0 Gardados para despois

María Xosé Queizán

Os irmáns da morte

Ver un sacerdote actuando como capelán, nun hospital inglés, holandés, francés, sería algo estrambótico. Como un polbo á feira nun sagrario, ou pór unha sotana para traballar nunha central nuclear. Son democracias laicas.

En España é normal velos. A Xunta destina unha partida de 650 mil euros este ano para contratar 52 sacerdotes como capeláns nos hospitais do Sergas. Ninguén se asusta diso neste país onde a Igrexa continúa tendo un grande poder. Por iso máis de 40 millóns do IRPF vai para financiar os salarios dos cregos españois. Están en nómina do Estado: os profesores de relixión; os capeláns dos hospitais; os cregos do exército e os de prisións.

Que sexa normal a existencia de curas nos hospitais, non quere dicir que sexa coherente. O hospital é un lugar onde se curan enfermidades con métodos científicos. Onde traballan profesionais da medicina e enfermería que, mediante os coñecementos adquiridos, teóricos e empíricos, o uso de maquinaria específica, de medicamentos adecuados, etcétera, procuran sandar os corpos e mellorar a saúde da cidadanía enferma con descubrimentos e razoamentos investigados nos laboratorios.

Os relixiosos son seres contrarios a toda razón, que cren na existencia de cousas inmateriais, en almas incorpóreas. Desde a súa crenza no dualismo, as persoas teríamos corpo material e alma espiritual: algo que non se ve. Partindo deses absurdos, queren estar, como certos animais, no momento da morte dos enfermos para recoller esa alma que sairá como fantasma do corpo moribundo. Eles son salvadores de almas e as dirixen ao ceo, lugar marabilloso. Se o cura lle dá a bendición ao moribundo, salvará a alma de calquera pecadenta/o ao separarse do corpo.  Para manter esta incongruencia, a Xunta dá un diñeiro que debería ser aproveitado para mellorar o funcionamento dos hospitais.

Hai quen di que a alma é a mente. Pero ninguén pode separar a mente de cadanseu cerebro. Nin poden ser inmortais unha vez separadas. Os mitos relixiosos non teñen respaldo nin teórico nin empírico. Daquela, nun hospital, onde se adopta a perspectiva científica, non caben os fantasmas sagrados.

Os cregos no hospital presaxian a morte. O mesmo que algúns integrantes da Lexión Española, que visitaron ás criaturas ingresadas na planta de Oncoloxía no Hospital Materno de Málaga.

Que susto non levarían as pobres cabeciñas rapadas, pola terapia contra o cancro, ante o desfile duns xigantes barbudos, cantando a todo pulmón: “Soy hermano de la muerte” ! De que cabeza sairía semellante visita? Estrambótico non é unha palabra que chegue para definir esa experiencia. É desagradable, inoportuna, macabra, incluso indecente. Como se atreven a levarlle a palabra morte a esa infancia ameazada por unha enfermidade mortal?

Que cousas pasan nos hospitais españois! Menos mal que as e os profesionais son do mellorciño. Son inimigas da morte, conseguen salvar vidas e transmitir entusiasmo e alegría.

Acerca de María Xosé Queizán