0 Gardados para despois

Carlos Neira Suárez

Son un mareante

Son un mareante. Son un de entre toda a xente que se creu o proxecto da marea, entendido como dende os promotores se explicou, a unidade popular, a confluencia, a mestizase, a participación, a transparencia, a revolución nas formas e nas maneiras para unha transformación radical e democrática da sociedade.  E non obstante, non vou recibir a carta que Anova manda aos militantes para atacar á parte máis grande da marea.  Por iso, esta debería ser unha carta a Antón Sánchez, o portavoz de Anova, mais só sera unha explicación ás xentes seguidoras de Praza e a súa continuidade nas redes.

Non vou esgrimir argumentos filosóficos, nen acudir a toda esa palabrería que –ben se víu—acabou baldeira de significados. A miña solvencia é apenas a de ter participado dende o primeiro momento (o das plataformas municipalistas) en todos os eventos, convocatorias ou chamadas a facer encontros da unidade por baixo, dígase Encontro pola Marea, Iniciativa pola Unión, Mareas en Común e tantas ocasións preparatorias do que había de rematar en En Marea.

En Marea foi todo o contrario do que se dixo, primeiro negando as posibilidades mínimas que houbo para a unidade total da esquerda situada por este lado do PSOE, e acometeu as eleccións xeraís, a de decembro 2015 e a súa repetición de xuño do 2016 como a máis simple e escura coalición de partidos, con toda a xoldra do prometido grupo parlamentar galego.

Agradecín as tentativas que, quizáis únicamente pola banda de Anova,  houbo para abrir aquel pacto partidario ás xentes que estabamos no traballo municipal e de base, e vin na chamada dos tres alcaldes unha oportunidade de desbloqueo que tivo un fito, forzado e caótico, na asemblea de 31 de xullo do 2016 en Vigo. Dende entón, e pese a un proceso confuso, sinuoso, escuro e cínico, logramos entre tod@s dar pasos que axudaran a configurar o arelado suxeito político galego, a súa organización de base e os órganos de dirección e representación máxima.  Serva isto de limiar para abordar o que é a situación actual.

Todos os transos dende a asemblea de Vigo e posteriormente a asemblea de Decembro en Santiago, permitiron comprobar que só e únicamente existe unha diferenza de fondo entre os actores do proceso. Dunha  parte aquela  que mantén unha lóxica, mecánica e intereses da coalición dos partidos e, máis aínda, de posicións individuais  que tenden a defender ubicacións orgánicas e mesmo económicas no aparato ata agora preexistente que administra en reparto clandestino os recursos obtidos na representación parlamentaria no Congreso dos Deputados.

Da outra, o disperso, desorganizado –nunca deixaron—  e benintencionado exército de militantes no traballo local cuxa única intención é a de dar pasos para facer a marea á que fumos convocados.

Que ninguén dea en equivocarse, non hai dúas visións a respeito da loita política, non hai unha parte revolucionaria e antisistema fronte á outra colaboracionista ou entregada ao réxime.  A apelación ao vocábulo “Termidor” que en invocación aos aguerridos militantes do asalto aos ceos fai un fabulador filosófico con mando en praza de Anova, parece máis un aparello de cociñar ou un medicamento para as afeccións cordiais.  Non hai, como gostan dicir, dúas tendencias, a auténtica da unidade popular que só eles representan fronte á outra, que o que quere e reunificar o nacionalismo e volver ao pasado.   Non hai, como engaden, a banda partidaria de só traballar nas institucións fronte á outra que tería na rúa a súa acción principal e sólida.  Non hai, como suliñan, elementos magníficos da acción revolucionaria para que todo cambie fronte aos outros que son vellos caducos da vella política.   Non hai diferenza de proxecto se imos aos principios que Xosé Manuel Beiras explicou tantas veces. Ou si. Si, porque son as xentes que resolveron finalmente actuar con criterios democráticos e impuxeron a súa maioría no Consello da marea os que seguen eses principios e obxectivos.

A alianza constante do tripartito da coalición, ao que se lle engadiu dende o principio, actuando como un partido máis, con dereito a cota e privilexios, presente sempre nas mesas e con toda clase de exixencias, a Marea Atlántica, nunca quixo que a marea botase a andar.  Aí está a explicación de que, dende case hai dous anos, a famosa unidade popular tivese só dous encontros, os de Xullo e Decembro do 2016. Foi esa alianza a que neste último plenario quixo impedir mediante unha incompatibilidade o dereito de Luis Villares a ser membro tamén do Consello e Coordinadora. Perdeu, con tanta claridade (10 a 1) que mesmo eu fun sorprendido de que tornaran co tema.   Foi esa alianza a que impediu que a pretendida e traballada lista de consenso que habería de presentarse á afiliación por parte de Luis Villares tivera tan pouco resultado, servindo só para unha intentona de asegurarse unha maioría no Consello, limitando con proposta normativa agochada o papel de LV na organización.   O seu triste afán por impór mediante chantaxe de abandono e toda clase de presións unha composición e disciplina da lista denominada Máis Alá, que sen dúbida tería que haberse chamado Máis Coalición, deu na lóxica reacción de xentes que ficaban relegadas coa presentación doutras dúas listas.

