0 Gardados para despois

Aurora Paz Viruet

O humor secuestrado. O retroceso da liberdade de expresión

Recordo aquelas clases maxistrais da carreira de Historia en Santiago de Compostela, nas que aprendías como a deriva da humanidade ó longo dos séculos está enchida de violencia, barbarie e tamén de grandes doses de estupidez humana e ridiculez. Os desatinos e crueldades que dabamos nas aulas eran logo comentados nos ratos entre materias na cafetería da facultade, e moitas veces o xeito de sobrevivir mentalmente ás atrocidades que debíamos estudar para exame (ás veces, no caso dos eventos máis recentes, con vídeos excesivamente gráficos e arrepiantes declaracións das vítimas que máis dunha vez sacáronme literais bágoas de horror e rabia no medio dalgunha clase) era refuxiarse na negra sátira, nun intento de mostrar a crítica e a condena dun modo racional e certamente analxésico.

Di a RAE que o humor é o “modo de presentar, comentar ou xulgar a realidade resaltando o lado cómico, risueño ou ridículo das cousas”. Nesta propia definición afírmase o matiz crítico do humor e a súa utilidade para poñer sobre a mesa os problemas da sociedade, actuando á vez de denuncia das inxustizas e de catarses da traxedia e do horror. Tal vez sexa por esa connotación crítica, e moi especialmente pola crítica social e política, polo que dende hai uns tempos vense facendo unha escandaleira cando a ofensa a certos colectivos sobrepasa uns supostos “límites do humor”.

Xa dende o secuestro daquela famosa portada de El Jueves o pasado 2007 ou a denuncia por “blasfemia” do 2012 a Javier Krahe por un vídeo feito en 1977, estamos a vivir pouco a pouco un retroceso perigoso na liberdade de expresión, que coa escusa da “ofensa aos sentimentos relixiosos” ou da “exaltación do terrorismo” censuran as opinións contrarias ao status quo. Por suposto, faise evidente que o fondo destas denuncias non é unha verdadeira ofensa, senón que todo o asunto ten un fondo político. O humor é o xeito máis leve pero á vez máis punzante de protesta, deixa moi claro o que va mal e saca a luz o grotesco de certas situacións, ideas e sectores, polo que debe ser censuralo. O humor fai dano ó réxime, pois é difícil defenderse del. A metáfora é daniña, a ironía é un arma, o sarcasmo un perigo social.

A Lei de Seguridade Cidadá aprobada no ano 2015, máis coñecida popularmente como Lei Mordaza, estableceu unha serie de directrices que, baixo a xustificación de reforzar a seguridade da cidadanía ante unha posible violencia nas rúas, endureceu as multas e as penas por todo aquilo que alterase a paz, como protestas ou manifestacións. En base a elo, abriuse tamén a porta á sinalización dunha serie de cidadáns pola súa disidencia, á denuncia de comentarios “que fomenten o odio ou poñan en perigo a convivencia política e a paz social”, chegando finalmente á censura nas redes sociais, hai uns meses co cantante de Def Con Dos, César Strawberry, e agora coa estudante de Historia Cassandra Vera.

Despois da sorprendente e disparatada polémica polo espectáculo de Drag-Queens no Carnaval das Palmas de Gran Canaria (atacada por certo por membros da igrexa ben coñecidos pola súa homofobia e falta de respecto a moitos colectivos), e nun delirante xiro dos acontecementos, o Concelleiro de Cultura da Coruña, José Manuel Sande, é de repente imputado pola Asociación de Viúvas de Lugo por mor dunha presunta “ofensa aos sentimentos relixiosos” polo cartel de Alberto Guitián do pasado Entroido. É verdadeiramente chocante como se pode montar unha polémica arredor dun cartel artístico e festivo, que pretendía precisamente celebrar o espírito satírico e trouleirán do Entroido coa reprodución dun dos disfraces máis típicos do festexo carnavalesco, que ata agora non pareceu exaltar sensibilidades nin facer dano algún aos crentes da fe cristiá. Que a denuncia salte agora e o faga, curiosamente, dende un grupo abertamente conservador contra un edil da “indesexable” Marea Atlántica, soa máis a campaña de acoso e derribo que a verdadeira ofensa relixiosa. O ataque a Alberto Guitián, veciño da Coruña e recoñecido ilustrador profesional, tampouco ten ningunha razón de ser. Unha das denunciantes chegou a acusar a este autor de ter “pouca cultura” por debuxar a un home disfrazado de papa nun dos seus carteis de Entroido; unha pregúntase tras oír tal cousa na mesma radio como se pode dicir en voz alta e publicamente que un profesional das artes como Guitián é unha persoa inculta sen se plantexar en que tipo de calumnia e ataque ao honor está a incorrer pola súa banda.

Chama tamén a atención como os mesmos que enchen a boca coa “liberdade de expresión”, e que chiaron horrorizados tras os atentados islamitas contra a revista satírica Charlie Hebdo, retornan a balavento á súa caverna escurantista da fe cando a relixión trouleada é a propia e non a allea. É especialmente irritante cando un dos comentarios máis escoitados e leídos por parte desta xente é que “con Mahoma non se atreven”, como se o perigo de ser asasinado fixera o acto humorístico máis nobre ou máis bravo. Tal vez porque, como dicía Darío Adanti na súa recente e xenial obra Disparen al Humorista, para o “club da respectabilidade” da fe “o mellor satírico é o satírico morto”.

