Imos a Montevideo!

A miña querida capital uruguaia (San Felipe e Santiago de Montevideo) naceu oficialmente o 24 de decembro de 1724 na beira norte do Río da Prata. Os seus primeiros poboadores foron canarios pero aquel bo porto natural axiña recibe a achega de milleiros de familias galegas. O seu esforzo honrado axudou a erguer un espazo de benestar onde vivir en paz. Quero convidar a desprazarse ata Montevideo xa que neste ano é moi recomendable facer unha visita. Os que viaxen terán a posibilidade de gozar de actividades culturais de carácter extraordinario. A recomendación baséase na miña experiencia de neno emigrante que agradece eternamente aos anfitrións que me recibiron con apertas no peirao cando baixei do “Cabo de Hornos” o 27 de novembro de 1958. Sei con certeza que encherán de emocións o seu corazón os que percorran as rúas arboradas e falen con xente dunha amable cidade que leva anos no máis alto do podio en calidade de vida.

Un goberno honrado. Certamente que a maioría dos turistas fai unha escolla por motivos relacionados coa riqueza paisaxística, monumental ou gastronómica. Poucos son os que pensan en se o país de destino é unha monarquía ou unha república. A República Oriental do Uruguai está a gozar dun período de sostido crecemento. Leva 14 anos ininterrompidos de estabilidade económica e financeira. As baixas taxas de desemprego fan que a poboación poida consumir, un feito que sempre freou a expansión dun mercado interno limitado pola súa escasa poboación. Hoxe hai alegría e movimento en todo o país. O éxito, sinalado por todos os organismos internacionais, non é froito da maxia. O progreso vai unido ao voto nas urnas. Cando espertan os cidadáns, despois de 15 anos de corrupción dos  partidos Colorado e Nacional, deciden que hai que suar en irmandade para conseguir un maior benestar general. Aquí vexo a clave do renacemento uruguaio. Unha gran maioría cidadá elixiu camiñar da man da “Fronte Ampla” para deixar atrás as trapalladas dos políticos tradicionais que estragaron o país. As obras están a vista de todos: centros educativos, hospitais, estradas e pontes.  O goberno investiu con criterio para avanzar na inclusión social e vertebración territorial. Antes, fóra da capital, case non se construía nada importante de titularidade pública. Hai poucos anos que na afastada cidade norteña de Bella Unión se inaugurou un moderno e completo centro hospitalario público. Os que desexen máis información poden falar con Susana Muñiz que é a presidenta da “Administración de los Servicios de Salud del Estado” (ASSE). Un tío paterno de Susana (nacido en Poio) era quen me cortaba o pelo na súa perruquería “La Escalerita” da rúa Ortíz de Zárate. Hai máis de 50 anos pero lembro que o nome viña de que a entrada estaba dous ou tres chanzos por enriba da beirarrúa.

A centenaria Cumparsita. O tango máis famoso do mundo é “La Cumparsita” con más de 2500 versións gravadas en todo o mundo. Naceu como tema instrumental para a comparsa de entroido da Federación de Estudantes Universitarios do Uruguai. O seu autor, G. H. Matos Rodríguez, é montevideano. A primeira interpretación pública do tango fíxoa a orquestra do mestre arxentino Roberto Firpo o 19 de abril de 1917 no bar “La Giralda” na esquina de “18” e Andes. Neste lugar está situado o Palacio Salvo, inaugurado en 1928, un dos símbolos arquitectónicos da capital uruguaia. O histórico edificio acolle o “Museo del Tango La Cumparsita” que é de obrigada visita. Os galegos seremos recibidos con especial agarimo xa que a directora do museo, Mónica, é filla dun emigrante pontevedrés. Na visita guiada, Mónica comentará que Matos Rodríguez encargou ao pontevedrés Vítor Soliño unha letra para a súa peza musical. O tempo foi pasando sen que don Vítor cumprise o seu encargo ata que o arxentino Pascual Contursi escribe unha letra que logo se fixo famosa pola gravación de Carlos Gardel. A historia da Cumparsita axuda moito, coido eu, a entender o especial carácter dos montevideanos. A capital é o porto onde ancoraron milleiros de ilusións de familias europeas na busca dunha lareira solidaria. Os fillos da emigración medran nunha espazo cosmopolita que necesita ter axiña unha identidade propia. O tango e o carnaval son moldeados polos emigrantes que atopan fértil terreo onde sementar o amor que trouxeron nos barcos. Montevideo leva séculos con algo de aire galego nos seus pulmóns e tamén con pingas de sangue galego en ducias de apelidos que están presentes desde os tempos coloniais ata no actual presidente Vázquez.

