San Petersburgo como síntoma

Todo tipo de suspicacias móvense en torno ao escuro atentado terrorista acaecido o pasado 3 de abril en San Petersburgo, con saldo preliminar de once mortos e decenas de feridos. Sen reivindicación ningunha ata o momento, este atentado ocorre nun contexto de complexidades para o presidente ruso Vladimir Putin. As sospeitas preliminares obviamente enfocan sobre a presunta autoría do Estado Islámico, particularmente motivadas pola intervención rusa en Siria desde 2015, e da posible proliferación de redes xihadistas espalladas dende o Cáucaso ruso ata Asia Central, tomando en conta a procedencia kirguiza do presunto autor. Non obstante, o escenario aborda igualmente todo tipo de matices que complican unha diagnose mais certeira sobre as causas deste atentado e as implicacións xeopolíticas que o mesmo pode ter, principalmente para Rusia.

Tanto como a capital Moscova, San Petersburgo identifica o centro neurálxico do poder ruso. En materia de terrorismo, con anterioridade Rusia xa recibira atentados similares dentro deste centro neurálxico de poder, con elevadas cifras de mortos. Todos eles ocorreron en Moscova. Os mais importantes foron o secuestro no moscovita teatro Dubrovka en 2002 por parte dun comando chechén (170 mortos), así como tres atentados (dous en 2004 e un en 2010) no metro de Moscova, con saldo aproximado global dunha centena de mortos.

Outro atentando relevante contra obxectivos rusos aconteceu en 2004 nunha escola en Beslán, república de Osetia do Norte no Cáucaso ruso, con 334 mortos, a metade nenos, e cuxa autoría foi atribuída a grupos islamitas chechéns e ingushetios. En 2015, o Estado Islámico reivindicou o derrube dun avión que cubría a ruta dende o balneario exipcio de Sharm el Sheij ata San Petersburgo, con 224 pasaxeiros e tripulantes mortos, case todos rusos.

 

A pista xihadista

As autoridades e a poboación rusas asumen que o seu país é un obxectivo estratéxico para atentados terroristas. Por tanto, esta perspectiva planea inmediatamente á hora de analizar as causas do ataque ao metro de San Petersburgo, que pode modelarse entre a pista chechén e caucásica ata a penetración de redes xihadistas islamitas, afiliadas ou non ao Estado Islámico ou Al Qaeda.

Non obstante, a pista chechén pode perder forza ante a brutal “pacificación” de Chechenia en tempos de Putin, investimentos económicos mediante. Moscova fortalece este marco coa perpetuidade dun sistema de autocracia represiva encarnada no seu “delfín” Ramzán Kadírov, que permitiu a aparente neutralización dos elementos separatistas e nacionalistas no Cáucaso norte baixo soberanía rusa, principalmente establecidos nas repúblicas de Chechenia, Daguestán, Ingushetia, Kabardino Balkaria e Osetia do Norte. Pode por tanto que esta presunta debilidade dos grupos separatistas caucásicos dificulten notablemente a perspectiva de atribuírlles directamente a autoría do atentado de San Petersburgo.

A complexidade aumenta ante a inexistencia dunha reivindicación clara sobre o atentado de San Petersburgo. Horas despois do mesmo, as autoridades rusas, en cooperación dos servizos de seguridade de Kazajstán e de Kirguizistán, identificaron a Abjarzhon Dalilov, un mozo kirguizo de 22 años, como o presunto autor.

Se ben con nacionalidade rusa, Dalilov provén da localidade kirguiza de Osh, que ten rexistrado nos derradeiros anos unha intensa actividade de proliferación de redes xihadistas e islamitas. De verificarse a pista kirguiza, este contexto revelaría a cada vez maior expansión de militantes desas repúblicas centroasiáticas ex soviéticas, así como do Cáucaso ruso, en redes xihadistas, afiliadas ou non ao Estado Islámico.

