Galicia, unha fidelidade insubornable ao xogo electoral e ao marco de relacións e resolución de conflitos que este propón, ou a refundación dun nacionalismo de praxe autonomista e verborrea soberanista sobre a borralla da pecaminosa unidade popular se non é entendida só como alianza electoral, se se ergue como proceso de encontro dos sectores sociais que compartimos base material máis alá de marcas e identidades. A zona de intersección destes territorios é o desexo compartido dunha veloz estabilización política. Fronte a esa restauración, está o proxecto dun suxeito político en que a maioría social, a multitude, o proletariado destes tempos se organice e organice a expresión das súas necesidades. Reconstruírse como clase antagonista, conquistar autonomía social e crebar as subalternidades dándolle expresión a toda a súa multiplicidade e diversidade desde unha conciencia unitaria do común. É a idea de comunismo, se queremos acudir á fermosa obsesión de Badiou, coa que necesitamos opoñernos ao capitalismo e os seus efectos.

Entre a pulsión restauradora e a transgresora, En Marea ou ben opta por profundar na transgresión e consolidar un espazo de ruptura que sexa partido e movemento e articule unha institucionalidade cooperativa, solidaria e común, ou ben recúa e se reconstrúe nun instrumento de competencia electoral. Non é unha encrucillada patolóxica, senón a expresión organizativa do desaxuste entre sociedade civil e sociedade política que a crise desvelou en toda a súa vella crueldade e o 15M e outras formas de impugnación souberon expresar. A elección do principal órgano de dirección de En Marea, o Consello das Mareas, reflicte en parte ese desaxuste conflitivo. Tamén desde o punto de vista da participación. Nese sentido, contrasta o elevado apoio electoral e a enorme corrente participativa que se produce principalmente coas mareas municipais, e tamén coas primarias de En Marea, coas escasas 1.500 persoas que votaron para o Consello das Mareas. Probablemente ese desaxuste participativo fala de cansazos e frustracións postelectorais, pero tamén expresa que a desafección respecto á normalización e as formas de representación que a acompañan segue a ser multitudinaria. Ese diferencial fala dun desinterese por participar naqueles espazos en que sobrevivan vellas formas de representación, do partido mediador e da súa relación coas institucións do réxime. O conflito confronta modelos de participación que esixen decisións comúns co sometemento á representación e a consecuente entrega incondicional de toda capacidade política. A encrucillada outra volta: ou En Marea cristaliza como expresión dun espazo de ruptura e contrapoder na sociedade civil ou se converte en suxeito electoral con forma de partido tradicional e se agarra á lóxica da representación. Ou sexa, esvaécese. Con todo, que este conflito se exprese de maneira máis ou menos aberta, como xa ocorreu no seu momento en Anova e en parte volveu ocorrer antes desta III Asemblea Nacional, demostra que a pulsión transgresora segue viva.

Toda encrucillada esixe elixir, e En Marea, dunha ou doutra maneira, elixirá. Ou un camiño de retorno, ou a articulación do espazo de ruptura mediante a recuperación do pulso asembleario, popular, de participación cidadá, que tivo o seu momento climático coas mareas e os procesos de confluencia das municipais. Lembremos: as organizacións políticas só como motores auxiliares. Cómpre, superar de vez a fase de coalición de partidos, que os sectores conservadores se negan a abandonar.

Nada volverá ser o que fora antes dos momentos políticos máis importantes dos últimos tempos: a fundación de Anova, a creación de AGE, o nacemento de Podemos e as municipais de 2015. A seguinte cita electoral tardará, e iso será un alivio para que poidan superarse certas dinámicas competitivas. Será en 2019, as primeiras municipais posteriores ás mareas. Coa necesidade de consolidar os gobernos de base popular e engadir outros novos, convidarannos a insistir na asemblea (non na mistificación da comarca e do territorio) como célula do suxeito común de ruptura e na capilarización por todos os espazos da sociedade civil para construír contrapoder. Alá onde exista ou se constitúa unha asemblea estará En Marea. Se queremos que se articule como espazo de ruptura e opere como motor de construción de redes de solidariedade, apoio mutuo e contrapoder, o corpo das mareas e candidaturas municipais de unidade e confluencia volverá ao centro do escenario. Ben conscientes de todo iso son o poder e os seus aparellos, que apuntan firmes contra os gobernos municipais de ruptura ao tempo que ven con bos ollos certos sinais de recondución institucionalista e identitaria de En Marea.

Urxe seguirmos encontrándonos no discurso e nos escenarios de ruptura. Neguémonos a normalizar En Marea nun partido electoral clásico. Non se trata de saír á rúa nunha ritual manifestación interminable, esoutro lugar común, senón de articular na sociedade civil un espazo que se proxecte na sociedade política mentres crea as súas redes e a súa propia institucionalidade. Eis o crucial labor que teñen por diante o Grupo Parlamentario de En Marea e o seu voceiro Luís Villares: ser na institución a expresión do que a multitude en proceso de organización expresa e decide en cada recanto da sociedade civil. Mandar na institución obedecendo as multitudes nas prazas, nas asembleas, en cada lugar de encontro. A encrucillada de En Marea só se resolverá ao reactivar a idea do partido movemento para articular contrapoder fronte ao Estado e os seus mecanismos de coerción e control, fronte ao privado e a súa imposición de condicións materiais e inmateriais indignas. Sempre o organizativo ao dispor e ás ordes do común. Parafraseando a Emmanuel Rodríguez e Brais Fernández, trátase de construír ese gran sindicato social cuxa expresión institucional sexa o cabalo de Troia ás ordes da multitude organizada.

A tensión entre o vello e o novo, en sentido gramsciano e leninista, é inevitable. Cómpre asumir sen dramas esa contradición entre a restauración e a ruptura. A crise do réxime e do sistema, da representación política e das propias relacións de produción, esixe novas ferramentas. As novas formas de organización traen canda si unha contradición que non opera nunha oposición simplemente espacial e nominalista entre dereita e esquerda nin, por suposto, entre nacionalismo e non nacionalismo, pois ambas se producen no interior do espazo normativo. Vai máis alá delas. Fala de agredidas e agresores, de espolio e saqueo, de explotación e lucro, de relacións de produción e clases sociais. Pregúntase Que Facer, Como Facer e Para Que Facer. En Marea está nesa necesidade de elixir cando menos o Como e o Para Que: con democracia radical, igualdade e decisións comúns; para romper con todo, para mudalo todo, para non deixar nada como estaba. Fronte a un proxecto conservador que non entendeu a tradución ao orgánico das esixencias políticas, un proxecto de movemento e ruptura que conciba toda política emancipadora como cambio radical. Esa é a encrucillada.

O reto inmediato consiste en enlazar persistentemente o instrumento En Marea coas experiencias de base asemblearia e popular das mareas e candidaturas municipais de confluencia e mais co discurso e as experiencias políticas heréticas e de ruptura que se viñeron sucedendo ata hoxe mesmo. Neses espazos se disputa o novo tempo político. Ou a fosilización nun vello instrumento electoral, ou a penetración en todos os patios e recantos da sociedade civil. Non é un problema de portavocías e liderados, que serán o resultado dos procesos e non a condición previa que os faga posibles, senón de modelo organizativo e por tanto de programa de ruptura. De que, de como, de para que facer. Non esquezamos todo o que nos trouxo ata aquí. Mesmo a necesidade de reinventarnos a partir das mellores experiencias do proceso.

Abandonar agora sería a máis absurda das derrotas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.