0 Gardados para despois

Ramón Muñiz

Tambores de guerra

Cando éramos rapaces podíamos ver películas creo que cualificadas como azuis que eran as toleradas para menores, e na década dos 50 os cines producían películas bélicas nas que os americanos deleitábannos cos seus pretendidos triunfos alí onde ían a salvar ao mundo do comunismo aínda que na realidade perdesen, alguén irónicamente no caso do Vietnam dicía que  aínda que na realidade perdesen non importaba porque logo gañaban nas películas. Pois ben nos anos 50 foron os tempos da famosa guerra de Corea e aí íamos ver as heroicidades dos soldados americanos en “Paralelo 38”. Nome que lle ven porque a invasión de Corea do Sul (CS) por Corea do Norde (CN) foi parada grazas a intervención americana pero que non puido ir máis alá do paralelo 38, liña que hoxe marca tácitamente ambas fronteiras sen que ningunha das Coreas renuncie a unha unificación imposible dadas as disparidades ideolóxicas. Isto significa tensións continuas entre ambo territorios que implican directamente a EE.UU protector absoluto de CS por razóns de parapeto ideolóxico e xeoestratéxicas dado o lugar onde atópase.

Non cabe dúbida que a cuestión de Corea que mantíñase nun ten contén, coa chegada de Trump convérteuse nun polvorín que non se sabe como pode empezar pero se faino, albíscase como pode rematar, moi mal.

Parece evidente que CN únicamente con 24 millons de habitantes, polo tanto duplicada en poboación por CS con 50 millóns e baixo o paraugas norteamericano con máis de 300 millons e un potencial militar impresionante nada podería facer nunha confrontación se non tomase unhas medidas completamente extraordinarias para defenderse dunha guerra que comezou no 52 pero que na práctica aínda está inacabada pois non hai tratado de paz ningún entre ambas Coreas. Por iso a súa única defensa foi converterse máis que nun estado normalizado, nun bastión militar ata os límites que fosen precisos. Penso, pois, que para CN o acadar a nuclearización lonxe de ser cunha intención expansionista obedece únicamente a unha necesidade de supervivencia. Non é, pois, CN quen poñe en perigo a paz mundial porque proba armas balísticas capaces de transportar bombas nucleares, sinxelamente o mesmo que fan outros países que as teñen. Por que uns poden  telas e outros non?  Seica que ten que haber no mundo uns pacificadores cun poderío que sexan quen decida quen pode telas e quen non?  As armas nucleares o mellor é que non as teña ninguén pero se alguén as ten todos teñen dereito a defenderse coas mesmas oportunidades diante o perigo de ser arrasados, como sería o caso de CN.

O problema está no energúmeno que chegou á Casablanca empeñado en que USA é o amo do mundo xerando na súa poboación unha absoluta incertidume. Incapaz de atopar unha idea sensata na cabeza, impredecible nas súas esperpénticas decisións, acostumado a unha opulenta vida  ignorando que fora do seu mundo de fantasía  viven seres humanos, estamos diante dun ente capaz de provocar un armagedòn, mentres bótase unha sesta tranquilamente soñando con “America first”.

Resulta extremecedor que o ministro de exteriores chino comentase despois de falar con Trump “hoxe en día unha guerra entre potencias nucleares non as gaña ninguén”, algo debeu de temer deste irresponsable. Pensa logo Trump que vai entrar en CN como pola súa casa sen que China faga nada? Que China vai permitir que o seu patio traseiro quede sen un aliado potencial, arrasado e substituido por adversarios perigosos para a súa seguridade e posesións no mar de China?, e despois de China suma e segue porque atacar militarmente a CN témome que sería o inicio dunha carreira de destrución irreparable que pode afogar a humanidad nun mar de cinzas, entón se que será posible o final da Historia..

Estamos en risco diante unha nova era que volveuse impredecible e turbulenta,   abafados pola propaganda e os contos que nos contan os mediáticos dos “pacificadores bos”, que aconsello ler o que din ao revés  para poder sacar algunha conclusión acertada, (por exemplo se poñen: Corea desafia a Trump  pois ler que Trump desafía a Corea). Penso que a cuestión é realmente grave e non vexo aos partidos políticos, metidos no seu quefacer diario, moi preocupados por isto, non escoito por ningures resoar “non a guerra” como nos tempos do Vietnam. A ver se vai suceder como ao principio da nosa guerra incivil cando aquel vasco dicíalle ao amigo “parece que empezou a guerra” e o outro contestoulle “ah! si pero é entre españois”, cando os alemáns bombardearon Guernica decatouse que tamén ía con eles. Da a impresión  que aquí sucede algo semellante a cousa é entre CN e USA, pero non esquezamos que pertencemos a OTAN é dicir somos amigos de Trump, que ironías.

Acerca de Ramón Muñiz

Presidente da Irmandade Moncho Valcarce