0 Gardados para despois

Gustavo Peaguda Pérez

O Encontro X. Unha historia que se levara o vento non ferido de Compostela

A Henrique Monteagudo, Pere Tobaruela e a familia Casares.

Éme moi difícil escribir sen partir duna vivencia concreta. Carlos Casares

Nunha palabra –dixo Cormery, que non coñecemos a ninguén. Albert Camus

¿Será que a felicidade só e posible na inocencia do descoñecemento?. Dolores Vilavedra

El dialogo, si de verdad, tuvo lugar, fue algo así. Lázaro Covadlo

*

Ata que as súas voces saíron das súas bocas, un silencio denso e de funeral presidía o seu salón* decorado de acordo cas últimas tendencias destacadas polas revistas de decoración e ás que os dous dedicaban moito tempo do seu lecer. Un salón, polo menos polos seus mobles, nada groseiro. Un salón tan elegante coma a música de Neil Hannon e Irantzu Valencia. Arranxos de orquestra.
M.: Onde estiveches pola tarde?
G.: Na libraría Couceiro. Na presentación da biografía de Carlos Casares, o escritor a quen lle dedican este ano o día das letras galegas, escrita polo profesor da Universidade de Santiago Henrique Monteagudo. Estivo,sabes, moi entretida. O acto presentouno o director da editorial, Francisco Castro, que edita o libro  e consistiu nun longo dialogo entre o autor da biografía e un escritor de Xinzo de Limia, que non coñecía e que ten cara de boa persoa, e que se chama Antón Riveiro Coello. Que ben falan esta xente e cantas cousas saben!
M.: (cunha cara froito da mestura de vergoña e asco) Non che creo! Dende cando vas ti a presentacións de libros se non che gustan os libros nin ler. O derradeiro libro que liches foi no derradeiro ano da básica. É máis, se escapas dos libros porque che producen ,segundo dicías ti, urticaria, aínda que non é certo, non lembras o que che dixo fai dous anos o irmán de Juan , o doutor Fonseca, cando o visitamos a súa consulta por recomendación do teu pai, o seu paciente imaxinario: G…, a causa da túa urticaria non é o contacto cos libros que emprega a túa muller para decorar o voso salón. A túa urticaria é a que se chama urticaria acuagénica. Aparece polo contacto coa auga. Non che creo! Estás mentindo.
G.: (facendo a sinal da cruz cos dedos sobre os beizos.) Estouche a dicir a verdade.

De novo o silencio denso e de funeral apoderouse do seu salón perfectamente decorado e no que destacaba unha mesa na que había colocados a vinte e cinco centímetros de distancia un do outro dous libros de grandes dimensións. Un titulado Las Vanguardias Rusas e outro titulado Carlos Maside.

 

Nota Bene.

*O autor ao non ser un lector profundo das obras de William Saroyan non puido escribir: estaban sentados na sala que os dous detestaban.
*

Dende fai un ano e catro meses e dous días, G ten dúas afeccións que mantén ocultas a súa muller. En vinte anos de vida en común é a primeira vez que lle oculta algo. Nunca tiveron secretos.

As dos novas afeccións de G son ler e bailar northern soul. Todo empezou cando leu, por casualidade, no ambulatorio a primeira folla de O Primeiro Home de Albert Camus (o libro de Albert Camus deixarao esquecido a propietaria dunha libraría que trocou a súa adición a dexedrina pola adición ao azucre e a literatura francesa)  e cando escoitou a Chuck Wood cantar Seven Days Too Long.

Dende aquel día en que caeu nas súas mans o libro de Albert Camus, G leu sentado na súa cadeira Breuer ao lado da venta pulida do seu salón varios libros, entre eles  O principiño de Antoine de Saint Exúpery, La saga/fuga de JB de Gonzalo Torrente Ballester,  Bichos de Miguel Torga, O signo dos catro de Arthur Conan Doyle Dime que me quieres aunque sea mentira de Montserrat Roig, Conversación con el monstruo de Lázaro Covadlo, Vento Ferido, O sol de verán, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul,  Ilustrísima, Cambio en tres, Os escuros soños de Clio,  e Xoguetes para un tempo prohibido e Un país de palabras de Carlos Casares, e dedicou horas e horas, sempre as agachadas da súa muller, a bailar con The Flirtations e o seu Nothing But a Heartache e con Jackie Wilson e o seu Workout.

*

Pasados dez minutos, o silencio denso e de funeral que dominaba o seu salón, presidido por unha reprodución dun cadro de Tamara de Lempicka, foi de novo roto polas súas voces.
G.: (coa cara dos que saben que esta a dicir a verdade) Mira!, mira! ves esta foto que fai un intre un dos asistentes* a presentación do libro colgou no Facebook. Non é este o meu lombo? Non é este o meu lombo co xersei que me regalaches polo día dos namorados?
M.: (sorprendida): Pois si, tes razón. Ese é o teu lombo, por certo cada vez tes máis chepa, e o xersei que che regalei. Pero aínda así, sinto unha enorme e profunda pena, porque vinte anos de vida en común non son suficientes para coñecer a unha persoa. Non, non son suficientes.
G.: Non te preocupes.  Take me in your arms and love me.
M.: (dixo con picardía) Troleiro!
O seu salón decorado con mobles con nome propio quedou en silencio e a escuras. A felicidade.

 

Nota Bene

O asistente que colgou a foto do acto de presentación na libraría Couceiro do libro Carlos Casares Un contador de historias de Henrique Monteagudo (Editorial Galaxia. 2017) foi o autor de Antela e o vento. O escritor  Pere Tobaruela.

Acerca de Gustavo Peaguda Pérez