A paisaxe desde os outeiros. Certos feitos históricos merecen suliñarse para que os visitantes entendan como xurde un novo país sobre dos antigos lindeiros do Virreinato do Río da Prata. Entre xaneiro e febreiro de 1807 un exército inglés pon sitio a cidade. Logo en 1810 comeza a heroica loita do moi egrexio Artigas pola independencia. En 1830 nace oficialmente a República Ortental do Uruguai. En 1850 morre don Xosé no Paraguai. O pai da patria foi esquecido e traizoado. Era un home de ideas claras e incorruptible. O seu pioneiro proxecto de “Regulamento de Terras” de 1815 é hoxe valorado e estudado nas universidades pero no seu tempo foi moi contestado polos terratenentes. Disque era demasiado avanzado por entregar terras para traballar aos máis pobres en compensación por pelexar a prol da independencia. Poida que desde Artigas ata o presidente Batlle e Ordóñez non houbese no Uruguai ningún gobernante cunha auténtica visión democrática do país. Coido é necesario facer unha visita a dous outeiros montevideanos: O Cerro e o Cerrito da Vitoria. No cume do Cerro está situada unha estratéxica fortificación militar (hoxe é un museo) que defendía a baía de calquera ataque por mar. Desde enriba temos unha magnífica vista panorámica da cidade vella, porto e dos barrios de Capurro e A Tella. Na zona norte da cidade atopamos o Cerrito. Está coroado por unha moi grande igrexa católica o “Santuario Nacional del Sagrado Corazón de Jesús” inaugurada no ano 1926. Se vimos desde o centro, pola avenida San Martín, chegaremos enriba despois de subir pola rúa Bruno Méndez unha das costas máis fortes da cidade. Onde hoxe está a igrexa estivo o xeneral Oribe coas tropas que cercaron Montevideo entre 1843 e 1851. Foi o chamado Sitio Grande que enfrontou a unitarios e federais. Nesta época dentro das murallas vivían máis europeos (15.252) que nacionais (11.431). Os que desexen documentarse poden botar man de Alexandre Dumas. O escritor francés publicou en París Montevideo ou Une nouvelle Troie en 1850 que dedica Aux héroïques défenseurs de Montevideo.

A boa saúde da Casa de Galicia. En outubro a entidade asociativa Casa de Galicia cumpre 100 anos de vida. Podo adiantar que haberá festa rachada. A Xunta de Galicia colaborará para que a celebración sexa importante xa que estamos a falar da asociación emigrante máis grande do mundo con máis de 50.000 asociados. Os viaxeiros serán recibidos polo presidente Ramos que os atenderá na Sede Social diante da Santa de Francisco Asorey. O gran escultor cambadés homenaxea á muller galega con esta singular creación do ano 1926 en madeira policromada. Unha sorpresa para moitos que descoñecen que esta xoia da arte galega foi mercada por emigrantes montevideanos orgullosos das súas raíces. A Casa de Galicia fundouna un activo grupo que conducía o culto baionés Xosé María Rodríguez Barreiro. A misión era sandar os corpos e os espíritos. Por medio dunha cota mensual pódese asistir a diferentes actividades formativas e aos servizos médico-asistenciais. O hospital ou sanatorio foi inaugurado en 1957 e logo ampliado en 1979 e reformado no 2009. Nos vindeiros meses comezarán os festexos con actuacións musicais, unha mostra de cine galego e unha exposición conmemorativa. O peche de ouro terá lugar o sábado 30 de setembro coa Cea do Centenario. O arzúan Manuel Ramos erguerá a copa, ás doce da noite en punto, para brindar pola continuidade da Casa de Galicia e para lembrar aos esforzados pioneiros que puxeron a primeira pedra neste gran hórreo de solidariedade galega na capital uruguaia. Quixera achegarme a Montevideo para vivir a emocionante xornada histórica na que se unirá en aliaxe de futuro aos galegos de Rosalía de Castro cos seus descendentes artiguistas na Banda Oriental.  Imos a Montevideo!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.