E acó está o miolo, Primeiro, manipularon o concepto de proporcionalidade, un imperativo estatutario da marea e unha exixencia democrática, para furtarlle un membro a unha das listas presentadas.  Teño vergoña dos argumentos usados para desbotar o recurso que esta lista presentou. 

Logo,  pretenderon usar a lista electoral como se dun partido se tratase, contaron con obediencia e erraron.  Sete persoas vírono doutra maneira, convencidas de que agora o que hai é un Consello de 35 persoas que deben ser libres, iguais, adicadas ao mandado do corpo electoral, do conxunto de mareantes, sen máis. Que tiñan que elexir unha Coordinadora e un Portavoz.    Meteron á marea, un conxunto de xentes serias que esperaban máis dos cadros dirixentes, no paradoxo de que o que encabeza a lista gañadora non pode segundo eles estar no órgano máximo de representación con pleno dereito.  Inventaron, para lograr con manganchas e nas mesas o que non logran nas asembleas e nas votacións.

A alianza é responsabel de ter dado paso a un –nisto si—fraude estatutario e de dereitos democráticos con ocasión das eleccións ao Parlamento Galego cando permitiu a integración dun censo alleo, unha ampliacion de prazos para unha parte, e a votación sen identificación, comprobación de procedencia e garantías.  Foi esa alianza quen permitiu que despois de intensas negociacións que resultaron negativas con Podemos (lembren, Bescansa e Echenique) fose un caneo de Xulio Ferreiro con Pablo Iglesias o que puxo a andar a ficción da unidade.

Anova, a Marea Atlántica, Esquerda Unida e unha parte de Podemos manteñen esa ficción de acordos orgánicos.  Esquerda Unida non está na Marea.  Podemos tampouco non. Atendamos a Carmen Santos, a Secretaria Xeral mentres ninguen diga o contrario. Os que quedan nos aparatos –que nunca os vemos nas plataformas locais dando conta—pretenden que a marea é deles. E non o é. 

Por baixo, sí, as localidades están a facer un traballo conxunto, con xentes de todas as procedencias e proxectos. E daí saiu a maioría para o Consello. 

Non se preguntan os que nestes días parecen ter atopado o inimigo máis factibel en Luis Villares como pode ser que os partidos cos seus teóricamente poderosos aparatos, financiados, con tempo libre os seus cadros, flanqueados polos tres alcaldes (Martiño tamén), con medios de comunicación máis asequibeis, contando coa fidelidade propia da militancia, contando con todo non puideran impórse ao desfarrapado exército de mareantes sen outra arma que a do seu convecemento no que a marea significa.

Sodes uns aparatos fracasados, porque non estades no certo. Porque non queredes recoñecer que non sabedes ben en que país vivimos.  Porque non chegasteis a comprender que os obxectivos aos que fomos chamados son, si, unha boa razón para a loita.   Porque infravalorasteis a vontade da xente, a vontade popular. No voso afán, deixásteis de lado as propostas básicas de Beiras, e as súas recomendacións ùltimas sobre a situación.

A maioría do Consello fixo o que hai tempo había que facer.  A Coordinadora resultante é magnífica, chea de mulleres mui válidas, con pluralidade de organizacións políticas e dos territorios do país.  Pudo ser mellor, se tiverades aceptado a presenza de 4 de vós –un por cada organización da ficción de aliados—mais escollesteis unha batalla cuxo único fin é o de danar á Marea.  Porque iso si concorda coa vosa última intención, a de que En Marea sexa únicamente o marbete cidadán na oferta de coalición.  A historia repetida, vaia.

Vai ser distinto, veredes. Xa antes do Plenario, comprobaredes que a marea vive, que arrinca, que se pon en marcha.  Atentos á toponimia galega, que estará continuamente a amosar olas da marea.   E no Plenario, vémonos.  A ver se conseguides que me equivoque, e que as bases dean en estar en contra de que a marea viva e se desenvolva.  Con Luis Villares. Tamén.

Acerca de Carlos Neira Suárez