Non ao desmantelamento do rural!

O medio rural é un espazo social, ecolóxico, económico.... dunha gran riqueza, cun patrimonio diverso, transmisor de múltiples valores -culturais, sociais, naturais, laborais, etc- que constitúen a esencia dos pobos do noso país.

A perda de servizos e recursos no rural, debido á aposta clara por desmantelar os servizos públicos, forza a quen vive nel a trasladarse cara as cabeceiras de comarca ou as cidades, buscando oportunidades e un futuro máis digno. O peche das escolas, a escaseza na oferta académica (media e superior) nos centros educativos das vilas, as deficiencias nos servizos (sanitarios, sociais, culturais, de lecer, etc) ou a inexistencia de transporte público que garanta a mobilidade da poboación son algúns exemplos significativos que evidencian e agravan a situación de abandono do rural galego.

O rural ten as súas debilidades e ameazas, pero tamén ten fortalezas e oportunidades: No rural estase producindo un empobrecemento pola merma de recursos e por ter menos servizos e máis custos, alén do despoboamento, illamento, envellecemento poboacional, etc. pero tamén hai posibilidades de xerar ingresos (autoemprego/cooperativismo, venta de produtos do campo, etc) e as necesidades básicas (alimentarias, de vivenda...) están cubertas, o que é unha forte ferramenta de axuda. E esencial traballar por, para e con a xente, xa que durante moito tempo as políticas públicas foron desvertebrando e relegando o rural a un segundo plano, sendo esencial e prioritario loitar e deixarse a pel para fomentalo e dinamizalo, ou en poucos anos desaparecerá por completo.  

O modelo de sanidade do goberno galego é un claro exemplo deste desmantelamento: medios e recursos diminuíron para toda a poboación, pero onde o abandono se ve de xeito máis contundente é nas dotacións que existían para o medio rural: os hospitais comarcais están sufrindo un desmantelamento enorme e se están recentralizando medios que antes estaban máis preto da cidadanía, co trastorno que isto conleva, entre outras cousas, en canto á mobilidade das persoas, desprazamentos, accesibilidade a servizos, incremento de custos económicos, etc.

Outra medida que contribúe a facer máis cara e custosa en xeral a vida no rural é o peche dos rexistros da propiedade:

Cómpre acudir a estes rexistros para calquera transacción significativa sobre parcelas rústicas ou urbanas, vivendas, construcións, etc. Polo que o seu peche conleva consecuencias negativas como: empeoramento do servizo (dilacións na tramitación dos expedientes), forza os desprazamentos a outros concellos para estes trámites, impacto negativo na economía local, en resumo: empeoramento das condicións de vida da veciñanza.   

En Ourense, entre os concellos afectados por esta medida atópanse Bande, Celanova, Ribadavia, Pobra de Trives, Viana do Bolo... xunto cos da súa área de influenza, que tamén se ven afectados.

Fronte a quenes apostan por estas medidas e queren consolidar a idea de que no rural non hai recursos ni oportunidades, contamos con grandes exemplos e referentes do contrario: de quen loita por mantelo vivo. Neste senso é de destacar o concello de Manzaneda, por poñer un exemplo, no que a pesares de contar con escasos recursos económicos, é o concello onde o investimento por habitante é maior, así como as partidas orzamentarias adicadas a servizos sociais, cultura, etc.  

O rural ten moitas posibilidades e potencialidades de futuro, pero débense implementar políticas que favorezan o seu desenvolvemento. É esencial a mobilización social e política na loita polo futuro do noso rural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.