Cando ao esperpento lle chaman virtude

Eu nacín en Lugo, medrei e levo toda a miña vida vivindo nesta cidade á que quero. Para min, que teño a miña parte urbanita, pero que tamén -máis á medida que os anos van pasando- busco a tranquilidade e ter un recuncho onde esquecer todo durante unhas horas, ofréceme un xeito de vida case ideal. Agora ben, como todo amor que se prece de ser coherente, o que eu sinto pola miña cidade,non me impide ver que hai facetas dela  menos gratas e bastante máis cuestionables.

Lugo segue conservando ese ambiente clasista, cun punto caciquil, que algunhas persoas desas "de ben", cun apelido que algunha vez significou algo, se esforzan en preservar, malia que atufe a naftalina desde ben lonxe. Fan da dobre moral e dos prezuíxos envelenados o seu dogma de fe, e crense con dereito a, desde a súa atalaia de falsidade e mal disimulados intereses, baixo unha maquillaxe de impoluta decencia, arremeter contra todo e contra todos aqueles que, segundo eles, atenten contra o decoro e ofenda a súas férreas crenzas que deixan de selo cando se albiscan certas prebendas no horizonte. 

A denuncia dun cartel do Entroido é a mostra desa caspa que aínda circula e cobixa a máis dunha persoa que, amparándose en conviccións relixiosas, practica a intolerancia e o fariseísmo máis flagrantes

A denuncia presentada pola presidenta dunha asociación de viúvas de Lugo por mor dun cartel de Entroido, e que provocou que o edil de Culturas da Coruña se vise obrigado a declarar en calidade de investigado non é senón a mostra mais patente desa caspa que aínda circula por este Lugo, e que cobixa a máis dun e dunha que, amparándose en conviccións relixiosas, practican a intolerancia e o fariseísmo mais flagrantes.

E patético o empeño desta señora en disfrazar un acto puramente lúdico e festivo nunha aldraxe que soamente existe na súa cabeza. E mais patético aínda que se lle dea pábulo, e que un xulgado o admita a trámite cando son arquivadas a diario tantas e tantas causas de delitos nos que mesmo pode haber vidas en xogo.

Expreso o meu desconcerto por non ter escoitado nunca esta señora cando, por exemplo, unha muller é vítima da violencia machista

Non teño moito mais que dicir. Soamente manifestar o meu apoio a  José Manuel Sande, e expresarlle a esta señora tan virtuosa e celosa defensora da moral o meu desconcerto por non tela escoitado nunca facer ningún tipo de manifestacións ou declaracións desas que tanto lle gustan nos medios de comunicación cando, por poñer un exemplo, unha muller é vítima da violencia machista. Ou é que os asasinatos de mulleres non atentan contra a súa moral?.

Qué mágoa que, ainda hoxe, en pleno século XXI, ainda teñamos que aturar a quen se obstine en chamar virtude ao que é, sinxelamente, esperpento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.