No caso caucásico, esta expansión de militantes é mais evidente desde a recente creación do Vilayat Kavkaz, ou Emirato do Cáucaso, con epicentro en Chechenia, Daguestán e Ingushetia. Este grupo orixinalmente correspondía a unha filial caucásica do Estado Islámico que finalmente terminou vinculándose con Al Qaeda, o principal rival do Estado Islámico na supremacía polo control das redes xihadistas a nivel global.

Este contexto intúe, por tanto, unha crúa loita de poderes entre ambas organizacións polo control da denominada “fronte rusa” do xihadismo. No caso caucásico, o aparente apaciguamento dos elementos separatistas chechéns reforzou as expectativas dos grupos xihadistas por aumentar a súa presenza, evidenciándose incluso un pulso de poder trala creación do Emirato do Cáucaso.

Aquí tamén observouse un traspaso de liderados da orixinal fonte chechén a favor do ascenso de líderes daguestanís. Diversas fontes de intelixencia confirman a existencia de máis de 2.000 muyahiddin o combatentes xihadistas rusos en Siria, o cal fai de Rusia o maior exportador de combatentes para o Estado Islámico fóra do mundo árabe.

Así e todo, desde 2016 vense rexistrando unha forte expansión de redes afiliadas ao Estado Islámico por Asia Central, contando incluso coa colaboración de grupos islamitas alí existentes (Movemento Islámico de Uzbekistán) e incluso dos talibáns en Afganistán e Paquistán. Neste último apartado, o punto gravitacional de irradiación destes grupos tamén alcanza a Kirguizistán e a fronteira con China, en particular dentro dalgunhas redes xihadistas e separatistas establecidas na rexión autónoma chinesa de Xinjiang.

A razón da expansión de redes centroasiáticas por parte do Estado Islámico ten especial incidencia tralas ofensivas por parte das forzas leais ao réxime de Bashar al Asad, con apoio ruso, en Aleppo (Siria), así como da coalición internacional dirixida por EUA en Mosul (Iraq). O corredor Aleppo-Mosul era o centro neurálxico de operacións del Estado Islámico en Oriente Medio, cuxo bastión queda agora practicamente confinado á localidade siria de Raqqa.

Por tanto, a necesidade de expandir este centro de operacións do Estado Islámico cara Asia Central e o Cáucaso ruso era un imperativo estratéxico para esta organización. Esta expansión ven sendo unha información recorrente nos servizos de intelixencia rusos e rexionais.

En setembro de 2016, o Estado Islámico nomeou como xefe militar a Gulmurod Khalimov (41 anos), natural de Tadxikistán. Antes de unirse ao EI en 2015, Khalimov foi adestrado en forzas especiais antiterroristas tanto polo goberno tadxiko como por Rusia e EUA. Trala súa experiencia combatente en Siria co EI, Khalimov asumiu o seu novo rol como xefe militar en substitución de Tarján Batirashvili, de nacionalidade xeorxiana, mellor coñecido como “Umar o Chechén”. Batirsahvilli morreu en xullo de 2016 tralo bombardeo estadounidense a Mosul.

Este contexto probablemente pode explicar o presunto recrutamento do mozo kirguizo para atentar (baixo a modalidade de “lobo solitario” xa anteriormente presentadas noutros atentados) directamente nalgún centro importante do poder ruso alén de Moscova.

Desde finais de 2016, o servizo de seguridade ruso FSB ven rexistrando numerosos movementos de presuntos terroristas encubertos dentro da vasta comunidade de traballadores inmigrantes centroasiáticos existente en Rusia. Así, viñan sendo frecuentes as detencións de varios sospeitosos que presuntamente planificaban atentar en Moscova e San Petersburgo. Outras informacións aducían de labores de adoutrinamento por parte de membros destas redes dentro das comunidades de inmigrantes centroasiáticos, frecuentemente estigmatizados e marxinalizados dentro da sociedade rusa.

 

Os equilibrios de Putin

Este atentando de San Petersburgo ocorre igualmente nun momento de tensión nas relacións entre Rusia e Occidente sobre as presuntas conexións do Kremlin en EUA e Europa, e que se enfocan principalmente de cara á administración de Donald Trump así como das presuntas conexións rusas con líderes populistas en Europa.

