0 Gardados para despois

Alberte Blanco Casal

A larga sombra de Londres

Os últimos grandes acontecementos na política internacional, como o Brexit ou a elección de Donald Trump, tiña despistados a moitos analistas, cousa nada sorprendente, porque eran resultados moi pouco probables, se temos en conta a previsíbel e coherente mecánica de sucesos políticos que experimentou o mundo Occidental dende a II Guerra Mundial. Aínda que o tempo transcorrido non é suficiente para ter unha perspectiva definitiva, tanto sobre o significado da elección do novo presidente americano ou a saída dos británicos da UE, xa hai algúns elementos significativos que poden iluminar algo do drama que nos ofrecen as elites que manexan o  mundo.

Argumentei que Donald Trump non era o candidato do stablishment, algo que se pode deducir de forma moi sinxela con só observar o acoso continuado ao que foi sometido polo mainstream durante os últimos meses, desautorizando o seu discurso, impugnando as súas medidas lexislativas, ata incluso chegar a falar de sometelo a un impeachement, segundo as declaracións de hai unhas semanas da coñecida líder demócrata, a congresista Nancy Pelosi. E todo iso, sen ter cometido ningún acto ilegal, e, verdadeiramente insólito, sen sequera respectar os 100 días de cortesía parlamentaria ao uso.

Sen embargo, todo cambia de repente o pasado 6 de abril: Trump decide bombardear Siria (aínda que este ataque ten moitos elementos escuros e contraditorios), contra a opinión que tiña manifestado na época de Obama e, de maneira especial, durante a pasada campaña electoral. E fíxoo sen consultar ao Congreso, como é preceptivo pola Constitución USA, salvo perigo inminente para a seguridade do país, cousa que non sucedeu neste caso, como é obvio. Mais en vez de acusalo de temerario e de incumprir a Lei, todos os representantes do Estado Profundo americano que antes o desprezaban: CNN, senador McCain, OTAN e demais corifeos aplaudiron a medida e declararon ao unísono que Trump acababa de converterse nun auténtico USA President. Lamentablemente, se algunha vez Trump mereceu algunha marxe de confianza, no ámbito da política internacional, a día de hoxe o seu creto está practicamente esgotado con esa criminal decisión, complementada co seu último achegamento á OTAN e aos seus plans de guerra. Estamos asistindo ao rendemento incondicional de Trump ante o stablishment, despois de consentir que o Deep State neutralizase ao seu director de intelixencia e conselleiro de seguridade nacional, o tenente xeneral Michael T. Flynn?

Este e outros nomeamentos, de persoas claramente anti intervencionistas, —incluso anti stablishment— foron desprazados de postos clave do goberno, nos menos de tres meses transcorridos dende a toma de posesión, invalidando o proxecto político prometido durante a campaña electoral. O tempo diranos se a deriva actual se confirma, pero en calquera caso en EE.UU. xa comezan a moverse importantes sectores antibelicistas advertindo de que a guerra non é a alternativa.

E aquí debemos analizar o papel dos británicos en todo este embrollo. A orixe da famosa conexión de Trump con Rusia foi unha fake news elaborada polos servizos de intelixencia británicos e aireada polos media do sistema a ambos lados do océano, conferíndolle a esa trola carta de autenticidade. Realmente, con toda a información que está aparecendo, parece que é Londres quen leva a dirección desta guerra psicolóxica. Segundo o profesor Marcello Ferrada, fundador da organización Médicos Suecos polos Dereitos Humanos (SWEDHR), hai poderosos indicios de colaboración entre a ONG “siria” Cascos Brancos e as organizacións terroristas Al Nusra e Fatah al Sham. Esa ONG, dedicada aparentemente a tarefas humanitarias en Siria, está financiada polo Reino Unido e rexistrada nos Países Baixos. Foi a que deu a coñecer outro suposto ataque químico de Bashar al Assad en 2015. Igual que daquela, o ataque actual de Jan Sheijun documéntase mediante testemuñas anónimas pertencentes aos Cascos Brancos e sen ningunha proba obxectiva que implique ás forzas sirias. Non hai dúbida de que Londres ten un papel reitor na ofensiva contra Moscú e Damasco, e utilizou os seus longos tentáculos imperiais para manexar de forma conveniente á Administración Trump e aos organismos internacionais.

Os británicos son expertos fabricando bulos ao tempo que traballan sobre o terreo coas súas forzas especiais para preparar os atentados de bandeira falsa necesarios con tal de que Rusia e EE.UU. non poidan entenderse para resolver os graves conflitos que ameazan a paz mundial. Sábese que na preparación do último ataque a Siria interveu activamente Londres “convencendo” a Trump de que había que pararlle os pés ao “bárbaro” Assad, algo recoñecido polos propios británicos e posto de manifesto polo representante ruso Safronkov na ONU ao esixirlle de forma ostensible ao representante do Reino Unido: “deixe de mentir sobre Siria e de frustrar a colaboración entre Rusia e USA nos asuntos internacionais”. Incluso o “progresista” The Guardian non ten reparo en advertir dende as súas columnas que “ou Putin lle fai caso ao secretario Tillerson (abandonar a Al Assad) ou Siria acabará coma Libia”. O brexit non foi unha vitoria do pobo contra a UE senón unha decisión calibrada das elites do Imperio Británico para actuar sen ataduras e marcándolle o camiño a USA. Fóra da UE están agora liberadas da obriga de ter que facer caso de opinións non coincidentes que poidan darse na Europa continental. O que parecía un novo paradigma de paz corre o risco de acabar en guerra aberta polos intereses británicos cuxa economía radica no mantemento do statu quo de predominio anglosaxón-americano xurdido da II Guerra Mundial.

A situación é verdadeiramente grave, non só polo de Siria, tamén polas ameazas directas a Corea do Norte e a guerra xorda de Ucraína, por non falar de Iraq e Libia, desangrándose cada día. De non reconstruírse as comunicacións entre Rusia e USA o mundo pode encamiñarse cara ao abismo. Pero as cousas non van solucionarse se non se se inflúe nos mandatarios construíndo un gran movemento pacifista que mova as conciencias da Humanidade e pare esta tolemia suicida. Debe facerse en cada país, e en Galiza xa tarda. Sorprende, nesta alarmante escalada bélica, a parálise da esquerda, e mesmo da “sociedade civil”, uns ocupados nos seus problemiñas de escaso alcance, e o resto de vacacións, como se o que ocorre no mundo non fose da súa competencia. Sen ir máis lonxe, as fragatas que dispararon os seus mísiles sobre Siria teñen a súa base en Rota. Se se desencadease un conflito da OTAN en Siria o Estado Español estaría totalmente involucrado, por activa e por pasiva.

Acerca de Alberte Blanco Casal

Profesor numerario de Tecnoloxía de Ensinanza Secundaria. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia. Participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador de varios diarios dixitais, ademais da revista do Fórum Galaico Transmontano editada en Chaves (Portugal). En abril de 2013 publicou a súa primeira novela: Arcadia. Os gardiáns do segredo.