Onde o ceo é sempre gris

Un ano máis, a medida que medran os días, tamén medran as hectáreas de monte que o lume reduce a cinzas neste país. Eu son de Rianxo, un concello do Sur da provincia da Coruña, cuxa superficie chega case aos 59 kilómetros cadrados. Destes, boa parte son de superficie forestal. Hai pouco máis de dez anos, no 2006, máis do 90% da masa forestal do concello de Rianxo foi calcinada.

Ao igual que neste concello, a importancia dos montes en canto á superficie é evidente en moitos outros do país, porén a súa importancia non parece ir máis aló. No pasado o monte significou unha fonte imprescindible de recursos, mais o estado actual dos mesmos é de abandono na meirande parte dos casos, un recurso potencial que esmorece de maneira acelerada coa axuda lumes continuados que vimos sufrindo nos últimos anos.

Deses lumes só nos quedan os montes reducidos a cinzas, paisaxes tinguidas de negro, só nos queda o recordó deses días grises coma o fume que nace das lapas. Quédanos a tristura, a rabia, o lamento, e a resignación de saber que volverá a pasar.

E volverá pasar porque non hai vontade política de que esta peste cese. Non hai vontade política de que o monte volva a ser, como foi, un recurso de todos e todas e para todas e todos. A vontade é outra.

No ano 2014 levouse a cabo a revisión do Plano Forestal de Galiza, que estaba vixente dende o ano 1992. Daquela, un grupo de traballo conformado no seo do Consello Forestal, foi o encargado de ditaminar as pautas polas que se debía rexer a dita revisión. O obxectivo das medidas propostas foi o de eliminar o carácter xermánico da titularidade veciñal e privatizar a xestión dos montes cos mal chamados contratos de xestión pública, así como o de beneficiar unha forestación rápida e beneficiosa sen ningún tipo de criterio nin control do maior número posible de hectáreas, tanto de terras forestais como agrarias.

O cultivo que mellor se adapta a estas esixencias é o eucalipto, unha especie de rápido crecemento e que permite planificar unhas plantacións de gran densidade. A introdución e a constante repoboación con esta especie dos montes galegos fai que o deterioro do solo forestal aumente xa que ademais de ter unha gran vulnerabilidade aos lumes, os eucaliptos teñen unha follaxe moito máis difícil de descompoñer que no caso de especies caducifolias, e isto, unido á lóxica de plantar para queimar nas centrais de biomasa, e nun período curto de tempo fai que os solos non se recuperen.

A Xunta vén de modificar o Decreto 149/2008 para liberalizar a potencia das centrais de biomasa. A normativa aprobada polo Bipartito impedía instalar no noso país plantas de máis de 10 megavatios, á vez que limitaba a suma do conxunto a non máis de 80 megavatios. Pois ben, dende este ano, coa modificación do Decreto 149/2008 por parte do goberno do PP, xa non hai límite de potencia para as centrais de biomasa que se instalen en Galiza.

En setembro do ano pasado a Xunta puxo en marcha o Observatorio da Biomasa co fin de “impulsar o desenvolvemento e modernización do sector” defendendo que “o emprego da biomasa contribúe a aforrar custos, fixar emprego no rural e impulsar a defensa do medio ambiente, ao tempo que, a nivel industrial, axuda a mellorar a competitividade das empresas”.

Pouco máis dun mes despois disto, a Xunta tramitou un proxecto para a construción en Curtis dunha central eléctrica de biomasa de 50 megavatios, é dicir, que quintuplicaba o permitido pola normativa vixente, era ilegal a súa construción. Coa modificación do Decreto 149/2008, o proxecto poderá executarse. O goberno de Feijóo deixa a xestión dos montes galegos unha vez máis nas mans das pasteiras, primeiro cos contratos de xestión pública, e agora eliminando os atrancos que lles impedían explotar os seus recursos ao seu antollo.

Eles comen todo, e esa é a súa vontade. As consecuencias son un monte cada vez máis pobre. Un monte ao servizo das pasteiras que estenden o cultivo do eucalipto, combustible para as centrais eléctricas e para os incendios que cada verán fan que o ceo siga sendo gris.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.