Por outra banda, no caso da recente condena a un ano de cárcere para a transexual Cassandra Vera por tuitear unha serie de chistes sobre Carrero Blanco, a actuación da “policía do humor” é se cadra máis grave. Co pretexto de que a súa morte, como é sabido, fora perpetrada pola ETA nun atentado, afírmase de que ofender o recordo do sucesor do ditador Francisco Franco implica humillar tamén ao resto das vítimas da banda terrorista. Sen embargo, a popularidade destas chanzas sobre o repentino fin de Carrero mostra o insensata que é a idea de que a meirande parte da sociedade española desprece a dor das vítimas do terrorismo: estes chistes existen e coñécense en moitos ámbitos de diferentes ideoloxías e xeracións, precisamente porque o recordo desta vítima en cuestión, personaxe altamente escuro e sórdido da nosa historia recente, permitiu que o humor pasara por riba del durante décadas pese as circunstancias concretas do seu pasamento. Aínda máis clara queda esta diferenza respecto ás outras vítimas do terrorismo cando xente que viviu aqueles tempos recorda, sen temor a ser acusados de “pro-etarras”, como a desaparición de Carrero Blanco lles supuxo un gran alivio e como esa foi, tal vez, a primeira porta que se abriu cara a democracia en España.

A maiores, o feito de que a acusación realizada contra Cassandra incluíra diferentes tuits escritos de xeito salteado durante un período de cinco anos, fai sospeitar dunha posible persecución premeditada, como podería terlle ocorrido a calquera outro, nunha sorte de busca dun chibo expiatorio co que mandar un certeiro aviso á sociedade para sementar o medo á crítica, incluso a máis riseira, e que esteamos calados e submisos.

A condena é tan descabelada e desproporcionada que ata a propia neta do finado, Lucía Carrero-Blanco, pronunciouse recentemente nunha carta enviada ao diario El País afirmando que, pese á fealdade dos tuits, lle asustaba a existencia de “una sociedad en la que la libertad de expresión, por lamentable que sea, pueda acarrear penas de cárcel”. Trátase do habitual e decididamente porcallento e desvergoñado emprego da pantasma do terrorismo de ETA con fins políticos, chegando esta vez á insolencia de equiparar a un fascista co resto das vítimas do terrorismo, convertendo a un coñecido verdugo pouco menos que nunha especie de mártir, para retorcer e suavizar unha vez máis a lúgubre memoria da ditadura franquista e calar a voz do pobo que tanto molesta.

Por se fora pouco, os censores da sátira internauta pecan dun evidente “doblevarismo”. A mesma persecución enconada que a fiscalía fai contra o escarnio de sinistros fascistas membros dun réxime xenocida non se observa sen embargo sobre as burlas que moitos outros tuiteiros fan sobre as vítimas do franquismo, ou sobre as violentas ameazas que moitos deles lanzan contra persoas concretas, xente principalmente do ámbito de esquerdas, colectivos LGBT, e moi duramente contra feministas (chegando nalgúns xeitos ás ameazas de violación e ata de morte). Estes individuos reivindican sempre a voz en grito a “liberdade de expresión” para defender o seu dereito ao insulto das vítimas do “outro bando” como aquela desagradable declaración sobre que “los familiares de las víctimas del franquismo se acuerdan de desenterrar a su padre sólo cuando hay subvenciones”; reclaman “liberdade de expresión” para acosar a inmigrantes e amedrentar aos refuxiados; esixen “liberdade de expresión” para perseguir ao colectivo LGBT ou fletar autobuses tránsfobos por todo o país (e fóra del) transmitindo mensaxes de furibundo odio directo que non teñen xa cabida nunha sociedade democrática coma a nosa. Por iso, cando acusan a satíricos e tuiteros de “transmitir odio” contra a relixión ou a memoria dun fascista, non podo evitar recordar as palabras do xenial músico e humorista Tim Minchin: “A historia da Igrexa Católica dicindo que a homosexualidade é pecado é parcialmente responsable de miles de suicidios ao año; este (na miña opinión) é o verdadeiro discurso de odio”.

Fóra de España chama moito a atención o feito de que, existindo unha lei contra a exaltación do terrorismo, non exista unha semellante contra a exaltación do fascismo, como así existe noutros países europeos. Pódese insultar e ameazar ás persoas “de esquerdas”, pero non se poden facer brincadeiras sobre a relixión ou o franquismo. O problema por tanto non é que se ofenda ós mortos mediante humor negro: o problema é que tipo de mortos son os ofendidos e cales se considera que merece a pena defender mediante a xustiza. O problema é, en definitiva, que a voz do pobo non quere ser escoitada e que, como dixo José Antonio Labordeta un día que non puido máis e estoupou no medio do Parlamento, ós herdeiros do réxime franquista que conforman a nosa falseada democracia fastídialles que, agora que os “desherdados” temos por fin ampla representación no Congreso dos Deputados, estes perdedores da historia por fin poidamos falar, opinar, lexislar e sobre todo ameazar os seus rancios e cavernarios privilexios dun pasado que saben que non van recuperar.

Finalmente, e tras todo o antedito, en Esquerda Unida de A Coruña insistimos no noso apoio a José Manuel Sande e a Alberto Guitián, do mesmo xeito que a Cassandra Vera, a Drag Queen Drag Sethlas e a todos os afectados por este retroceso histórico que é o suposto crime de “desprezo, deshonra, burla e afrenta” na que pareceu volverse a xolda satírica, e recordamos que destruír o humor e a sátira significa destruír a liberdade de expresión e de pensamento, e que implica de feito demoler un dos principais piares do noso Estado de Dereito e da nosa Democracia.

“’Ofensa’ é o último cravo ao que os fanáticos relixiosos se agarran cando quedan sen argumentos racionais ”. Richard Dawkins

Acerca de Aurora Paz Viruet

Consello Político Local – Esquerda Unida de A Coruña