Hai alternativas (III): o reparto do traballo

O desemprego en España non é provisional senón estrutural, polo que non cabe esperar que se vaia resolvendo cun novo ciclo de crecemento ó catro por cento; é sistémico e precisa dun cambio radical da concepción social do traballo e do seu reparto.

1.- Como é posible que a xente teña que traballar ata case os setenta anos mentres lles resulta case imposible atopar un emprego ás persoas de vinte e trinta? É evidente por que as cousas son así: se a xente se xubila antes hai que pagarlles a pensión mentres que, se as persoas novas están no paro, a súa subsistencia corre a cargo dos seus pais e das súas nais, as mesmas persoas ás que non se deixa xubilar para que a súa descendencia poida encontrar un emprego. Desta forma os orzamentos non teñen que telas en conta: é o mundo ó revés, rexido por contables en lugar de por persoas con sentido común.

Como é posible que a xente teña que traballar ata case os setenta anos mentres lles resulta case imposible atopar un emprego ás persoas de vinte e trinta?

Os economicistas poden responder que o custe das pensións fai inviable que se adiante a xubilación, e este é un argumento que hai que ter en conta. Pero existen alternativas á irracional situación actual. Seguro que as persoas novas preferirían poder traballar antes aínda que tivesen que pagar máis impostos durante os primeiros anos para pagar as pensións das persoas que deixarían o seu emprego para elas, sobre todo tendo en conta que estas últimas serían estatisticamente os seus pais e as súas nais. Non é, evidentemente, necesario que este proceso de substitución se faga nominalmente posto por posto, senón de forma xeral, rebaixando a idade de xubilación para xerar vacantes.

Hai alguén ó que non lle pareza máis lóxico que as persoas que traballen sexan as novas mentres a xente maior se xubile antes para deixar sitio a quen ten máis enerxía e coñecementos actuais, aumentando así a produtividade de xeito indirecto?

Como é posible que non se potencie a xornada parcial para que todo o mundo teña un emprego en lugar de que a metade da poboación teña que traballar para manter á outra metade?

2.- Non ten sentido que unhas persoas non cheguen a final de mes por non ter traballo mentres outras non dan conciliado a vida laboral e a vida familiar porque as fan traballar xornadas interminables. Os bens escasos deben repartirse e o traballo é un deles. Non ten lóxica que unhas persoas teñan que recibir subsidios asistenciais para sobrevivir mentres a outras lles aumentan os impostos para cubrir este gasto. Non sería máis razoable que se reducise a xornada laboral para poder contratar máis xente, repartíndose así o traballo dispoñible entre todos? Esta redución pode facerse por sectores: nos que haxa menos paro, menos redución, nos que haxa máis paro, máis redución.

3.- Como é posible que non se potencie a xornada parcial para que todo o mundo teña un emprego en lugar de que a metade da poboación teña que traballar para manter á outra metade? Así, por exemplo, as dúas persoas que forman unha parella poderían encontrar traballos a media xornada en lugar de que unha estea condenada a ficar na casa mentres a outra case vive no traballo sen apenas ver a súa descendencia. Moita xente estaría interesada en ter unha xornada reducida se iso se institucionalizase para que non fose mal visto pola empresa como signo de falta de compromiso da persoa traballadora. Coa redución da xornada laboral do punto anterior e coa xornada parcial que estamos a ver, o número de persoas que poderían entrar no mercado laboral sería moi apreciable.

4.- Estas medidas poden poñerse en marcha progresivamente, primeiro na administración, logo como condición para as empresas que queiran solicitar subvencións ou concesións públicas e, finalmente, estenderse á empresa privada de forma xeral. Os cambios deben facerse paulatinamente para ir comprobando a súa eficacia e dar tempo a que os actores sociais afectados poidan adaptarse á nova situación. Pero esta progresividade non se debe confundir con falta de rumbo, de non saber onde se está e cara a onde se quere ir.

Estas medidas poden poñerse en marcha progresivamente, primeiro na administración, logo como condición para as empresas que queiran solicitar subvencións ou concesións públicas

5.- A única explicación para que isto non se poña en marcha é a falta de valentía dos políticos actuais para explicarlle á poboación as vantaxes da medida. Os políticos tradicionais só pensan na reelección e apártanse todo o que poden de calquera cousa que represente un problema, aínda que só sexa o de que haxa que explicar algo. Non están interesados en transformar a realidade a mellor senón en vivir tranquilos no seu cargo. É evidente que os que teñen emprego a xornada completa van poñer algún tipo de reticencia a que se reparta o traballo. Isto se agrava co feito de que os parados exercen escasa presión sobre os gobernos dado que adoitan ter baixa formación e consciencia política, mentres que os que traballan soen ter máis recursos de todo tipo para opoñerse.

Hai alternativas; o único que se precisa é capacidade para concretalas e vontade política para poñelas en marcha

O único que hai que explicar é que todo o mundo gaña: o estado precisaría menos gasto para desemprego, as empresas tería traballadores máis produtivos dado que a súa xornada sería máis curta e os traballadores pagarían menos impostos, terían mellor calidade de vida ó traballar menos e o seu posto estaría máis seguro dado o descenso do paro e a reactivación económica inducida por este feito.

Hai alternativas; o único que se precisa é capacidade para concretalas e vontade política para poñelas en marcha.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.