Paralelamente, este atentado acontece subitamente nun momento en que diversas protestas contra a corrupción comezaban a potenciarse en Rusia, con numerosas detencións. Desde a súa derradeira reelección en 2012, Putin prohibiu a realización de protestas en Rusia, toda vez están convocadas eleccións presidenciais para 2018, onde Putin busca outra reelección que lle permita unha maioría parlamentaria para impulsar unha reforma constitucional que permita a reelección indefinida.  

Por tanto, a presunta implicación xihadista no atentado de San Petersburgo pode reestruturar un equilibrio de poder no que Putin agarda manter os seus imperativos estratéxicos. Semanas antes do atentado, Putin recibiu no Kremlin ao presidente israelí Benjamín Netanyahu, ao presidente turco Recep Tayyip Erdogan, ao seu homólogo iraniano Hassan Rouhaní e a Marine Le Pen, candidata da Fronte Nacional para as eleccións presidenciais francesas do próximo 23 de abril.

O mesmo día do atentado, Putin recibía precisamente en San Petersburgo ao presidente bielorruso Aleksandr Lukashenko nunha visita que selaba a reconciliación ruso-bielorrusa. Estas disputas víronse recentemente afectadas polos problemas de enerxéticos e de subministro de gas ruso, así como polo distanciamento de Lukashenko co respecto a Putin polo conflito ucraíno e o non recoñecemento de Minsk ao retorno de Crimea á soberanía rusa en 2014.

Tanto Le Pen como Trump teñen feito causa común con Putin na estratexia de loita antiterrorista, aspecto que pode acelerarse aínda mais tralo atentado de San Petersburgo, abrindo canais de cooperación que poden reducir a tensión ruso-occidental. As expresións de solidariedade por parte de Trump e Europa tralo atentado de San Petersburgo pode servir a Putin para equilibrar os seus apoios e a solidariedade internacional na perspectiva de colocar a loita antiterrorista como unha estratexia chave da seguridade internacional.

Pola súa banda, as visitas de Netanyahu, Erdogan e Rouhaní son igualmente estratéxicas para a xeopolítica de Putin, principalmente no fortalecemento das alianzas rusas na contorna euroasiática e de Oriente Próximo.

Israel vese convertendo nun súbito aliado de Putin dentro da súa estratexia en Oriente Próximo, co cal o presidente ruso agarda consolidar a Rusia como un actor de equilibrio nas tensións rexionais enfocadas na guerra siria e na confrontación entre Israel e Irán polo programa nuclear iraniano. Paralelamente, Israel alberga unha importante diáspora rusa que Putin desexa aproveitar como actor relevante, particularmente no sector turístico e de investimentos económicos.

Pola súa banda, Turquía celebrará o próximo 16 de abril un referendo de reforma constitucional na que Erdogan agarda consolidar un sistema presidencialista de corte vitalicio. No caso iraniano, o país persa irá a eleccións presidenciais o próximo 19 de maio, onde Rouhaní busca a súa reelección. Putin mantén as expectativas das vitorias electorais de Erdogan e Rouhaní que lle permitan afianzar os seus imperativos estratéxicos.

No obstante, este atentado tamén revela certas fisuras en materia de seguridade interna para Rusia, acrecentando as implicacións que este aspecto ten desde o exterior. En mente están dous eventos deportivos. Rusia organizará en 2017 a Copa FIFA de Confederacións e no 2018 o Mundial de Fútbol, os cales potenciarían as expectativas rusas de atracción de turistas e de investimentos estranxeiros.

Para líderes populistas como Le Pen, Putin é observado como un aliado que pode axudar a reducir a dependencia estratéxica que Europa ten con Washington, toda vez Rusia é observada por estes liderados como unha especie de “muro de contención” do xihadismo islamita terrorista. Pero o atentado de San Petersburgo pode ensinar que a realidade é moito mais complexa do que parece. Putin pareceu explicarlle moi ben estas complexidades a Lukashenko momentos antes do atentado: “debemos estar preparados para todo (…) ante a enorme cantidade de retos aos que se enfronta o mundo”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.